5 dic 2012

21-D. Apocalipse parcial. Galiza vai de camiño

imaxe  Xaquín Marín


O goberno USA ven de emitir un comunicado de carácter oficial desmentindo que a fin do mundo sexa o vindeiro 21 de decembro. De momento, por orde de Obama queda aprazada. Tamén a NASA alertou sobre esta falacia diante de posibles condutas que conduzan ao suicidio. As hipóteses que barallan na internet, todos aqueles que fan negocio coa falsa predición maia, pasan por curiosidades do estilo de: unha supertormenta solar, o impacto dun meteorito xigante ou a subida de súpeto dos niveis das augas do mar. Canto dano fai Hollywood ás mentes pouco científicas!


Porén, no noso país, Feijóo aínda non foi capaz de transmitir á cidadanía unha mensaxe de tranquilidade sobre este feito. Polo que a un cabíalle pensar se esta apocalipse anunciada será parcial. Se cadra a fin do mundo so afecte a Galiza.

Tódolos indicadores así o prognostican. Sube o paro máis que no estado español. O sector leiteiro continúa afogado nunha guerra por uns prezos xustos. O sector financeiro galego morreu. A lingua e a cultura propia camiñan cara ao residual. Non hai solucións para os afectados polas preferentes nin polos desafiuzamentos. O pequeno comercio segue pechando mentres aumenta a presenza das grandes superficies comerciais. Os mozos galegos volven a emigrar. Etc, etc, etc.

En resume, pode que o mundo se acabe o 21 onde se chama Galiza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario