30 nov. 2012

Día das Librarías


Hoxe celébrase o Día das Librarías, un acontecemento festivo para estimular as vendas nun sector ferido pola crise. A xornada será de portas abertas ata as 22 horas e haberá un 5% de desconto en todos os libros. Esta festa dos espazos libreiros xa está atravesando o Miño co apoio da Fundaçao José Saramago.

Nestes intres, mercar un libro pode supoñer un revés para as nosas economías baseadas na subsistencia mais o importante é o hábito da lectura. Sempre nos quedarán, para os que menos podemos, as bibliotecas e outros recursos de balde que hai espallados pola rede.

Collo prestado sen permiso, ou sexa roubado con descaro, dúas fotos da bitácora "El toupo que fuza" nas que se ve que calquera soporte é válido para a literatura.




LVG: Agasallar para sumar




La Voz de Galicia ven de presentar na súa portada dixital os derradeiros datos do Estudo Xeral de Medios (EGM) no que, a parte de consolidalo como líder da prensa escrita galega, dálle un aumento de 2.000 lectores con respecto ao mesmo período do pasado ano.

O resto do artigo asentase na capacidade creativa do xornalista para interpretar positivamente estes datos e intentar facer sangue co resto das cabeceiras da Galiza.

O que non conta (a parte do subxectivo e cuestionado método EGM) é que un aumento no número de lectores non implica necesariamente un aumento nas vendas. E isto, polo que aprendo, vai minguando. As novas (ou non tan novas) directrices que marcan desde LVG deixan de lado a súa credibilidade, a súa independencia fronte ao poder político e financeiro e, tamén, a súa calidade narrativa.

Que fai logo LVG coa súa tirada? Pois, en moitos casos, regalala. Feito que xa veñen denunciando desde fai tempo diversas asociacións de vendedores de prensa. E seica é unha práctica habitual. Bo proceder para xustificar as subvencións que chegan a dedo desde a Xunta de Galiza.

Cela, o conselleiro e a Familia de Pascual Duarte


Á Consellería de Cultura correspóndelle a defensa e difusión do noso patrimonio cultural. Poren a política que practica cara a dinamizar a nosa lingua e a nosa literatura xa é do todos coñecida.

Sen entrar en moitas discusións é obvio que Camilo José Cela tivo unha traxectoria que deixou unha pegada fundamental na literatura escrita en castelán. O Nobel de Iria Flavia poucos "guiños" lle fixo á escrita en galego. El mesmo se definía como escritor español e universal, cousa que era. Modesto, si que non.

Por iso chamoume a atención que nestes tempos nos que Xesús Vázquez afoga a carteira para a literatura en galego, abra o peto para financiar o coñecemento da figura de Cela. E faino con dúas mostras: unha en Burgos, "70 años de la Familia de Pascual Duarte" e outra en Madrid, "Mitografias, Mitos en la intimidad".

Eu quero supoñer que madrileños e burgaleses xa coñecen a Cela mais é probable que descoñezan a moitos dos nosos clásicos, dos que escribiron en galego. Por iso vaime quedar a dúbida de si este xeito de actuar da Consellería non é dilapidar os cartos públicos sen que aporten nada ao país.


29 nov. 2012

Ex-Tensión Agraria, as gadañas do bravú


Son moitos os planetas e satélites que orbitan no universo do rock galego, unha aposta sempre arriscada. Mais nesa galaxia pangalaica hai tamén un planeta errante que deambula polo espazo musical sen que lle afecte a lei universal da gravidade.

A Hervy, Alejandro, Adrián, Nacho e Xermán deulles un día por meterse nun zulo, escavado nos prados de Bretoña, para recuperar o bravú dos vellos tempos con Ex-tensión Agraria. E tamén lles petou gravar, na Veiga, un EP con cinco temas: "Parcelaria Nom", "Xompaina Arxina", "No esterco nacen as mellores flores", "Pagaralo coa salú" e un quinto aínda sen decidir (que pode estar entre "Múxeme", tema solidario co sector gandeiro, ou "Ei Alcalde", un tributo daquel xeito ás corporacións municipais).

Un dos puntos fortes de Ex-tensión Agraria e a perfecta simbiose público-banda. Os espectadores non existen, son actores fundamentais do directo. Ex-tensión Agraria convértese nun colector-container de mensaxes evidentes que están agochados nas mentes de todos, nos murmurios das rúas, nas conversas caseiras ata que chegan a este altofalante necesario.

Un exemplo de fusión en quente podédelo observar no vídeo "Pagaralo coa salú", canción adicada a apocalipse de NovaCaixaGalicia.




No feisbuc teñen o seu club de anti-fans.



Día do Orgullo Primate


O pasado día 24 de novembro, coincidindo coa data na que se publicou "A orixe das especies" de Charles Darwin, celebrouse o Día do Orgullo Primate. Este acontecemento de carácter divulgativo e reivindicativo so se festexa na Latinoamérica e serve, entre outras cousas, para recordarlles aos creacionistas que a teoría da selección natural é algo probado e vixente.

A asunción da teoría evolutiva, a parte do seu valor científico, implica tamén valores filosóficos que serven para tombar muros miolóxicos. Na Europa pasamos de todo isto. Sentímonos a salvo, nunha coiraza protectora imaxinaria, dos creacionistas e doutros fanáticos relixiosos. Por iso tendemos a considerar o Día do Orgullo Primate un evento propio de friquis.

Así nos vai. Mentres na Sudamérica xa se practica o socialismo do século XXI, aquí a socialdemocracia camiña cara atrás infectada polo virus das políticas neoliberais.

28 nov. 2012

A mestura de viño e troba


O concello de Ribeira, en permanente insubmisión contra a etimoloxía, tamén está de actualidade pola polémica xerada coa denominación dunha casa da cultura. Aos concelleiros do BNG ocorréuselles propoñer Martín Códax, nome fermoso e axeitado para un espazo cultural. Máis a concelleira de xuventude e igualdade (do PP, tiña que ser) quedou escandalizada ante tal atrevemento:



Estas cousas pasan porque se perde o hábito da lectura en detrimento da sana costume de ir de viños. Máis si a ligazón personaxe-alcohol é excluínte para designar edificios públicos, xa pode a sra. concelleira tomar nota para facer un repaso polo estado adiante: Felipe II, Carlos I, Jaime I, Santa Teresa, Duque de Alba, Cardenal Mendoza, Marqués de Cáceres ....



O perigo das manualidades para un español-español


Obsérvase un auxe no arte das manualidades como solución provisional para intentar burlar os perversos efectos da crise que afoga a tantas familias.

Así e todo o que non se pode facer e ir presumindo de español elaborando artesanalmente unha bandeira e non ter os coñecementos precisos sobre a disposición das cores.

Agora que na Galiza estamos outra vez coa polémica das nosas bandeiras nos recintos deportivos, a este cidadán español o ministro do Interior tería que chamalo a contas. Se cadra, a súa imprudencia xa é froito das políticas educativas do sr. Wert.

A curiosa achega recollina nunha das mellores bitácoras de deportes en galego: O Traveseiro.

John Boyne, os romanos e feisbuc

Imaxe de Luis Davila http://obichero.blogspot.com.es/

Os bulos na era da tecnoloxía da información propáganse de xeito virulento a través das redes sociais. Noutra época, na que a xente vivía máis amodiño, incubábanse e reproducíanse con maior lentitude. Aínda así, moitos absurdos históricos teñen asentado na colectividade como verdades absolutas pola indulxencia temeraria e perniciosa do cine.

Recentemente (LVG, 24/11/12 *) o autor de "O neno do pixama a raias", o irlandés John Boyne, afirmaba nunha entrevista:

"Encántame esa novela ["A volta ao mundo en 80 días", de Jules Verne]... ten moito que ver [a miña nova novela] con Phileas Fogg, dando a volta ao mundo en globo"

Para quen leu o libro xa terá aprendido que Phileas Fogg viaxou en case de todo: tren, barco, elefante ... menos en globo.

Tamén quedan para a posteridade os bulos que nos infectan desde Hollywood. Por moitas películas que estren, os viquingos non usaban cascos con cornos. E o meu favorito (xa que o usa Facebook na opción "Gústame") é falsidade tan xeneralizada de que o polgar dos emperadores romanos apuntado cara ao ceo significaba a salvación do gladiador derrotado. A realidade é outra.

A todo isto, dende fai unhas semanas, levo vendo aparecer en distintos muros do Facebook unha suposta declaración de intereses de moitos usuarios para facer constar un dereito que non existe, ou se cadra, para intentar protexer a súa intimidade na rede. Para o que non se decatou, a cousa vai por aquí.

Pero onte leveime unha sorpresa grata, cando apareceu alguén co suficiente raciocinio no mundo virtual para guindar no seu muro unha declaración como é debido.

"Dou-lhe o meu permiso a calquer persoa, instituçom, agente, agéncia ou estrutura guvernamental, incluindo ao Govierno Federal dos Estados Unidos, ao de Mördör e a a Gayoso (o da TVG), para fazer o que lhes saia de dentro coa mandanga que colo no meu taboleiro, já que a minha privacidade já foi violada, desgarrada e tirada á puta fochanca o mesmo dia en que decidim ter umha conta de Facebook.
Quero aproveitar para mandar-lhe saudos aos meus amigos que aínda me quedam e que me estam a mirar e ao agente do Mossad e da Asociaçom de Amizade Galicia-Israel que revisa as contas de Hotmail e mata a todos os nenos enfermos cuxas fotos nom som reenviadas.
Pega esto no teu taboleiro porque, se nom, vem um leprechaum e lhe conta á tua família que te drogas."

(*) Por motivos persoais, non poño enlaces a LVG, pero é doado atopala entrevista no buscador.

27 nov. 2012

Billarda LNB, un xeito de loitar


As revolucións empezan con pequenos xestos que pasan desapercibidos. Teñen un proceso de xénese longa para logo estourar de xeito global. A revolución da billarda LNB tamén  avanzou por esas corredoiras ata converterse na autoestrada que é hoxe. Aló polo ano 2004 comentaban os seus promotores:

"Dende os primeiros golpes do palán contra a billarda no cantón en Lourenzá, despois de mollarse nos campos de Bretoña, pasando polo frío intenso das tardes na Anguieira en Barreiros, a LNB foi medrando pouco a pouco, sen nervios."

Daquela semente plantada na Mariña luguesa xa se recolleu froito por todo o país. Da ducia de palanadores do 2004 pasouse aos centos (miles?) repartidos por toda Galiza.

Atrás xa queda o transcendental vídeo promocional do ano 2006.


Tamén a emotiva testemuña do Premio Nacional ao Deporte 2007, onde se pronunciaron verbas que quedaron marcadas na historia da LNB:

"Somos orgullosos deportistas, galegos e galegas, herdeiros da furia e da carraxe duns antepasados esnaquizados pola historia!
O día de hoxe, coma o ferro quente na pel das bestas bravas, quedara marcado como o día no que o deporte da billarda saíu, para nunca máis voltar, da angustiosa cova do esquecemento! Ogallá que así sexa!"


Hoxe, no 2012, a LNB pode sentir o orgullo de ser un referente no eido deportivo, cultural e social. E tamén, de ser un modelo de autoxestión que despreza as axudas públicas.

O próximo sábado, 1 de decembro, volve a xuntarse a Auténtica, a selección galega de billarda, para participar nunha nova edición da Copa Cantábrica. Desta vez en Xixón e dentro dos actos paralelos ao Liet Internacional.

Moita historia de loita para converter á billarda en moito máis que un deporte: nunha maneira de pensar, nun xeito de vivir.

Outro heroe galego e anónimo

Foto La Voz de Galicia, 27/11/12

D. Sergio, da parroquia de Damil, en Xinzo da Limia xa é merecedor dun lugar de honra, cando lle chegue a hora e que sexa o máis tarde posíbel, no panteón imaxinario dos indíxenas galegos. Nese no que tamén está presente D. Evaristo.

O bo de D. Serxio leva en preitos vinte anos cunha construtora e a Xustiza camiña, se é que ten patas, a un ritmo tan lento que xa non é capaz de aturala.

De aí xurdiu a idea de usar como arquivo persoal, para tanto papeleo xudicial, o mausoleo familiar. Equipouno con dous departamentos. A saber, un para os asuntos das inxustizas, que xa está cheo, e outro, para os papeis da xustiza, que está baleiro en modo espera.

Nestes días, se cadra para celebrar algún aniversario ou para reivindicar o seu dereito á honradez, colocou no nicho-arquivador unha placa onde manifesta de xeito xenérico:

"Colócase esta lápida para que recen pola alma dos estafadores e corruptos de toda España e tamén por quen os apoian porque terán as mesmas ideas"

E a título persoal, engade:

"Estando clara esta estafa e os estafadores, logo de 20 anos e non se remata esta Xustiza"

D. Sergio é un heroe.

Foto e fonte: LVG, 27/11/12

Gandeiros en loita, cidadáns responsables


O sector lácteo galego está mobilizado para reclamar un dereito tan sinxelo, e tan complexo, como é a supervivencia dun dos eixos fundamentais da economía do país. A loita por un prezo xusto que aporte garantías de futuro ás explotacións gandeiras é tarefa de todos. A nosa como cidadáns e consumidores responsables, tamén.

A industria láctea, coa axuda necesaria da Xunta, está a aplicar unha política de prezos perversa que sitúan a centos (ou se cadra, miles) de ganderías nas beiras dun camiño sen retorno. Sen contar as cerca de 5.000 explotacións que xa pasaron a chave no período comprendido entre os anos 2005 e 2010. E as grandes superficies, que manteñen esta agonía e que inauguran enxendros periodicamente, continúan a ofrecer o leite como un produto reclamo.

Os que non somos gandeiros temos a obriga moral de mobilizarnos, na medida das nosas posibilidades, na defensa dos intereses do sector lácteo porque significa vida para o medio rural. Vida para Galiza.

O veleno ideolóxico e a liberdade de prensa



Para ler con tempo, analizar sosegadamente e reflexionar con xuízo.


"Unha vía por onde a burguesía inocula o seu veleno ideolóxico ou sobre a liberdade de prensa e o dereito á información dos capitalistas".


26 nov. 2012

“Desculpen as molestias pero roubamos para comer”

O caso aconteceu, na vila de Viveiro, a semana pasada. Un ou varios individuos entraron, sen o permiso pertinente, nunha marmorería local co ánimo de “expropiar” varios útiles de traballo. Tarefa que completaron con éxito. Mais a conciencia debíalles roer e optaron por deixar unha concisa mensaxe dirixida ao propietario: “Desculpen as molestias pero roubamos para comer”.

A cousa, por anecdótica que pareza, non é para rir. E unha realidade social medio agochada que tende a incrementarse. A vida do pobre é amarga e o seu apetito non desaparece por decreto nin cae maná do ceo por moito rezar.

Esta claro, para min cando menos, que roubar é un delito. Do mesmo xeito é ilícito ter gobernos que non proporcionan aos seus cidadáns un emprego estable e unha vivenda digna. Nos podemos reivindicar a pertenza a unha sociedade civilizada e democrática cando empurramos a colectivos enteiros cara a marxinalidade. Persoas normais que fan uso do furto como un xeito de supervivencia, como unha necesidade vital.

E é que vivimos nun mundo ao revés onde xa nos acostumamos ao roubo avaricioso de políticos, banqueiros e outras lacras e non ollamos a realidade que temos en fronte. A realidade da xente común que, na ausencia dun futuro digno, ten que roubar para que coman os seus fillos.

Non sei ata onde chegará toda esta frustración pero é xa o momento de empezar a revolver nas consciencias e impedir que esta filosofía conservadora que nos están a aplicar deixe de xerar tanta discordia social.

Aínda hai marxe para a manobra.
________________________________________________________________

Empezamos ...

Sen prensións e sen pretensións.