12 dic 2012

A identidade nacional galesa


Neste estado de pandeira e castañolas no que decaeu a costume de colocar bonecas folclóricas encima dos televisores porque agora ata os máis golpeados pola crise seica os mercan de plasma, pasan cousas moi estrañas.

Neste estado no que o ministro Wert se autoproclama "touro bravo" disposto a turrar, fantasía que temos que respectar segundo nos recomenda Manolo Rivas, seguen a pasar cousas raras.

Neste estado no que unha concelleira que fala castelán e é responsable da Normalización Lingüística en Compostela, foi chamada a declarar pola súa implicación no caso Pokemon; continúan pasar fenómenos paranormais.

E a rareza non está fora, está na casa común, na Galiza, porque seguimos sen aceptar colectivamente a nosa identidade nacional. Aínda penetran fondo as mensaxes verquidas sobre a falta de sitio para o soberanismo nun mundo global. Escandalizan os pasos que da Cataluña, pasan por alto o referendo de Escocia e practicamente descoñecese o que ocorre no Quebec. Xa por non falar de lugares como Vermont.

Poren os británicos presumen de xente seria e non agochan realidades nin disfrazan datos. Asumiron o plebiscito de secesión de Escocia dentro da normalidade democrática. Agora a Oficina Nacional de Estadística (ONS), con sede en Londres, acaba de achegar datos sobre unha enquisa feita en Gales. Neste pequeno país situado no oeste da Gran Bretaña, cuxa superficie e poboación son semellantes as galegas, teñen moi claro o tema nacional. Dous de cada tres habitantes de Gales consideran que a súa identidade nacional é galesa. As cifras son contundentes: o 65,9% afirma que a súa identidade é galesa, o 26,3% que é británica e o 13,8% que é inglesa.

Cando academos eses valores na Galiza, empezaremos a andar cara adiante. De momento, seguimos como a Alicia de Lewis Carroll, correndo moito para estar no mesmo sitio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario