13 dic. 2012

A economía mergullada de subsistencia

Foto: Sermos Galiza

A Xunta de Galiza, a través da Consellería de Traballo, ven de anunciar un incremento significativo para o 2013 na loita contra a economía irregular. Prevé máis de 16.000 actuacións para detectar faltas de alta na Seguridade Social e traballos de perceptores de prestacións incompatibles. As áreas nas que se centrará a Inspección de Traballo serán fundamentalmente nos sectores da hostalería, do comercio polo miúdo e na construción.

Entendo que toda iniciativa para paliar os efectos que supón a economía mergullada, aquela que escapa ao control do fisco, é positiva. Pero hai que andar con pasos moi medidos na loita contra esta fraude. Non se pode confundir a economía subterránea (a que practican empresas pantasma), a economía criminal (casos como o de Gao Ping) e a economía mergullada de subsistencia. Esta última merece unha consideración en tanto que non é un problema en si, senón que é o resultado demoledor do efecto das prácticas económicas neoliberais postas en marcha polo estado español.

Os técnicos de Facenda concordan, e non se cansan de repetir, que a colosal bolsa de fraude fiscal está nos grandes grupos empresariais, nas empresas transnacionais e nas grandes fortunas persoais. As persoas que practican a título persoal unha economía mergullada de subsistencia non supoñen unha porcentaxe relevante na fraude fiscal. Moitos están condenados a vivir de costas a legalidade e si tiveran que tributar desaparecerían, o que implicaría para o estado un aumento no gasto das coberturas sociais. Si se persigue ao señor ou señora do Círculo de Lectores ou de Avón que traballa para chegar ao fin do mes, por mal camiño imos.

Poren hai un nicho que a Xunta semella esquecer na súa cruzada contra o traballo irregular: as empresas eléctricas. Para que non coñeza a operativa, fago unha breve descrición. Desde a liberalización do sector eléctrico, as empresas empezaron nunha carreira pola captación de novos clientes. O primeiro obxectivo foron os consumidores con máis de 10Kw de potencia contratada pero agora, ante a previsible desaparición da Tarifa de Último Recurso (TUR), tamén tratan de captar clientes domésticos. As eléctricas, por suposto, non cometen ningunha irregularidade: acordan os servizos de captación de clientes con empresas externas legais que están dadas de alta na Seguridade Social e figuran no Rexistro Mercantil. Aquí xa empezan os chanchullos. Unha parte destas sociedades realizan o traballo de xeito legal, con xente do seu cadro de persoal ou con autónomos que lles facturan. Porén hai outro grupo que se nutre de desempregados aos que pagan en negro e que non teñen outro xeito de conseguir un salario. E non se poden facer autónomos porque as comisións son tan baixas que na maioría dos meses non lles chegaría para pagar a cota de afiliación. E agora, sabe alguén explicar quen é o culpable nesta cadea. As empresas eléctricas porque non lles importa o xeito en que se fan as captacións de clientes? As empresas externas que abusan da indefensión do desempregado? Ou o paisano que se abriga nesta economía mergullada de subsistencia porque non ten outra saída digna? E sobre todo, por que a Consellería de Traballo non considera prioritario actuar neste sector?

No hay comentarios:

Publicar un comentario