30 dic 2012

A alcaldesa da Veiga, o alcalde de Ribadeo e os 30.000 euros


Ética é un concepto que non figura no dicionario de moitos políticos. Tal é o caso da alcaldesa da Veiga (Asturies), a sra. Begoña Calleja, máxima autoridade municipal en representación do Partido Popular. A mandataria confunde asuntos que competen á vida privada das persoas con liortas políticas. Para este subxénero de políticos vale todo, unha vez que entran na dinámica de defensa da súa cadeira ante os cidadáns coa intención de perpetuarse no poder aínda que sexa xustificando medidas absurdas ou incompetentes. A política con maiúsculas, que veñen a reivindicar ultimamente, precisa aprender a utilizar a diplomacia como ferramenta esencial.

Non o fai a alcaldesa da Veiga cando saca a luz e propaga aos catro ventos, coa intención de xerar polémica, a pretensión de Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, de cobrar preto de 30.000 euros que lle ten como débeda o municipio veciño en concepto de atrasos por trienios e outras devindicacións desde que solicitou a excedencia como funcionario do concello veigueño para adicarse á política nas filas do BNG.

Begoña Calleja, a parte de negarse a pagar, encamiña o tema cara ao enfrontamento político e municipal: A Veiga contra Ribadeo, o PP contra o BNG, o alcalde ribadense contra a alcaldesa veigueña; ou viceversa. Pero está moi errada: isto non é un tema nin político nin municipal. É un tema de defensa dos dereitos adquiridos por un traballador funcionario con praza fixa gañada en oposición. Non hai confusión ningunha, trátase dun conflito laboral, aínda que o traballador sexa a máxima autoridade do concello veciño. Begoña Calleja intenta ser unha aprendiz de Esperanza Aguirre: solta titulares, aínda que prexudiquen a particulares, para desviar a atención dos problemas internos que ten por resolver dentro das lindes do seu municipio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario