22 dic 2012

Da Solidariedade cara a Beneficencia

Foto: Vigoalminuto.com

Fai uns día sorprendíanos a peculiar iniciativa de Cristina de Andrés, empresaria viguesa especializada en protocolo empresarial. Regreso ao século XVII ou Conto de Dickens foron as verbas máis amables que escoitou a través das redes sociais esta consultora, xa famosa por impartir cursos a Belén Esteban. O proxecto de botar 3.000 bolos de pan para os pobres desde o balcón da súa casa ao final tivo que suspendelo, vista a reacción social que ocasionou.

O 20 de decembro celebramos o Día Internacional da Solidariedade Humana, declarado pola ONU, considerando que este é un dos valores fundamentais e universais nas relacións sociais. O problema xurde sempre cando se confunde Solidariedade con Beneficencia, cousa que lle aconteceu á empresaria viguesa.

A Beneficencia ten unha orixe teolóxica no catolicismo oficial (caridade, fe e esperanza). O seu eixo de actuación é vertical e tende a marcar a diferenza entre clases socias. Os practicantes da Beneficencia, sexan gobernos, empresas, partidos políticos, sindicatos ou persoas do común; no fondo buscan unha foto con afán de protagonismo, intentan lavar conciencias, buscar recoñecemento ou respectabilidade na comunidade ou, sinxelamente, apuntarse a unha moda en auxe.

A Solidariedade sae directamente da Xustiza social, traballa de xeito horizontal a prol da dignidade humana. É unha resposta ante a pobreza ou a marxinalidade, nun mundo en que todos temos dereito a ser iguais e temos a obriga de asumir os problemas colectivos da sociedade.

Confundir Beneficencia con Solidariedade acabará por destruír o conxunto de valores que temos creado desde fai moito tempo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario