24/05/2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. III. San Xulián de Cabarcos


Igrexa Parroquial. Foto: Xesús Seivane.
Recollido da enciclopedia “Inventario Artistico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a direción de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación das anteriores entradas sobre o mesmo tema: Parroquia de San Cosme e Parroquia de San Pedro.

Localidade de terreo sumamente accidentado, con grandes extensións de montes plantados de pinos e eucaliptos e un frondoso val, no que se atopa a igrexa parroquial. O disperso dalgúns lugares fixo que se ergueran capelas para a devoción popular, todas elas coa súa típica festa anual.

Igrexa Parroquial de San Xulián de Cabarcos.
Construída no século XVIII e consta de nave con dúas capelas laterais, capela maior e sacristía detrás. Á dereita da fachada principal torre dun só corpo rematada por cúpula semiesférica e catro bolas. Súbese a ela por escaleira de caracol. Recentemente o templo, na súa nave e capelas laterais, foi dotado de bóveda de medio canón con arcos de faixa, montado todo sobre cornixas. A capela maior conservou o seu primitivo artesanado, moi sinxelo, de madeira. Pavimento de lastras. Pila de auga bendita de pedra xunta á entrada principal, que ten porta de arco adintelado.

Presbiterio.
Retablo maior de finais do século XVIII, xaspeado e dourado e con detalles rococó. Dous corpos de orde composto. No primeiro sagrario con Agnus Dei na porta e aos lados San Pedro e San Paulo, da mesma época que o retablo. No segundo corpo, San Xulián, época do retablo. Remate de emblema trinitario con catro cabezas de anxos e raios. Dous anxos de corpo enteiro aos lados.

Capela lateral dereita.
Retablo moderno dórico con imaxes modernas e San Antón, século XVII.

Muro lateral dereito da nave.
Imaxe de San Miguel, popular, sen as e dragón aos pés. Cristo, século XVIII, colocado xunto á entrada.

Capela lateral esquerda.
Retablo do ano 1905, con tres imaxes de vestir. Sobre a mesa de altar San Xoán Bautista sobre caveira, século XVIII, e San Xoán Bautista, século XIX.

Muro lateral esquerdo da nave.
Virxe do Rosario, século XVI, moi repintada; a Virxe e o Neno levan coroas de prata do século XVII.

Sacristía.
Capa pluvial floreada, século XVIII, seda murciana. Cáliz, século XVII, con debuxos cicelados en pé e nó. Cáliz sinxelo de prata. Custodia, século XVIII, sinxela, cunha cabeza de anxo sobrevoadora, Cristo con sol e lúa no anverso e a Inmaculada no reverso. Inscrición: “Baldomero Maseda”.

Cemiterio contiguo.
No mesmo, pila bautismal antiga do templo, lisa, de pedra de granito.


San Sebastián. Foto: Xesús Seivane.
Capela de San Sebastián.
Situada no alto do montículo chamado A Rilleira, no medio dun frondoso eucaliptal. Alí celébrase típica romaría o domingo seguinte ao 20 de xaneiro e o domingo seguinte ao 15 de agosto. Forma rectangular con espadana dun so corpo, reconstruída en 1955. Pila de auga bendita de pedra xunto á entrada. Retablo dun só corpo dórico popular, pintado ao óleo e procedente da igrexa parroquial. Virxe da Aparral, fermosa imaxe sedente, século XII, con Neno, moi repintada. Ao carón, San Sebastián popular e San Xulián popular, procedente da igrexa parroquial. San Sebastián popular de bicar. Curiosas lendas populares sobre a aparición da imaxe da Virxe na Idade Media.

Capela da Virxe do Pilar.
Situada nun pradería con precioso fondo de eucaliptos e pinos, lugar de Gondán. Pequeno pórtico rústico e espadana en vano. Pavimento de lastras. Retablo popular dórico, pintado ao óleo, e nel a Virxe de vestir, con coroa de prata. Aos lados, San Xosé popular vestido e Santiago Apóstolo, de xeonllos, popular, vestido.

Capela da Virxe do Carme (Vilamartín Grande).
Fundada no século XVII e reconstruída totalmente nos últimos anos. Unha nave moderna con espadana e bolas na fachada. No presbiterio, mesa de altar feita coas pedras da antiga espadana. Camarín central con Virxe de vestir e aos lados Virxe da Mercede con tres cabezas de anxos nos pés, século XVIII, e Virxe do Carme con San Xoán da Cruz e Santa Tareixa de xeonllos aos lados, século XVIII.


Santa Ana. Foto: Xesús Seivane.
Muro dereito.
Retablo barroco de finais do século XVII, de dous corpos, con columnas salomónicas, sen imaxes.

Muro esquerdo.
Lápida de lousa de fundación de obras pías na capela. É do ano 1962. Cáliz de prata sen decorar con inscrición ao pé: “Don Salvador Menéndez, año de 1962”.

Capela de Santa Ana.
Situada no lugar da Insua, edificación rústica rectangular con espadana dun só corpo, pavimento de vellas baldosas vermellas e un arco triunfal de medio punto. Retablo popular con Santa Ana de vestir, Santa Lucía, popular, pintada ao óleo, e San Xosé, popular do século XVII.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965

21/05/2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. II. San Pedro de Benquerencia

Foto: Benquerencia.info

Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a dirección de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.

Continuación da anterior entrada sobre o mesmo tema.

Igrexa Parroquial de San Pedro

Situada nun precioso paraxe próximo á praia de Benquerencia, remontase a súa construción ao século XVI. Unha nave con dúas capelas laterais, cruceiro e sacristía detrás. Porta lateral no muro dereito cun pequeno soportal no que se lee “Cabildo” (É de anotar que na comarca estes pórticos denomínanse así, porque servían e serven para reunións dos veciños). A sacristía ten no seu frontis porta exterior e dous óculos.
Fachada principal con porta de arco adintelado e cabeza de anxo na clave, sobre ela nicho barroco coa imaxe de pedra de San Pedro popular con gran chave na man. Encima un pequeno óculo e espadana de dous corpos e tres vanos. Rematando todo con bolas e cruz de ferro.

Interior.
Dous arcos de faixa e bóveda de canón cubren a nave. As capelas laterais levan bóveda de lunetos. O cruceiro cúbrese con sinxela bóveda gótica de catro nervios, apoiados sobre cornixa dórica e arcos formeros. Os brazos do cruceiro e presbiterio cubresen con bóvedas de canón con lunetos.
O pavimento é de mármore de Reiriz. Na bóveda do cruceiro pinturas dos Evanxelistas, século XVIII, retocadas recentemente. Na bóveda do presbiterio anxos pintados no século XIX e retocados tamén recentemente.


Foto: Benquerencia.info
Presbiterio.
Retablo maior rococó de dous corpos, xaspeado e dourado. Na mesa de altar escudo pontificio (tiara, cruz, palma sobre panos e chaves). No primeiro corpo altorelevo estofado de San Pedro. Ao carón tallas modernas de San Antón e San Xosé. No segundo corpo, Virxe de Fátima actual. Remata o retablo con Padre Eterno de bo estofado e Espírito Santo con raios.
Sobre ambas portas da sacristía pedestais con rocallas e nelas San Bernardo e San Bento, ambos en medio relevo e vestidos con cugula monacal e decorados con bo estofado.
Sagrario barroco moderno de prata con emblemas eucarísticos repuxados. Nos muros canto anxos de talla, século XIX, sosteñen candeas.

Brazo dereito do cruceiro.
Retablo neoclásico de dous corpos. O primeiro corpo con catro columnas xaspeadas dóricas e Dolorosa de vestir. No segundo corpo medallón abrigando ventá en óculo e dous anxos aos lados, de corpo enteiro. Na mesa de altar man, escaleira e espada.

Capela lateral dereita.
Retablo moderno sen pintar nin dourar. Nel imaxes modernas de San Isidro Labrador, Neno Xesús e Virxe do Carme.


Foto: Benquerencia.info
Brazo esquerdo do cruceiro.
Retablo xaspeado e dourado semellante ao fronteiro. No seu centro Cristo de tamaño natural sobre pintura da cidade de Xerusalén. Aos lados Virxe e San Xoán. O Cristo é unha boa talla barroca, que, antes de ser repintada recentemente, tiña os seus brazos articulados. As imaxes que o acompañan, polo contrario, son populares. O segundo corpo tamén semellante ao do retablo fronteiro e na mesa de altar columna e galo pintados e dourados.

Capela lateral esquerda.
Retablo semellante ao fronteiro e nel Virxe da Candelaria de vestir, San Miguel, século XVIII, Santa Lucia, popular, século XVIII, estofada recentemente por Otero de Viveiro.
Sobre a porta lateral dereita inscrición en mármore relativa as restauracións do templo de 1960.
Vidreiras modernas de cor en tódalas fiestras. Representan: Santa Cilla, Ave María, San Ramón Nonato, Santa Faz, San Fermín, símbolo eucarístico, pelicano, Santiago, emblemas da Paixón, Virxe da Paz, Anunciación e anagrama de Cristo.
Cruz procesional: macolla con debuxo de cabuxóns estilo Renacemento. Anverso Cristo sobredourado e reverso con Virxe con Neno sobre raios, molduras e cabeza de anxo abaixo. Sobredouradas as partes principais e o resto en prata lisa, século XVII.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965

20/05/2013

Parroquias diocesanas de Barreiros en 1975. I. San Cosme


Recollido da enciclopedia “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, editado polo Servicio nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica no ano 1975, baixo a dirección de Elias Valiña Sampedro, Nicanor Rielo Carballo, Santos San Cristobal Sebastián e José Manuel González Reboredo.


Igrexa parroquial de San Cosme

Situada cerca do mar, no medio dun extenso atrio, no que antigamente facíanse romarías populares. Obra dos séculos XVII e XVIII. Unha nave, cruceiro, capela maior e dúas sacristías. Teito moderno. A fachada ten arco adintelado, espadana de dous corpos e tres vanos e puntas de diamante aos lados. Á espadana súbese por escaleira exterior de pedra situada no muro dereito. Porta lateral no muro esquerdo e, ante ela, pórtico de madeira sostido por catro columnas. Sobre a sacristía espadana pequena. No exterior o brazo dereito do cruceiro reloxo de sol de lousa. Pavimento do templo de lastras do país.

Presbiterio.
Retablo da segunda metade do século XVIII en tonalidades azuis e grises e boa talla dourada. Dous corpos e en cada un deles columnas salomónicas talladas con flora do país e dos estípetes. Leva as imaxes modernas de Corazón de Xesús, San Xoán, San Antón, Milagrosa e San Isidro Labrador. No alto grupo da Santísima Trinidade sobre tres anxos, século XVI.

Lado dereito do cruceiro.
Retablo moderno dun corpo, orde composto e rematado en frontón e as imaxes modernas da Virxe do Carme, Santa Ana con Virxe e San Nicolás.

Lado esquerdo do cruceiro.
Retablo moderno, rematado en frontón, con Cristo do século XVIII. Ao carón Virxe e San Xoán modernos. Dúas Virxes de vestir en pedestal. Pila bautismal sinxela de pedra, 0,90 de diámetro. Pila de auga bendita semiesférica xunto á porta principal. Outra pila de auga bendita xunto á porta lateral.


San Cosme. Igrexa d'abaixo
Sacristía.
Cristo popular. Medio viril de prata sen dourar con catro cabezas de anxos e cruz de remate dourados. Cáliz sinxelo, século XVIII, copa de prata e pé de metal. Dous cálices lisos do século XVIII. Cáliz do século XIX de metal amarelo con Cristo no anverso e Inmaculada no reverso. Incensario de estilo rococó de metal e naveta do mesmo. Cáliz de prata sobredourada de finais do século XVIII, cabezas de anxos en pé, nó e copa. Cáliz de prata repuxada con copa dourada, século XVIII.

Tribuna.
San Roque, popular. Virxe de vestir con Neno. San Xosé, século XVIII, repintado. Restos de retablo en rocho.

Capela de Santo Estevo do Ermo.

Situada no medio dun gran risco rodeado de enormes penedos e frondoso arborado, con regato troiteiro e unha fonte de auga mineral un pouco máis arriba. O sitio, de difícil acceso e sumamente fermoso, é escenario dunha típica romaría popular, que ten lugar, anualmente, o Luns de Pascua de Resurrección. A capela foi fundada no século XV e foi reedificada en diferentes épocas. Consta dun nave cuberta de madeira a dúas augas, sacristía detrás e, ante a fachada, un sinxelo pórtico cuberto a tres augas. Espadana dun só vano rematada por bolas de pedra. Pavimento de lastras, arco triunfal de medio punto e pila de auga bendita xunta á porta, que hai no muro lateral esquerdo.

Presbiterio.
Retablo popular xaspeado e dourado de dous corpos, composto. O primeiro corpo leva imaxe titular de Santo Estevo, popular, pintado ao óleo. Ao carón, San Marcos, século XVI e Santo Estevo, de vestir. No segundo corpo, Inmaculada do século XVII, con moitos resaibos populares. Imaxe popular de bicar.


Capela de San Bartolo
Capela de San Bartolomé.

Situada sobre unha roca aberta ás olas da praia de Barreiros, roca chamada “Altar Remior”, e con grandes tradicións dos fenicios e outros pobos primitivos. Hoxe o lugar, desde moi remotas épocas, é centro dunha importante romaría o 24 de agosto, e que as xentes chaman “O San Bartolo”. A zona xunto a capela vaise poboando de importantes chalés. A capela, reconstruída no século XIX, consta dunha nave cuberta de madeira, un sinxelo pórtico e pequena espadana moderna dun só vano. Retablo neogótico sen valor, con imaxe titular de San Bartolomé, popular. Ao carón, San Antón, popular e Santa, popular. Imaxe popular de bicar de San Bartolomé. Dous cruceiros modernos próximos a capela.

Máis información: As parroquias diocesanas no Barreiros de 1965

19/05/2013

Políticos da Perra Gorda


Se cadra ten algo de razón o bípede que atende por Toni Cantó e que exerce de actor no circo político do estado español cando afirmou o sábado que "hai unha gran cantidade de políticos españois que poderían ser moito mellores".

Partindo da premisa de que a clase política do estado vive nunha realidade allea á sociedade, que a unha boa parte tráelle sen coidado o benestar da cidadanía, que outra parte  está formada por mercenarios ben pagados e que moitos exercen a "profesión" porque non saben facer outra cousa ... é evidente que os políticos españois teñen potestade para mellorar.

Poren sempre hai excepcións, casos perdidos. O propio Toni Cantó sería vítima da súa lingua viperina. Por moito que o intente, por enorme que sexa o seu esforzo, a melloría observase como un imposible. Son deputados nas Cortes porque TeleCinco non lles dá un programa. A única melloría capaz de obter Toni Cantó, e outros da súa camada, é a que veña resultado da súa dimisión e desaloxo da súa poltrona. Un pequeno detalle que de por si xa dignificaría un pouco a Política. Individuos coma o representante ultra de UPyD, retrogrados, carentes de sensibilidade, de escasa formación non teñen cabida en ningún espazo de opinión pública. Confío máis no voto de calquera simio que no del. Así que atendendo as súas verbas, un intercambio de espécimes Zoo - Congreso dos Deputados melloraría a calidade parlamentaria.

18/05/2013

Galegos de merda

Foto: El Progreso

Así apareceu onte a embarcación do expresidente do goberno estatal Leopoldo Calvo Sotelo, que, desde non fai moito tempo, está fondeada na rotonda de entrada a Ribadeo (enfronte a IES Gamallo Fierros).

A polémica e o ataque posterior veñen da aburrida liorta entre Ribadeo e os Concellos asturianos polo nome da Ría. Uns consideran que debe ser Ría de Ribadeo e outros que Ría do Eo. Persoalmente non teño ningunha opinión ao respecto, só deixar constancia de que toda a xente que coñezo chámallen "A Ría".

Foto: El Progreso
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia (BNG), opina que "isto ten claros tintes xenófobos. Vir a Ribadeo a poñer galegos de merda por un costado da lancha e por outro poñer Ría del Eo indica desde logo uns tintes xenófobos, ademais de ser un atentado público e un ofensa a nós como galegos."

Xenofobia é unha palabra moi forte. Implica hostilidade e repulsa. Eu deixaríao en vandalismo. Vivindo como vivimos na raia que nos separa de Asturies percibimos perfectamente as boas relacións de veciñanza que nos unen e as poucas que nos separan. Por catro ou cinco salvaxes armados con sprai non creo preciso entrar a falar de xenofobia.

14/05/2013

Billardas a Ceo Aberto. A LNB tamén na defensa de Corcoesto

Non podía ser doutro xeito. A Liga Nacional de Billarda e a Billarda LNB son moito máis que un deporte. Por iso pretendemos demostrar o noso compromiso coa cidadanía deste País contribuíndo, aínda que sexa modestamente, na defensa de calquera causa xusta.

E así o sábado 1 de Xuño estaremos en Santa María de Corcoesto apoiando á Plataforma cun aberto a "Ceo Aberto" contra a mina que pretende espoliar as terras de Bergantiños. 

Mina non!

Billarda Sempre!


Manifesto da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños:

"Un fantasma percorre as terras de Pondal, os vales de Bergantiños, as revoltas do Anllóns, o Monte Branco, Dombate... Ese fantasma ten alento de cianuro e chámase Edgewater, empresa canadense que vén á Galiza non a construír senón a destruír, a extraer o ouro de noso para fuxir con el. Este roubo a cara descuberta é presentado polas autoridades coma unha vitoria, un proxecto estratéxico, porque Edgewater lles vai ofrecer aos “nativos” varias ducias dos empregos peor pagados e máis perigosos, como fai nas súas minas africanas.

As xentes de Bergantiños queremos industrias, a industria produtiva é o mellor índice do dinamismo económico e do emprego estratéxico dun país, igual que o espolio dos recursos é o mellor índice do desartellamento político e social, síntoma da economía entendida como ruindade.

Se a actividade económica non contribúe ao benestar do conxunto da comunidade e só uns cantos se benefician en prexuízo da maioría, e sobre todo se ese beneficio é a costa do patrimonio común, tal actividade económica é ilexítima e antisocial.

O capital sen patria ten como obxectivo único maximizar o beneficio e desafiar os límites que regulan a súa circulación, esa é a súa dinámica. No caso de Corcoesto a Xunta de Galiza fai renuncia do seu papel garantista e regulador e alíase abertamente coa empresa, retorcendo e pervertendo as normas para que se adapten ás esixencias do espoliador: o único que esixe é que cando Edgewater se vaia e quedemos co espazo físico arruinado, todo o ocorrido pareza un accidente. “A mina? Que mina?” A Xunta e os concellos afíns actúan coma un matón a soldo que non protexe senón que traizoa os seus administrados, un goberno que non ten os pés na terra, senón que se deixa arrolar pola propaganda de Edgewater e mesmo a multiplica.

Permitir que unha empresa especuladora veña destruír os nosos petóns e fragas, contaminar o Anllóns e os acuíferos subterráneos, construír balsas tóxicas como as que contaminaron o Danubio en Romanía en 2000 (idéntica á proxectada para Corcoesto), en Hungría en 2010, ou en Andalucía en 1998, para enriba fuxir co ouro co que se elaboraron os torques e as xoias dos nosos castros, empregándonos como gancho para captar investidores nos mercados internacionais, equivale a permitir que saqueen pedra a pedra o Pórtico da Gloria.

A oposición aos embustes, a defensa da terra e da sostibilidade, incluída a laboral para esta xeración e as seguintes, así como a defensa da dignidade cidadá fronte aos que nos queren tratar como unha colonia, lévannos a pedir a paralización da explotación mineira a ceo aberto de Corcoesto."

11/05/2013

Por que os alcaldes non levan un L de prácticas?


Cada ver que boto unha ollada a unha folla parroquial do estilo "La Voz de Galicia" ou "El Progreso", ou nun contenedor de propaganda como "Crónica 3 A Mariña" convénzome moito máis de que os Concellos teñen que desaparecer como institución. Podería argumentar largo e tendido porque ningún Concello da Galiza debería existir xa que non representa a ningunha figura natural senón que son algo totalmente artificial e alleo, ao contrario da Parroquia Civil que si ten tradición, historia e representatividade lóxica.

Pero hoxe xa é noite é non quero entrar en como penso que tería que ser a división territorial do noso País. Máis ben vou quedar na anécdota. Nesa que soltan alcaldes e alcaldesas aos medios de comunicación pensando que acadaron un "éxito", véndeno como tal e, de seguro, dormen coa tranquilidade que supón ter un salario garantido aínda que sexas un inepto para xestionar os recursos que lles proporciona a veciñanza. Nestes tempos que vivimos ser un iletrado suma moitos puntos para exercer a política municipal, aínda que cheire mal.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez intenta despacharnos como unha gran fazaña que o seu Concello pechou o ano 2012 cun remanente positivo de 150.000 euros. E comenta: "...polo tanto o resultado deste presuposto do ano 2012 é unha boa nova para o Concello de Lourenzá por ter un remanente positivo. Isto quere dicir que os axustes que estamos aplicando desde o equipo de goberno, primeiro con Vidal Martínez-Sierra e despois comigo na alcaldía están dando resultado".

Será que vou vello, será que estudei por ciencias e ela por letras, será que vivimos en Oz. Poren que lle dean as voltas que queiran, nun concello como Lourenzá, coa industria do moble e da madeira en crise, con desemprego e con carencias manifestas rematar o exercicio 2012 cun remanente de 150.000 euros é sinal de que non se soubo xestionar os cartos dos veciños nin atender as súas necesidades.

Ese capital non pode estar en caixa municipal de ningún xeito, ten que estar investido en beneficio de quen o aportou. O que non sabe facer outra cousa co diñeiro alén de metelo debaixo do colchón que non presuma de bo xestor.