16 dic 2012

BNG A Mariña cara ás municipais


Feijóo presentouse onte en Lugo, ante os seus simpatizantes, coa promesa de conquistar o poder na Deputación Provincial, mirando xa cara ás próximas municipais. Aínda están lonxe no tempo pero o PP lugués xa se puxo en camiño para mobilizar á base social do seu partido. Para facerse co bastón de mando en San Marcos, entre outros factores, axudaríalles moito a perda de votantes do BNG na Mariña de Lugo. Os pésimos resultados obtidos polos nacionalistas na comarca, cun serio retroceso, e o 51% do voto recadado polo PP danlle a Feijóo argumentos de sobra para posicionarse nun bo lugar nesta loita. A irrupción de AGE nos comicios restou unha morea de papeletas ao BNG nos 15 concellos da Mariña: o BNG obtivo 4.519 votos e AGE 3.731. O factor Beiras foi demoledor, liderando a coalición de Anova e Esquerda Unida foi capaz de transmitir unha ilusión colectiva semellante á Syriza grega.

O traballo de militantes e simpatizantes do BNG na Mariña foi extenso e intenso. Mais os resultados non acompañaron e o mesmo Bloque o recoñece no seu documento Construíndo Futuro"a nosa organización non sempre soubo atinar á hora de trasladar as demandas e sentimentos daquela parte da sociedade á que pretendemos representar e mobilizar para acadar os nosos obxectivos"

Desde a web do BNG, baixo o epígrafe #proponconnosco, convidase á cidadanía en xeral a aportar ideas para optimizar recursos e mellorar a participación na sociedade. Un dos eidos máis febles que ten o Bloque na Mariña é o derivado do mal uso que se fai da internet e das redes sociais, claves no éxito de AGE. A diferenza con outras zonas, o BNG A Mariña non ten unha páxina web comarcal, carencia difícil de entender porque é a mesma organización a que se desconecta informativamente dos mariñáns descartando un recurso económico moi eficiente para achegar mensaxes. Outra cousa que me chama a atención é o mal uso que se fai no facebook dos perfiles das agrupacións locais do BNG. Deixan patente que non hai ningunha conexión entre eles, cada quen guinda no seu muro o que lle apetece, como se fose un navegante máis, e nalgúns casos a comunicación vólvese contraditoria, non é axeitada ou da pé para que se entre en discusións inútiles. A coordinación nas redes socias, a través dunha web comarcal, semella fundamental para que o Bloque poida transmitir a toda a cidadanía da Mariña unha mensaxe clara, segura, contundente e de confianza e unidade.

O Bloque mariñán xa ten que empezar a preparar a cita coas municipais para recuperalo terreo perdido e ter en conta que nesta ocasión, a parte de AGE, haberá que estar pendente de Compromiso por Galicia, que xa ten unha clara vocación municipalista. Iremos vendo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario