27 dic 2012

Coas túas mans ergue Cancións de Amor e Liberdade


Coñecín NAO no ano 2010 coa saída do seu segundo álbum "Coas túas mans". Xa quedei prendido das súas cancións, un rock potente e unhas letras en galego que saben achegar sentimentos. Naquela época aínda non estaba en situación de exiliado social buscando refuxio nas oficinas do desemprego. Traballaba arreo e pola noite, cando o funcionariado do edificio empezaba a despexar, podía escoitarse a potencia das melodías de NAO emitidas desde a fiestra da miña oficina polo eido semi-independente de Garabolos.

A banda da Estrada xa tiña gravado un álbum anterior, "As palabras espidas (2007)", que fora moi ben recibido pola crítica entendida en estes mesteres. O seu primeiro disco serviu tamén para inaugurar a produtora viguesa Kamikaze Música. 




Jasper, Gus, Paul e Amós conforman a día de hoxe unha das novas bandas con maior proxección no panorama musical galego. En agosto deste ano empezaron a preprodución-composición dun novo disco, "Cancións de Amor e Liberdade", que pretende ter listo para o día 26 de febreiro de 2013 e comezar unha xira por toda Galiza en marzo. O proxecto é autofinanciado e precisa a axuda de todos aqueles que son seguidores da banda, daqueles que queren que a música en galego se manteña no lugar que lle corresponde, daqueles que  gustan da cultura galega. Por iso a intención é recadar orzamento mediante crowdfunding a través do portal Verkami. Podes axudar aportando desde 5 euros en diante e sempre terás algunha recompensa polo teu xesto.

Cos túas mans podes construír Cancións de Amor e Liberdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario