31 dic. 2012

A flor de toxo dos folkgazais


A banda veigueña Os Folkgazais veñen de estrear o seu primeiro videoclip, "Flor de Toxo", unha historia de amor no rural, correspondente á canción homónima incluída no seu segundo álbum "Haiga" (verba que por certo nin sequera recolle o Estraviz e si o fai curiosamente a RAE).

Xa tiña autoeditado no 2007, "Cama de Folkga". Jorge Deaño (percusión), Marcos Méndez (baixo), Abel Pérez (acordeón) J. Antonio Fernández (trompeta) e a voz limpa e clara de Ruth Martín son as pezas que moven o engrenaxe deste conxunto de estética de antano e son pulcro. Os Folkgazais definen o seu estilo como Pachanga-Folk, son xurdido da mestura de orquestras dos anos 40, 50 e 60 cos novos grupos folk e coas bandas actuais.



Os seus comezos son recentes, aló polo 2007, mais a canción lixeira que practican conecta con todo tipo de público a través da música orixinal e sinxela e das melodías evocadoras ben traballadas.

Os Folkgazais son banda criada nese cruce de camiños onde xorden ideas de intercambio cultural e que está situado estratexicamente na Mariña e no Occidente ástur.

A posición non importa


Segundo estudos recentes:

Facelo de pé fortalece a columna;
cara abaixo estimula a circulación do sangue;
cara arriba é máis agradábel;
facelo só é rico, pero egoísta;
en grupo pode ser divertido;
no baño é moi dixestivo;
no auto pode ser perigoso.

Facelo con frecuencia
desenrola a imaxinación;
entre dous, enriquece o coñecemento;
de xeonllos, resulta doloroso.

En fin, sobre a mesa ou sobre o escritorio,
antes de xantar ou da sobremesa,
sobre a cama o na hamaca,
espidos ou vestidos,
sobre o céspede ou na alfombra,
con música ou en silencio,
entre sabas ou no baño
facelo, sempre é un acto de amor e de enriquecemento.

Non importa a idade, nin a raza, nin o credo, nin o sexo, nin a posición económica.

Ler é un pracer!!!


#Tradución ao libre albedrío dun texto que circula pola internet e do que descoñezo a autoría.



30 dic. 2012

A alcaldesa da Veiga, o alcalde de Ribadeo e os 30.000 euros


Ética é un concepto que non figura no dicionario de moitos políticos. Tal é o caso da alcaldesa da Veiga (Asturies), a sra. Begoña Calleja, máxima autoridade municipal en representación do Partido Popular. A mandataria confunde asuntos que competen á vida privada das persoas con liortas políticas. Para este subxénero de políticos vale todo, unha vez que entran na dinámica de defensa da súa cadeira ante os cidadáns coa intención de perpetuarse no poder aínda que sexa xustificando medidas absurdas ou incompetentes. A política con maiúsculas, que veñen a reivindicar ultimamente, precisa aprender a utilizar a diplomacia como ferramenta esencial.

Non o fai a alcaldesa da Veiga cando saca a luz e propaga aos catro ventos, coa intención de xerar polémica, a pretensión de Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, de cobrar preto de 30.000 euros que lle ten como débeda o municipio veciño en concepto de atrasos por trienios e outras devindicacións desde que solicitou a excedencia como funcionario do concello veigueño para adicarse á política nas filas do BNG.

Begoña Calleja, a parte de negarse a pagar, encamiña o tema cara ao enfrontamento político e municipal: A Veiga contra Ribadeo, o PP contra o BNG, o alcalde ribadense contra a alcaldesa veigueña; ou viceversa. Pero está moi errada: isto non é un tema nin político nin municipal. É un tema de defensa dos dereitos adquiridos por un traballador funcionario con praza fixa gañada en oposición. Non hai confusión ningunha, trátase dun conflito laboral, aínda que o traballador sexa a máxima autoridade do concello veciño. Begoña Calleja intenta ser unha aprendiz de Esperanza Aguirre: solta titulares, aínda que prexudiquen a particulares, para desviar a atención dos problemas internos que ten por resolver dentro das lindes do seu municipio.

29 dic. 2012

Ex-Tensión Agraria: O motín musical na cadea de Monterroso


Cando aínda na prensa oficial, untada polo poder das discográficas, comenta o concerto de The Gift en Lugo, desde as Serras de Meira e os prados da Bretaña Ex-Tensión Agraria ven de rachar, outra vez, tódolos moldes coñecidos ofrecendo un concerto, onte, no centro neurálxico da provincia luguesa: a cárcere de Monterroso.

A xornada comezou a mediodía, cun bo xantar na Parrillada O Pozo de Meira e coa mala nova de que nin o road manager nin a presidenta do club de Anti-fans poderían acceder ao recinto penitenciario por cousas que ten a burocracia. Chegados á cárcere, aló polas 16:30h, houbo que pasar polas medidas de control establecidas: cacheos, arco detector, retirada de cámaras de fotos, vídeo e móbiles... Unha vez no interior a tensión palpábase no aire frío de Monterroso. As 17h é o momento da metadona e para crispar máis á poboación reclusa cancelouse o partido de fútbol sala previsto como actividade da xornada.

Abriu o concerto a banda residente, A Pulso, nacida entre as rellas da man do vigués Roberto (guitarra e voz), do ourensán Diego (batería) e do romanés Daniel (baixo). Interpretaron versións de Marea ou Manolo Kabezabolo, pero sobre todo destacaron por dous temas de autoría propia: o homónimo "A pulso" e "Me teneis hasta los güevos".

Non sei si á hora programada, ou cando cadrou, ante unha poboación carcearia dun cento de persoas, algún funcionario vixiante, Lola e máis eu (que fomos os dous únicos "civís" que conseguimos pase para entrar) saltou ao escenario Ex-Tensión Agraria, cunha mensaxe contundente do seu vocalista, Hervy, "traemos música para que os de fora queiran entrar para dentro". O tempo era escaso, no caldeiro taxan todo coa precisión dun afiador de gadañas, pero houbo tempo para escoitar: "Parcelaria Nom", "Ei Alcalde", "No esterco nacen as mellores flores", "Lume", "Corre" e "Pagaralo coa salú".

Demostrouse e deixouse patente entre os muros de formigón do centro penitenciario de Monterroso, a potencia e a proxección de Ex-Tensión Agraria no panorama musical independente galego. Conectou desde o primeiro minuto co público interno, cousa nada doada, tendo en conta a multiculturalidade alí representada e deu o primeiro paso para ter un novo club de fans entre presidiarios residentes, algúns pagando coa súa estancia obrigada culpas das que nos tampouco somos inocentes.

A Monterroso Experience levou o rock galego de Ex-Tensión Agraria á paisaxe máis internacional que se pode xuntar en Lugo. Moitas bandas poden guindar medallas presumindo de ter tocado na FNAC ou en grandes salas. Véxamos cantas teñen no seu haber á cárcere como escenario.






28 dic. 2012

Ribadeo conta Feisbuc


David contra Goliat. A ditadura que impón feisbuc sobre Ribadeo xera un enorme descontento popular, case chegando a alarma social. A única opción posible que a ferramenta deixa para a localización xeográfica do municipio é "Ribadeo, Asturias, Spain". O único que atina é o primeiro e, para os máis ortodoxos, aceptaremos o terceiro como animal de compañía. Ribadeo sempre foi a Porta Norte da Galiza e feisbuc quere transformalo na saída occidental de Asturies.

Xa dicía Karl Marx que a historia da sociedade é unha historia de loita. E para resolver este conflito orixinado por Mark Zuckerberg hai que participar na batalla e gañar a guerra. Non serve declararse vencido ante o poderío da raíña das redes sociais.

Sempre hai armas segredas e alternativas para a loita de guerrilla desde a trincheira. Botade unha man achegando o voso apoio aos activistas de "Ribadeo non é Asturies".

27 dic. 2012

Coas túas mans ergue Cancións de Amor e Liberdade


Coñecín NAO no ano 2010 coa saída do seu segundo álbum "Coas túas mans". Xa quedei prendido das súas cancións, un rock potente e unhas letras en galego que saben achegar sentimentos. Naquela época aínda non estaba en situación de exiliado social buscando refuxio nas oficinas do desemprego. Traballaba arreo e pola noite, cando o funcionariado do edificio empezaba a despexar, podía escoitarse a potencia das melodías de NAO emitidas desde a fiestra da miña oficina polo eido semi-independente de Garabolos.

A banda da Estrada xa tiña gravado un álbum anterior, "As palabras espidas (2007)", que fora moi ben recibido pola crítica entendida en estes mesteres. O seu primeiro disco serviu tamén para inaugurar a produtora viguesa Kamikaze Música. 




Jasper, Gus, Paul e Amós conforman a día de hoxe unha das novas bandas con maior proxección no panorama musical galego. En agosto deste ano empezaron a preprodución-composición dun novo disco, "Cancións de Amor e Liberdade", que pretende ter listo para o día 26 de febreiro de 2013 e comezar unha xira por toda Galiza en marzo. O proxecto é autofinanciado e precisa a axuda de todos aqueles que son seguidores da banda, daqueles que queren que a música en galego se manteña no lugar que lle corresponde, daqueles que  gustan da cultura galega. Por iso a intención é recadar orzamento mediante crowdfunding a través do portal Verkami. Podes axudar aportando desde 5 euros en diante e sempre terás algunha recompensa polo teu xesto.

Cos túas mans podes construír Cancións de Amor e Liberdade.

26 dic. 2012

O Apalpador visitará Barreiros acompañado do espectáculo musical "TIC TAC" de Pablo Díaz


O Colectivo Cultural Ollomao organiza, por segundo ano, unha xornada en torno á figura do Apalpador. Co gallo das datas do Nadal, este xigante carboeiro baixa das montañas luguesas para visitar as casas das nenas e nenos. Conta a tradición que o Apalpador chega cargadiño de castañas que lles deixa ás e os pequenos da casa tras apalparlles as barrigas, e a aquelas que están cheas dilles "Así, así esteas todo o ano".

O Apalpador visitará Barreiros o vindeiro domingo 30 de decembro, entre as 11:30h. e 12:30h. Percorrerá parte do concello barreirense anunciando a súa chegada, e pola tarde, ás 18.30h. estará na Praza do Concello para traernos a voz das nenas e nenos do Caurel; voces que recolle durante todo o ano para divulgar entre a xente con contos, lendas e historias, a riqueza cultural, etnografía e personaxes mitolóxicos galegos. O Apalpador transmite ademais un compromiso coa natureza, xa que explica como, debido ao lixo e ao lume, se atopa con tremendas dificultades para viaxar ás casas dos meniños e meniñas. Por esta razón, o Colectivo Cultural Ollomao e o Apalpador volverán obsequiar ás nenas e nenos cunha planta dunha árbore autóctona para que lle axuden na súa labor de recuperar os bosques galegos.

A chegada do Apalpador estará tamén acompañada de música galega. O colectivo barreirense achega a Barreiros o "TicTac", primeiro libro-disco de Pablo Díaz Carro, adicado especialmente ás e os máis pequenos. 



Para a entidade organizadora "esta xornada constitúe un xeito de divulgar as tradicións e a cultura galegas, como un xeito de coñecer e pór en valor o propio de cara a normalizar as nosas tradicións; moito menos normalizadas e desprazadas por outras conmemoracións asumidas polo conxunto da sociedade. Para o Colectivo Cultural Ollomao é unha prioridade absoluta que a sociedade galega coñeza as propias tradicións e daí o seu compromiso coa recuperación e a normalización das mesmas, compromiso que tenta transmitir na súa actividade habitual".

O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos e nenas. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalles, ademais de outros regalos, unha presa de castañas.

Ten un tronco común con outras tradicións europeas e do norte do Estado español(Olentzero basco e Esteru astur-cántabro) e probablemente a mesma orixe, pero que desgraciadamente en Galiza estaba practicamente esquecido. O rito da Noite do Apalpadoiro foi descrito por varios estudosos e a figura do personaxe refírese na zona da montaña luguesa e, nomeadamente, no Caurel. No oriente ourensán existen referencias a este personaxe aínda que, nalgúns casos, con outros nomes e, noutros, con atribucións menos simpáticas como son as de espantar aos nenos. Porén os traballos de divulgación que se teñen levado a cabo nos últimos anos, pretenden espilo das deturpacións que ben poden responder a superposicións pouco afortunadas doutros costumes e quedarse co concepto positivo do personaxe e co seu agarimo.


AVISO: Este texto non está escrito polo autor do blog. Trátase dunha achega informativa redactada polo Colectivo Cultural Ollomao.



Falou o Papa, falou deus


Tal e como se agardaba, Bieito XVI dirixiuse ao mundo en noiteboa para enviar a súa mensaxe de paz, amor e regaliz a través das ondas hertzianas e das pombas espirituais. O Papa fixo un chamamento a cristiáns e musulmáns (supoño que os xudeus irán incluídos no lote) para que constrúan "os seus países en paz". Eu, que son ateo, terei que axudar ao meu país desde as trincheiras para recuperalo dunha suposta apropiación indebida do mesmo pola xerarquía clerical.

Cristiáns, musulmáns e xudeus converteron a relixión nun perigo para a convivencia pacífica da humanidade. As tres crenzas son culpables de ter rachado a pluralidade do politeísmo para transformar o monoteísmo nun movemento intolerante e excluínte.

Bieito XVI volve chamar a pantasmas do pasado para convertelos en entes actuais, traballadores a prol do monoteísmo en auxe e xunguidos aos poderes políticos dos estados. O fanatismo é expansivo e virulento. A crenza exclusiva nun deus e o rexeite a outras deidades e a outros xeitos de pensar transpórtanos séculos cara atrás na convivencia social.

Non é preciso ollar moi lonxe. A exacerbación dogmática non está so detrás das accións violentas en territorios musulmáns, xudeus ou nos EUA. Témola no estado español, cun binomio, Rouco-Wert, que pretenden adoutrinar aos cativos desde a escola pública. Casos como o acontecido en Zas semellan o retorno de Torquemada á península ibérica.

Aos escépticos, agnósticos e ateos non nos van queimar en fogueiras, pero tampouco nos queren deixar ocupar moita parcela nunha sociedade na que se pretende impoñer a verdade e a moralidade monoteísta. Falou o Papa, falou deus.

25 dic. 2012

Polo Nadal, agasalla Sons, Letras e Actitudes


O Nadal é unha festa na que todos pretendemos aparentar ser mellores persoas, máis solidarios e máis afectivos. Para os católicos, chega envasado en espírito relixioso. Para os amantes do bo comer, preséntase con suculentas ceas e xantares (o que pode, que cada vez somos menos). Para os seguidores de Baco, as datas son as propicias para o exceso etílico. En fin, cada quen ten a liberdade de gozar do feirado como lle pete.

Do que ninguén se pode librar é do bombardeo masivo e indiscriminado xerado desde a sociedade de consumo con munición publicitaria. Nesta ocasión vou aproveitar para contribuír ao napalm consumista.

Nada mellor nestas datas que agasallar con produto da terra, labrado a golpe da paus e navallas artesanais, convertido en sons, letras e actitudes. "República Billarda" é un dobre disco explosivo con toda a maxia do deporte rei que marca pautas na Galiza.

Podes escoitar en dixital e de balde os temas do álbum: Disco Palán e Disco Billarda.

Pero non te esquezas que o mellor xeito de gozar destes estoupidos sonoros e tendo nas túas mans o CD. Merca aquí XA! ou solicítao no correo electrónico ovaral(arroba)hotmail.com.





24 dic. 2012

Do "Peace and Love" ao "Písalo"


O código deontolóxico xornalístico lembra, en síntese, que hai que informar dun xeito veraz, interpretar e opinar desde o interese da sociedade, difundir, esixir e defender de maneira proactiva os dereitos de persoas e colectivos e, todo ilo, con independencia dos poderes establecidos na política ou nos mercados financeiros.


Imaxe: Dragan Humor Gráfico
Poren todos, ou case todos, somos conscientes de que este código non se aplica na prensa profesional. Ao contrario do que ocorre con outras profesións, como avogados, médicos ou farmacéuticos, exercer con irresponsabilidade a xestión da información non ten consecuencias. Nos colexios da Avogacía, da Medicina ou da Farmacia as malas prácticas no oficio veñen acompañadas de suspensións ou de sancións.

Pero, é tan grave administrar interesadamente a información? Eu coido que si. A prensa, a radio e a televisión penetran con poderío na sociedade e teñen capacidade dabondo para matar ou adormecer movementos sociais ou iniciativas xurdidas desde o dereito popular ofrecendo enfoques malévolos.

Cando no xornalismo prevalece o punto de vista particular sobre o xeral empeza o discurso pseudoinformativo, con propaganda tendenciosa para facer subxectiva a realidade. Empézase a destilar mensaxes, ás veces calumnias, que converten o oficio nunha plataforma de rumores interesados para xerar confusións na mente do lector/espectador.

A culpan, xa o teño dito, non é de todo o colectivo dos profesionais da palabra. Hai xente con moito oficio e que, con gran esforzo teñen unha credibilidade merecida. Os culpables, na maioría dos casos, son as empresas editoras que exercen presión, amezan e meten o medo no corpo aos seus redactores.

A modo de anécdota ou broma, hai unha noticia xornalística real que se converteu nunha lenda urbana que aínda, a día de hoxe, moitas persoas dan por certa. Aconteceu no ano 1993 no estadio de Riazor, nun partido entre o Deportivo e o Sevilla. Un xogador local, logo dunha dura entrada, quedou tombado no céspede e nun xesto deportivo o equipo médico do Sevilla prestoulle a súa asistencia. Bilardo, o adestrador sevillista, enfadado berráballes aos seus: "Písalo, písalo, písalo". As cámaras de "El día después" exerceron de testemuña.



A frase fíxose famosa por aqueles tempos. Dous anos despois na Romareda, o Zaragoza medíase ao Chealse. Ante unha dura entrada sobre un xogador inglés, os hooligans empezaron as provocar disturbios e tivo que intervir a policía.



Os seareiros do Zaragoza usaron a expresión "Písalo, písalo, písalo" para animar ás forzas de seguridade. Pouco despois empezou a circular o bulo de que os hooligans ingleses deixaran de arrincar cadeiras e aplaudir á afección local por ter confundido o "Písalo" con "Peace and Love". Incluso comentouse que a prensa británica informara do feito e dos berros de "paz e amor".

Todo mentira, por suposto. A realidade é que foi José María Petón o que inventou todo desde o "Carrusel Deportivo" da Ser e, logo, desde o programa de televisión "Punto Pelota"



Este tipo de noticias, non son daniñas en si mesmo, pero desprestixian á profesión por non aplicar ningún filtro para comunicar.

A realidade incuestionable é que nas liñas editoriais da prensa actual cambiouse o modelo "Peace and Love" polo modelo "Písalo", agás honrosas excepcións que son de xustiza recoñecer.



23 dic. 2012

Unha economía de risa en oito viñetas


Unha visión mordaz da actualidade económica e social a ollos dos debuxantes de lainformación.com, Ferrán Martín e JR Mora.

Ofertones

Fin del mundo

El fin del mundo

Rescate

Pacto

La herencia recibida

Amigo invisible

El chupete



Suso Barral e Peter Schneider, a arte da imaxe desde Garabolos


Chapa-Pote. Imaxe Suso Barral
Desde cativo sentinme atraído polo mundo da fotografía. O meu nunca pasou de darlle ao click e agarda que unha musa pasase despistada polo lugar. Ser fotógrafo require moito, aínda que teñas os coñecementos teóricos fundamentais, é preciso ter unha capacidade de visión moi persoal para traducila na maxia dunha creación artística.

Tiven a honra de ter traballado tres anos da miña vida pasada no mesmo sitio que Suso Barral e Peter Schneider. Foron moitos días e noites, moitos cafés e algunhas cañas, os que necesitei para comprender que detrás das creacións destes dous homes atópanse os artistas, que aplicando técnicas diferentes, imprimen unha estética persoal que logra conectar cos sentidos.

Suso é un artista innovador, emprendedor en procura continúa de novos recursos para o vídeo e para a fotografía. Creador de imaxes con software 3D iluminadas con fotografía panorámicas, fotografías en 360º, recorridos panorámicos en 360º, formador de profesionais e moitas cousas máis. A súa galería de fotografía panorámica pasa por moitos puntos da xeografía galega, desde o Pazo de Fefiñáns ata o Castelo da Frouxeira. Foi Suso Barral, cando o vídeo en 360º aínda non estaba espallado polo estado, o primeiro en achegarse a esta nova experiencia cun dispositivo creado de xeito manual por el mesmo, no que por certo tiven a sorte (ou desgraza) de participar no papel de coello de laboratorio.
Galega, Ordes
Foto: Peter Schneider

Peter é un alemán, de fala fluída galega, chegado a Lugo desde terras de Malpica. O seu traballo é a fotografía social que combina coa publicitaria. O seu recoñecemento profesional ven abalado pola incontable cantidade de exposicións relevantes nas que ten participado na Alemaña, Polonia, Brasil e, por suposto, en diversos puntos da nosa xeografía. Como artista polivalente, tamén exerce como formador e educador experimentado en cursos e obradoiros de fotografía e laboratorio.

Non perdades a oportunidade de coñecer a obra que, desde Garabolos, créase e expándese por toda Galiza e por toda a Galaxia.

.


22 dic. 2012

Da Solidariedade cara a Beneficencia

Foto: Vigoalminuto.com

Fai uns día sorprendíanos a peculiar iniciativa de Cristina de Andrés, empresaria viguesa especializada en protocolo empresarial. Regreso ao século XVII ou Conto de Dickens foron as verbas máis amables que escoitou a través das redes sociais esta consultora, xa famosa por impartir cursos a Belén Esteban. O proxecto de botar 3.000 bolos de pan para os pobres desde o balcón da súa casa ao final tivo que suspendelo, vista a reacción social que ocasionou.

O 20 de decembro celebramos o Día Internacional da Solidariedade Humana, declarado pola ONU, considerando que este é un dos valores fundamentais e universais nas relacións sociais. O problema xurde sempre cando se confunde Solidariedade con Beneficencia, cousa que lle aconteceu á empresaria viguesa.

A Beneficencia ten unha orixe teolóxica no catolicismo oficial (caridade, fe e esperanza). O seu eixo de actuación é vertical e tende a marcar a diferenza entre clases socias. Os practicantes da Beneficencia, sexan gobernos, empresas, partidos políticos, sindicatos ou persoas do común; no fondo buscan unha foto con afán de protagonismo, intentan lavar conciencias, buscar recoñecemento ou respectabilidade na comunidade ou, sinxelamente, apuntarse a unha moda en auxe.

A Solidariedade sae directamente da Xustiza social, traballa de xeito horizontal a prol da dignidade humana. É unha resposta ante a pobreza ou a marxinalidade, nun mundo en que todos temos dereito a ser iguais e temos a obriga de asumir os problemas colectivos da sociedade.

Confundir Beneficencia con Solidariedade acabará por destruír o conxunto de valores que temos creado desde fai moito tempo.



21 dic. 2012

Enmarcada nas políticas de recortes, a Xunta agasalla viaxes


Nunha época na que choven recortes a diario e non ten pinta de escampar, tanto Rajoy coma Feijóo querémonos convencer de que a austeridade é a única vía para non afogar. Máis que indicación xa é unha obriga imposta.

Cando analizamos a austeridade que practican desde o Poder, sempre atopamos cousas rechamantes. Por poñer un exemplo, a Xunta de Galiza, a través da Secretaría Xeral para o Turismo puxo en marcha un programa chamado "Vive Galicia", co obxectivo de atraer visitantes foráneos e fomentar a mobilidade turística interior. Nada que obxectar, paréceme boa idea.

Porén o alicerce no que se basea a campaña e un sorteo en Feisbuc de 1.887 paquetes turísticos repartidos en 52 ofertas variadas: natureza, gastronomía, golf, etc. Todo de balde. O investimento que fan as arcas públicas é de 326.498 euros. O único requisito para participar é facerse amigo de Turgalicia no Feisbuc.

Cando non hai creatividade toda solución pasa por inxectar cartos. Podedes consultar neste enlace -vivegalicia.promocionesturgalicia.es/bases.asp?idioma=2-



20 dic. 2012

Programación especial da TVG para a Fin do Mundo




Venres, 21 de decembro do 2012 na TVG

08:00 h Bos días
O programa conducido por Marga Pazos e Almudena R. de Urzáiz cambiara o formato da cabeceira e pasará a chamarse “Último día”. Contará coa presencia de Alberto Nuñez Feijóo para inaugurar oficialmente a Fin do Mundo, acompañado por un nutrido elenco de personalidades políticas e financeiras que contribuíron de xeito positivo á chegada deste día. O presidente Rajoy dirá unhas verbas por vídeo-conferencia e o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, rezará pola alma de Mariló Montero. Verase en directo a caída dos primeiros meteoritos.

10:19 h A cociña de André
O cociñeiro André Arzúa xa non vai perder o tempo con receitas imaxinativas e saudables. Ensinaranos a abrir unhas latas de conserva e recoméndanos a inxestión masiva de licor café.

10:45 h A nanny
A serie de humor que protagoniza Fran Drescher queda suspendida. No seu lugar emitirase un capítulo de “The Walking Dead”

11:32 h Infiltrados
A serie australiana tamén suspendida. Emítese un episodio de  “American Horror Show”

12:19 h Reportaxes actualizad@s
Emitiranse imaxes en directo dos tsunamis, das caídas de meteoritos e da alineación dos planetas do sistema solar

12:33 h Era visto
Moncho fará unha reflexión persoal sobre o que sucede nesta fin do mundo. Buscará culpables entre os veciños e os maias.

12:38 h Calendario extravagante
Si, extravagante e caprichoso. Podería cadrar, cando menos, en luns.

12:40 h A Revista
Tati Moyano trae como convidado especial ao experto en finais do mundo Iker Jiménez. Falaran sobre a inversión dos polos magnéticos da Terra e sobre a revelación dos alieníxenas que estaban agochados entre nos. Seguiran chegando imaxes en directo sobre todo o que acontece.

13:46 h Cada día un libro
A lectura recomendada para hoxe é “O libro de O Apocalipse”

13:47 h Galicia Noticias Mediodía
Informacións puntuais desde distintos lugares da xeografía galega onde a Fin do Mundo se atope en estado máis avanzado.

14:25 h Telexornal Mediodía
Fran L. Iglesias e Irene Lourido dedicaron todo o programa a informar da caída de meteoritos, dos tsunamis, da chegada de ovnis, da inversión dos polos e, sobre todo, do ben que está a xestionar a catástrofe Feijóo, produto dunha herdanza do goberno bipartito

15:30 h Vivir aquí
Cambia a cabeceira por “Morrer aquí”

15:43 h O Tempo mediodía
Vai estar fodido.

15:56 h Cifras e letras
Paco Lodeiro sae do armario e confesa ser membro da Ciencioloxía, ten un contrato asinado coa seita e seica un platillo voante vai recollelo antes da Fin do Mundo.

16:26 h Libro de familia
Non é preciso. A Fin do Mundo afectará a tódolos teus familiares, veciños e gatos.

17:42 h Hamburgo
Pasa a chamarse Hirosima.

18:25 h Boletín informativo
BNG e AGE declaran unilateralmente a independencia do estado español, coas esperanzas postas en que a destrución de España non arrastre a Galiza.

18:32 h O Tempo
Vai a peor

18:34 h Criaturas
Condenadas a desaparecer igual cos humanos.

19:03 h A Revista da tarde
Quique Morales fai un repaso lúdico por este día tráxico.

20:19 h Información sobre o estado do mar
Superquecemento global, a auga do mar ferve.

20:30 h Galicia noticias serán
Alberto Mancebo nin se queira fai acto de presencia.

20:58 h Telexornal Serán
Marta Darriba comunica as ultimas novas chegadas á redacción. Terio Carrera resalta que a Lendoiro xa non lle poden ir as cousas a peor.

21:52 h O Tempo serán
Peor que fai unhas horas.

22:04 h Luar
Xosé Ramón Gayoso será o encargado de despedir o mundo cun espectáculo no que participaran alieníxenas bailando o Gangnam Style, sairá o Sol pola noite para poder observar a caída dos meteoritos. Procederase á apertura do túnel entre o Taj Mahal e o Machu Picchu. Comezará a desintegración dos terrícolas. Farase un brinde e será a fin da Fin do Mundo.
.

O Colectivo Ollomao ergue o pano de "Os vellos non deben namorarse"


Este ano 2013 as letras galegas renderán merecido homenaxe ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. O autor, director e actor de teatro compostelán (1950-2002) foi unha figura imprescindible no Teatro Galego e, polo tanto, en todo o sistema literario do país.

O 2013 eríxese por mérito propio no ano do Teatro Galego, aínda que se escoitan moitas voces profetizando a prematura morte das artes escénicas galegas. Polo ben de todos, agardemos que sexan tan atinadas como as de Nostradamus.

Na Mariña hai moita paixón polo teatro. Así o demostran a gran cantidade de grupos amateurs e profesionais que se espallan ao longo de toda a comarca, con éxito de público. A tradición ven de lonxe. O 23 de decembro, o Centro Dramático Galego presentará, en Ribadeo, "O Profesional" do serbio Dusan Kovascevic.

Mais o gran evento, a gran festa do teatro, chega das mans do Colectivo Cultural Ollomao, do Concello de Barreiros. A asociación dá vida a "unha iniciativa múltiple, aberta e plural que xurdiu ante a necesidade básica paras calquera sociedade desenvolvida: o dereito á cultura dos seus cidadáns". A militancia coa cultura galega véñeno demostrando desde fai anos, organizando diversas actividades por tódalas parroquias do municipio. Impulsando a cultura en galego desde calquera curruncho, marcando diferencias coa cultura institucionalizada e centralizada.

O Colectivo Cultural Ollomao vai estrear o ano 2013, facendo un chisco ao teatro, cun proxecto de calado. Presentarán en exclusiva unha nova revisión do clásico de Castelao "Os Vellos non deben namorarse". O elenco está formado por actrices e actores de Barreiros e arredores, e a dirección colectiva correrá a cargo de Comba Campoy e Ramón Casas. A cita será no Pavillón de San Miguel de Reinante, o venres 4 de xaneiro ás 21h. O prezo, simbólico, da entrada é de 2 euros, que contribuirá a financiar futuras actividades.

Nenas e nenos, mozas e mozos, donas e cabaleiros... o Colectivo Ollomao abre o pano da espectacular produción "Os vellos non deben namorarse" de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Marquen xa a data na súa axenda!


O Apalpador confirma a súa visita a Ribadeo




O Apalpador, a mítica figura do carboeiro do Courel, que baixa das montañas para tocarlles a barriga aos nenos e comprobar que non pasaron fame, vai estar presente este ano, máis ca nunca, en tódalas comarcas galegas. Xa confirmou a súa presenza nun cento de sitios, entre eles Lugo, Vigo, Narón, San Sadurniño, a LNB, etc.

E non podía esquecer chegar á vila de Ribadeo. Confirmación que chegou onte en xeito de bando municipal anunciando a visita para o día 30 de decembro, ás 13 horas. Sairá da Praza de San Roque, co seu saco cheo de castañas, para recorrer todo o pobo.




Vaite logo meu ninín / miña neniña,
marcha agora pra a camiña,
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
Mañá é día de cachela
que haberá gran nevadara
e vai vir o Apalpador
cunha mega de castañas


19 dic. 2012

O emprego como obxecto de consumo


Algúns de vos xa teredes ollado a curtametraxe de Santiago Bou Graso, "O Emprego". Un vídeo que convida á reflexión sobre o mercado laboral actual, recorda o pasado e indícanos o futuro. O traballador como novo escravo do poder financeiro nun contexto de desemprego masivo e precariedade.

Para quen non tivo a oportunidade de velo, se o desexa, pode prestar atención a estes 6 minutos de animación.


LNB, carteis para "Fiestras pola Liberdade", escolma II


Logo de ter feita unha primeira selección persoal de históricos carteis da LNB Billarda, chégame pola parabólica que se vai facer unha exposición itinerante, "Fiestras pola Liberdade", que recorrerá centros sociais, casas da cultura, bares e tascas do país. Así pois, disparo a miña segunda escolma de carteis.











18 dic. 2012

1936-1940. A represión no Partido Xudicial de Ribadeo

O desaparecido Partido Xudicial de Ribadeo estaba formado polos concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Vilaodriz e Vilameá. Estes dous últimos constitúen o actual concello de A Pontenova.

O 19 de xullo do ano 1936 os Carabineiros de Ribadeo, baixo o mando do capitán Rafael Pérez Aleixandre, apoiaron con lealdade ao goberno da República. O día 22, partiu de Lugo unha columna da Garda Civil para tomar o control da vila. Deteñen a varios dirixentes da esquerda. Entre eles ao deputado natural de Vilaodriz José María Díaz y Díaz Villamil, que se atopaba agochado na vila e que era considerado polos falanxistas un dos principais revolucionarios da provincia. Tanto Villamil como o capitán Pérez Aleixandre serían fusilados con posterioridade na cidade de Lugo. A mesma columna da Garda Civil dirixiuse o día 23 á Pontenova para acabar coa resistencia dos mineiros e dos militantes da UGT e da CNT.

A partir do mes de xullo do 36 empezaron as accións represivas contra os elementos afíns a causa republicana. Os primeiros en ser vítimas da represión foron os representantes políticos, deste xeito foron procesados os seguintes:



No período de 1936 a 1940 foron detidos un total de 159 persoas pola súa condición política nos concellos do Partido Xudicial. Apareceron mortos rexistrados como "causas non especificadas": en Ribadeo, 109 persoas, en Barreiros, 12 e na Pontenova, 12. Non quere dicir que todos foran vítimas da represión, poda que algún fose un erro no rexistro máis as cifras son moito máis elevadas que as do ano 1935. Tamén teriamos que engadir unha serie de vítimas anónimas que non figuran en ningún rexistro e que se descoñece o seu número.

As novas alcaldías dentro do Partido Xudicial formáronse nun principio con Monárquicos, xentes de Calvo-Sotelo, da dereita tradicionalista e poucos falanxistas. Aínda que co paso do tempo, a maioría dos edis acabaron militando na Falanxe. Os datos das xestoras municipais dos concellos do Partido Xudicial son públicas, pero eu non vou citar ningún nome porque os fillos daqueles falanxistas meréceme un respecto. Prefiro reivindicar a memoria dos heroes que defenderon a causa republicana na comarca.

Bibliografía:
SOUTO BLANCO, MARÍA JESÚS. "Los apoyos al régimen de franquista en la provincia de Lugo (1936-1940)"
SOUTO BLANCO, MARÍA JESÚS. "La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940)"
FERNÁNDEZ, CARLOS. "El alzamiento de 1936 en Galicia"
.


17 dic. 2012

Da manifestación á revolución


A vaca dá o que dá. Cando o ubre non ten leite de pouco serve seguir muxindo. As políticas neoliberais de Rajoy tentan sacar máis do teto da cidadanía a base de tributos, taxas e recortes en tódolos servizos públicos. As vacas son moitas pero son animais mansos e cando se botan a bravo acabicórnanse. Rajoy ten os mecanismos necesarios para acabicornar aos cidadáns facendo uso das forzas represivas do Goberno. Estender o temor sempre tende a amansar.

Non chego a comprender como hai tantas vacas pacendo e rumiando polos prados con tranquilidade abraiante. Mansas ante un destino cruel. Rajoy é consciente da mansedume da sociedade e seguirá atacando todo aquelo que representa conquistas logradas con décadas de sacrificio. Non sabe facer política doutro xeito. Tampouco lle interesa. É dabondo con que vivan ben uns cantos pastores chupando da ubre colectiva e controlando o rabaño.

Xa non sei que máis temos que aguantar neste prado estatal para liberarnos dos cadarmes e revelarnos na búsqueda dun modelo social axeitado. As manifestacións e reivindicacións xeran indiferenza ao Poder establecido. Precísase de novas ferramentas colectivas que fomenten unha revolución pacífica para mover este sistema neoliberal que nos condena a marxinalidade.

Queda pouco para que empecemos a rumiar e a contestar "muuuu".

(*) Con todo o me respecto para as vacas, seres moi apreciados.




O bo tabaco de Barreiros

21/03/1936 Las Riberas del Eo
 Imaxe Blog "Ribadeo e o cine"

Sempre lles resultou algo estraño aos meus amigos de cidade o cultivo de tabaco na Mariña. Sobre todo cando eu insistía nas historias que me tiña contado meu avó como labrego metido a estes traballos. Por iso quixen recoller un texto incluído no libro "Encontros", maxistral obra de artesanía para o recordo elaborada por D. Jesús Otero Pérez (Suso do Siñeiro), xornalista, escritor, barreirense ilustre. O texto lévanos á década dos anos 40, en pleno apoxeo destes cultivos polas terras mariñáns.

"As fértiles terras de Barreiros alimentan moi ben os máis diversos froitos. As terras barreirenses "dan moito e bo", non se esqueza xamais.

Patacas, millo, cebada, nabos, remolacha, tabaco...

Tabaco nesta zona? Pois si, e moi bo tabaco. Nosoutros fomos testemuñas deste feito.

Estamos nos anos da metade da década dos 40. No barrio barreirense de Remior. Na miña querida e respectada Casa de Barreira. Dirixindo a facenda campesiña, un home moi preparado para lograr os mellores resultados. Aló o auténtico "capataz agrícola", experto gandeiro Tomás Pérez Barreira, home intelixente de bo escoitar, de ben facer. Persoa disposta , polo tanto, a toda nova modalidade positiva para o campo.

Tomás foi o primeiro en poñer no chan das carbalizas, formigón. Tamén fixo cambios nos medios de transporte dos produtos agrícolas. Sempre, en fin, destacou pola súa inquedanza no progreso da vida campesiña.

A nosa testemuña que máis enriba dixemos, refírese á plantación do tabaco negro e rubio. Tomás, o noso tío e padriño, era moi bo amigo de Luís López Vilas, un barreirense que tiña un alto cargo na que entón se chamaba Compañía Arrendataria de Tabacos. Foi Luís, coñecido e apreciado aquí como Luís de Sidro, debido o nome da súa casa familiar, o que propuxo a Tomás de Barreira o cultivo do tabaco en Remior.

A proposta foi aceptada. No se intre, o comezo dos traballos. Na súa hora, a recollida. Abundancia e calidade. Varios anos con éxito. Ata que causas doutra índole interromperon o cultivo.

Xa dixemos, hai unhas datas, que o Barreiros agrícola e gandeiro, tiña polos tempos que detallamos antes, unha moi notable importancia. Indicamos tamén que os mandatos dos tempos modernos foron cambiando a vida. Hoxe, o campo ten outra dimensión, nembargantes a calidade das terras de labrado, que aínda quedan sen a presión doutros sectores, como é lóxico, permanece e gústanos dicilo. Sentímonos sastisfeitos de lembrar os aconteceres que pola súa condición intrínseca e tamén extrínseca nunca perden actualidade."

16 dic. 2012

La Voz de Galicia, de xornal a folla parroquial

Imaxe: Ex-Voz

Nunha edición do programa "El Intermedio" desta semana, Dani Mateo facía un repaso sarcástico sobre as noticias que ocupan páxinas en "La Voz de Galicia". Ao seu entender, a actualidade informativa do rotativo coruñés céntrase no mundo dos loros. Non vou ser eu que lle saque razón, aquí está o vídeo para ser xulgado.

Deixe de mercar a Voz o día 1 de marzo de 2009, aínda que sego sendo consumidor dos seus contidos dixitais. Facendo un uso prudente do reportado e aplicando unha máquina Enigma para descifrar a información.

Houbo un tempo en que esta cabeceira foi un referente de bo xornalismo e de calidade informativa. Lonxe queda. O grupo entrou en perda económica a pesar das continuas inxeccións de carto público chegadas desde a Xunta de Feijóo. O despedimento masivo de xornalistas, algúns veteranos no oficio, minguaron a calidade informativa e crearon inseguridade nos redactores que permanecen no cadro de persoal. Pero os recortes e a precariedade menten o medo no corpo e converten xornalistas obxectivos en xuntadores de palabras ao servizo de caciques empresariais. O Poder exercitado pola cúpula directiva marca con pauta militar a liña editorial, censurando e manipulando contidos e convertendo o xornalismo noutro xeito de escravitude.

A Voz xoga nun terreo distinto ao resto de periódicos galegos impresos. Xoga á distracción, a defender medidas socialmente repudiadas usando argumentos gastados polo PP: "son medidas dolorosas y necesarias". Xoga a envorcar o seu apoio férreo ás políticas de Feijóo. Xoga a insistir de xeito cansiño en "campañas" que so abandeiran desde o rotativo: anti-Lendoiro, anti-Abel Caballero, anti-BNG, anti-Mangouras, pro-Paco Vázquez, pro-Feijóo, pro-Amancio Ortega, pro-Nova Caixa Galicia, etc.

A internet abriu a porta á pluralidade informativa de calidade, independente e obxectiva. Hoxe, a Voz, cos seus titulares rechamantes, non me merece maior valoración que a de calquera panfleto da dereita aldeán sen ningunha vocación de servizo á cidadanía galega. Sobre o que se coce nas entrañas da redacción da cabeceira herculina, recoméndovos que consultedes nesta bitácora.


BNG A Mariña cara ás municipais


Feijóo presentouse onte en Lugo, ante os seus simpatizantes, coa promesa de conquistar o poder na Deputación Provincial, mirando xa cara ás próximas municipais. Aínda están lonxe no tempo pero o PP lugués xa se puxo en camiño para mobilizar á base social do seu partido. Para facerse co bastón de mando en San Marcos, entre outros factores, axudaríalles moito a perda de votantes do BNG na Mariña de Lugo. Os pésimos resultados obtidos polos nacionalistas na comarca, cun serio retroceso, e o 51% do voto recadado polo PP danlle a Feijóo argumentos de sobra para posicionarse nun bo lugar nesta loita. A irrupción de AGE nos comicios restou unha morea de papeletas ao BNG nos 15 concellos da Mariña: o BNG obtivo 4.519 votos e AGE 3.731. O factor Beiras foi demoledor, liderando a coalición de Anova e Esquerda Unida foi capaz de transmitir unha ilusión colectiva semellante á Syriza grega.

O traballo de militantes e simpatizantes do BNG na Mariña foi extenso e intenso. Mais os resultados non acompañaron e o mesmo Bloque o recoñece no seu documento Construíndo Futuro"a nosa organización non sempre soubo atinar á hora de trasladar as demandas e sentimentos daquela parte da sociedade á que pretendemos representar e mobilizar para acadar os nosos obxectivos"

Desde a web do BNG, baixo o epígrafe #proponconnosco, convidase á cidadanía en xeral a aportar ideas para optimizar recursos e mellorar a participación na sociedade. Un dos eidos máis febles que ten o Bloque na Mariña é o derivado do mal uso que se fai da internet e das redes sociais, claves no éxito de AGE. A diferenza con outras zonas, o BNG A Mariña non ten unha páxina web comarcal, carencia difícil de entender porque é a mesma organización a que se desconecta informativamente dos mariñáns descartando un recurso económico moi eficiente para achegar mensaxes. Outra cousa que me chama a atención é o mal uso que se fai no facebook dos perfiles das agrupacións locais do BNG. Deixan patente que non hai ningunha conexión entre eles, cada quen guinda no seu muro o que lle apetece, como se fose un navegante máis, e nalgúns casos a comunicación vólvese contraditoria, non é axeitada ou da pé para que se entre en discusións inútiles. A coordinación nas redes socias, a través dunha web comarcal, semella fundamental para que o Bloque poida transmitir a toda a cidadanía da Mariña unha mensaxe clara, segura, contundente e de confianza e unidade.

O Bloque mariñán xa ten que empezar a preparar a cita coas municipais para recuperalo terreo perdido e ter en conta que nesta ocasión, a parte de AGE, haberá que estar pendente de Compromiso por Galicia, que xa ten unha clara vocación municipalista. Iremos vendo.

15 dic. 2012

Paco Vázquez, alieníxena na Galiza


Non son capaz de adiviñar o que lle pasa na cabeza a Paco Vázquez cando é capaz de comparar aos cativos xudeus perseguidos polos nazis coa defensa da lingua catalá nas aulas. Non sei se son produto da súa maldade ou da súa ignorancia. Se cadra, so persigue o protagonismo nos medios que ten perdido xa fai anos. Tal vez unha cadeira no "Sálvame" con Jorge Javier, Karmele e os Kikos serían unha boa plataforma para empurrar a este bípede en horas baixas.

Paco Vázquez sempre foi un alieníxena nesta terra. Invadiu o corpo dun galego para convertelo en "católico españolista". Non lle axudaron moito as súas xornadas de lacaio ao servizo do pequeno imperio nas cortes vaticanas. Aínda lembro un artigo da súa autoría defendendo o castelán para uso diplomático que titulaba "Ladran, Sancho, luego cabalgamos". Frase, que se terá lido o Quixote, aprendería que nunca empregou o xenial Cervantes na súa obra.

Paco Vázquez ven desmontar diante das cámaras un mito: o pailanismo non se cura por moito viaxar. A súa vida de extraterrestre na Coruña amosa o pouco contacto que ten coa realidade máis próxima. Non chega pontificar desde a TVG, hai que abandonar a condición de pailán e coñecer empiricamente, con obxectividade, o que acontece nas rúas. Hai que baixarse do Paco-móbil. E senón, roer reproches como os de Jorquera.


14 dic. 2012

Un ribadense na revolución cubana


Pedro Rodríguez Villameitide naceu na parroquia ribadense de Couxela a finais do século XIX. Como tantos outros mozos da época emigrou a Cuba, casou e tivo en 1913 un fillo: Carlos Rafael Rodríguez. Co paso do tempo converteríase nunha das figuras máis prestixiosas da revolución cubana. Así o conta Lois Pérez Leira no seu libro "Cuba, os galegos e o Che".

Xa de mozo empezou na loita estudantil contra a ditadura de Machado. Gradouse como doutor en Dereito Civil e en Ciencias Sociais, Políticas, Económicas e Dereito Público, con notas de sobresaínte en tódalas materias. En 1958, xa integrado na revolución cubana, foi designado por Fidel Castro como representante do Comité Nacional da Serra Mestra. Logo do triunfo da revolución, desempeñou cargos moi relevantes no Partido Comunista e no goberno cubano. Faleceu na Habana o 8 de decembro de 1997. Coñecese que fixo unha viaxe privada para coñecer as terras de Ribadeo.

13 dic. 2012

A economía mergullada de subsistencia

Foto: Sermos Galiza

A Xunta de Galiza, a través da Consellería de Traballo, ven de anunciar un incremento significativo para o 2013 na loita contra a economía irregular. Prevé máis de 16.000 actuacións para detectar faltas de alta na Seguridade Social e traballos de perceptores de prestacións incompatibles. As áreas nas que se centrará a Inspección de Traballo serán fundamentalmente nos sectores da hostalería, do comercio polo miúdo e na construción.

Entendo que toda iniciativa para paliar os efectos que supón a economía mergullada, aquela que escapa ao control do fisco, é positiva. Pero hai que andar con pasos moi medidos na loita contra esta fraude. Non se pode confundir a economía subterránea (a que practican empresas pantasma), a economía criminal (casos como o de Gao Ping) e a economía mergullada de subsistencia. Esta última merece unha consideración en tanto que non é un problema en si, senón que é o resultado demoledor do efecto das prácticas económicas neoliberais postas en marcha polo estado español.

Os técnicos de Facenda concordan, e non se cansan de repetir, que a colosal bolsa de fraude fiscal está nos grandes grupos empresariais, nas empresas transnacionais e nas grandes fortunas persoais. As persoas que practican a título persoal unha economía mergullada de subsistencia non supoñen unha porcentaxe relevante na fraude fiscal. Moitos están condenados a vivir de costas a legalidade e si tiveran que tributar desaparecerían, o que implicaría para o estado un aumento no gasto das coberturas sociais. Si se persigue ao señor ou señora do Círculo de Lectores ou de Avón que traballa para chegar ao fin do mes, por mal camiño imos.

Poren hai un nicho que a Xunta semella esquecer na súa cruzada contra o traballo irregular: as empresas eléctricas. Para que non coñeza a operativa, fago unha breve descrición. Desde a liberalización do sector eléctrico, as empresas empezaron nunha carreira pola captación de novos clientes. O primeiro obxectivo foron os consumidores con máis de 10Kw de potencia contratada pero agora, ante a previsible desaparición da Tarifa de Último Recurso (TUR), tamén tratan de captar clientes domésticos. As eléctricas, por suposto, non cometen ningunha irregularidade: acordan os servizos de captación de clientes con empresas externas legais que están dadas de alta na Seguridade Social e figuran no Rexistro Mercantil. Aquí xa empezan os chanchullos. Unha parte destas sociedades realizan o traballo de xeito legal, con xente do seu cadro de persoal ou con autónomos que lles facturan. Porén hai outro grupo que se nutre de desempregados aos que pagan en negro e que non teñen outro xeito de conseguir un salario. E non se poden facer autónomos porque as comisións son tan baixas que na maioría dos meses non lles chegaría para pagar a cota de afiliación. E agora, sabe alguén explicar quen é o culpable nesta cadea. As empresas eléctricas porque non lles importa o xeito en que se fan as captacións de clientes? As empresas externas que abusan da indefensión do desempregado? Ou o paisano que se abriga nesta economía mergullada de subsistencia porque non ten outra saída digna? E sobre todo, por que a Consellería de Traballo non considera prioritario actuar neste sector?