10 dic 2012

Andrea Fabra, o Porto de Ferrol e unha moza de Portomarín


Leo dúas noticias en dous xornais distintos que definen moi ben a falta de ética dunha parte da clase política que sinte co poder da poltrona outórgalle suficiente capacidade para distinguir o que está ben ou mal.

O Progreso informaba acerca dunha desempregada de Portomarín denunciada por "ameazas" á deputada Andrea Fabra, cuxa única achega parlamentaria foi o famoso "Que se jodan!". Non especifica o xornal o que lle recriminou, vía email, a moza portomarinense á filla de Carlos Fabra, pero é de imaxinar que se sentise aludida polo exabrupto e falta de sensibilidade da deputada cara a un colectivo, o dos desempregados, que aumenta en número de persoas e diminúe en prestacións. Da metida de zoco da sra. Fabra deixaron boa constancia os medios de comunicación e por iso é merecedora de crítica e semella inmoral actuar xudicialmente contra unha desempregada que sentiu as gañas de desafogar a presión ou a rabia que tiña contida. Mentres, Andrea Fabra segue con total tranquilidade ocupando un escano no Congreso para representar á cidadanía e, incluso, recibe premios pola súa orixinal frase das mans dun grupo de deputados do PP.

Noutro periódico, aprendo que o presidente do Porto de Ferrol, Ángel del Real, nun enfrontamento xudicial cunha empregada coa que tiña, segundo conta, unha relación de "amizade íntima" fica resolto de xeito favorable para a traballadora. O costo do xuízo, que supera os 9.000 euros, vanse pagar con cartos públicos a pesar de ser un preito persoal derivado dun suposto acoso sexual e laboral. Neste tema aplícase moi ben o análise feito desde Apincheira: "Se es político, parabéns, os preitos sáenche de balde".

En ámbolos dous casos amosase a impunidade coa que actúan algunhas persoas incrustadas na política profesional. Non hai ningunha intención de servizo aos intereses xerais, practicase as potestades públicas para acadar réditos persoais. E diante de tanta mala praxes, hai un poder xudicial que non actúa coa contundencia requirida cando os protagonistas son políticos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario