1 dic 2012

A planta de maría na barra dun bar


Daquela traballaba en Lugo. De cando en vez pasabamos a tomar algo por un tasca colocada estratexicamente nunha rúa estreita que conectaba co epicentro da zona dos viños. A taberna, cuxo nome vou deixar no anonimato, está rexida por unha muller nova e indómita e ten unha clientela selecta sen moita semellanza coa que habitualmente transita pola rúa dos viños. Alí, unha noite, contoume esta historia verídica.

Un bo día, outro dos clientes vip, regaloulle unha planta coa súa maceta. Como o bar non ten moita ornamentación, nin tampouco moito espazo, a dona colocouna derriba do mostrador, nunha esquina, nesa onde outros poñen os xornais. Alí quedou unha tempada baixo coidados mínimos agás a auga precisa para regar. Pero un día achegouse un policía da nacional, en calidade de cliente vip, e informouna da evidencia: a planta do testo era de marihuana. A parte da sorpresa e a planta no lixo a cousa quedou aí. So permaneceu a reflexión da patroa: "Vai amigos que teño!". O que non aprendín e si se refería ao que lle fixo o agasallo ou ao policía.

Unha cousa semellante aconteceulle a Frank Jones, aló por terras inglesas. Un heroico xubilado de 74 anos disposto a facer o imposible para sacar ao seu fillo da adicción a heroína. O tratamento de desintoxicación tiña un custe elevado e o sr. Jones so posuía a súa habilidade como xardineiro. Así que optou por embarcarse nun proxecto de macroplantación de marihuana para financiar a cura do seu vástago. Á diferenza da miña historia, ao sr. Jones trincouno a xudicial e non quixo escoitar o razoamento de que todo era por unha boa causa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario