7 dic 2012

A Xunta, o ebus e Merkum


O último cambio que fixo Feijóo no no gabinete de Goberno foi na Consellería de Economía e Industria. Apartou das súas tarefas a un Javier Guerra que pasa pola historia da Xunta con moita pena e sen ningunha gloria. Un personaxe, ao que tiven ocasión de escoitar en varias ocasións, que posuía nulos coñecementos en I+D e escasos en industria e economía. Os seus logros pódense resumir en que se erixiu como o protagonista da demolición do I+D galego. O único recordo que nos deixa para a posteridade é a fotografía xunto a José Luís Baltar anunciando, o 23 de marzo de 2011, unha fábrica de coches eléctricos no concello de Melón "cun investimento de 26 millóns de euros e 1000 postos de traballo directos". Afirmaba daquela que a súa pretensión era "situar Galiza en primeira liña dun cambio de modelo industrial". Todo fume. Hoxe sabemos que non existe tal fábrica nin somos posuidores de ningún modelo industrial de referencia.

As rendas de Economía e Industria colleunas Francisco Conde, home da casa e asesor de Feijóo desde o ano 2009. Por anticipado, non se pode determinar que rumbo tomará agora esta Consellería, aínda que sospeitas sobre o continuísmo non faltan. Francisco Conde podería alterar a ruína económica e industrial do país cumprindo coas competencias que ten asignadas: a promoción económica, a investigación, desenvolvemento e innovación e a defensa da industria propia. Xa iremos vendo.

Na Galiza temos moitos sectores estratéxicos e todos (o case todos) están mergullados en conflitos, por un motivo ou por outro. Intentar resolver estas incidencias é unha prioridade. Pero tamén é necesario, imprescindible e urxente apostar pola I+D+I para xerar unha sólida base industrial creadora de emprego e sostible a longo prazo. Euskadi arriscou fai tempo por vertebrar a súa industria a través do coñecemento para facela competitiva nun mercado cada vez máis global. As comparacións son odiosas pero os resultados están á vista.

Un caso que me chamou a atención, e que pasou moi desapercibido nos medios de comunicación, foi o que aconteceu coa empresa Merkum. A sociedade dedícase á fabricación de produtos de electromecánica para enerxías renovables e tracción eléctrica. É unha empresa de base industrial reforzada con coñecemento e desenrolo cun proxecto estrela en marcha: a fabricación dun autobús urbano de tracción 100% eléctrico. Merkum acaba de instalarse en El Puerto de Santa Marías e en verbas do alcalde "será o maior desembarco empresarial vivido en Cádiz nas dúas últimas décadas". A inversión prevista é de 100 millóns de euros e a creación de 1.000 postos de traballo directos.

Ata aquí non hai nada anómalo. O proxecto do ebus é real. A aberración constátase cando un aprende que Merkum é unha empresa galega do Culleredo que emigra a Andalucía porque a Xunta rexeitou o proxecto e negoulle axuda.

Con políticas industrias nesta liña, sobran conselleiros de Economía e Industria.


Podedes ampliar información sobre o proxecto rexeitado pola Xunta na edición local de Ribeira, en LVG, 6/12/12.


No hay comentarios:

Publicar un comentario