13 dic 2012

A ideoloxía do touro bravo e os lanceiros da Vega


A fixación pola "cultura" do touro en terras mesetarias ben de lonxe. Xa de cativo os mestres, colonizados e colonizadores, sinalaban a forma xeográfica da península Ibérica como a pel dun touro. Non sei, por experiencia propia, como é o pelexo estendido do rumiante pero, vivindo aquí, a comparación semellaba máis adecuada se fose unha vaca, animal máis próximo e querido polos galegos. Eu touros de lidia nunca vin ningún, todo máis recordo ir con meu avó e a súa vaca facer visitas de amoríos á casa dun veciño que tiña un boi sen castrar.

Galiza non me consta que sexa un país de tradición toureira. O máis rechamante que vemos é a foto de Rajoy fumando puro habano e aplaudindo na corrida da Peregrina en Pontevedra. Agora xa menos, que as cousas torcéronse e non está o presidente para mostrarse ante moito público.

No transcorrer destes días, o ministro Wert definiuse como un "touro bravo que medra co castigo". Unha definición que non é puramente anecdótica senón que implica un tipo de filosofía e de ideoloxía que está establecéndose dentro do PP que nos goberna. Ministros e demais bípedes con mando transmútanse en bestas bravas para cornear sen piedade á cidadanía. Duran i Lleida respondeulle ao ministro Wert que o destino dos touros bravos era a morte. Pode ser. Pero aí quedan os casos, para os seareiros da tauromaquia, de Sánchez Mejías, Manolete, Paquirri e outros moitos toureiros que deixaron a vida entre os cornos da besta. E nesta sociedade civil actual xa non temos moitas forzas para aguantar a ministros-touros que turren contra nos tódolos días aplicándonos medidas antisociais.

Probablemente o ministro do Interior xa estará pensando en cambiar aos antidisturbios por lanceiros da Vega de Tordesillas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario