17 dic 2012

Da manifestación á revolución


A vaca dá o que dá. Cando o ubre non ten leite de pouco serve seguir muxindo. As políticas neoliberais de Rajoy tentan sacar máis do teto da cidadanía a base de tributos, taxas e recortes en tódolos servizos públicos. As vacas son moitas pero son animais mansos e cando se botan a bravo acabicórnanse. Rajoy ten os mecanismos necesarios para acabicornar aos cidadáns facendo uso das forzas represivas do Goberno. Estender o temor sempre tende a amansar.

Non chego a comprender como hai tantas vacas pacendo e rumiando polos prados con tranquilidade abraiante. Mansas ante un destino cruel. Rajoy é consciente da mansedume da sociedade e seguirá atacando todo aquelo que representa conquistas logradas con décadas de sacrificio. Non sabe facer política doutro xeito. Tampouco lle interesa. É dabondo con que vivan ben uns cantos pastores chupando da ubre colectiva e controlando o rabaño.

Xa non sei que máis temos que aguantar neste prado estatal para liberarnos dos cadarmes e revelarnos na búsqueda dun modelo social axeitado. As manifestacións e reivindicacións xeran indiferenza ao Poder establecido. Precísase de novas ferramentas colectivas que fomenten unha revolución pacífica para mover este sistema neoliberal que nos condena a marxinalidade.

Queda pouco para que empecemos a rumiar e a contestar "muuuu".

(*) Con todo o me respecto para as vacas, seres moi apreciados.




No hay comentarios:

Publicar un comentario