24 dic. 2012

Do "Peace and Love" ao "Písalo"


O código deontolóxico xornalístico lembra, en síntese, que hai que informar dun xeito veraz, interpretar e opinar desde o interese da sociedade, difundir, esixir e defender de maneira proactiva os dereitos de persoas e colectivos e, todo ilo, con independencia dos poderes establecidos na política ou nos mercados financeiros.


Imaxe: Dragan Humor Gráfico
Poren todos, ou case todos, somos conscientes de que este código non se aplica na prensa profesional. Ao contrario do que ocorre con outras profesións, como avogados, médicos ou farmacéuticos, exercer con irresponsabilidade a xestión da información non ten consecuencias. Nos colexios da Avogacía, da Medicina ou da Farmacia as malas prácticas no oficio veñen acompañadas de suspensións ou de sancións.

Pero, é tan grave administrar interesadamente a información? Eu coido que si. A prensa, a radio e a televisión penetran con poderío na sociedade e teñen capacidade dabondo para matar ou adormecer movementos sociais ou iniciativas xurdidas desde o dereito popular ofrecendo enfoques malévolos.

Cando no xornalismo prevalece o punto de vista particular sobre o xeral empeza o discurso pseudoinformativo, con propaganda tendenciosa para facer subxectiva a realidade. Empézase a destilar mensaxes, ás veces calumnias, que converten o oficio nunha plataforma de rumores interesados para xerar confusións na mente do lector/espectador.

A culpan, xa o teño dito, non é de todo o colectivo dos profesionais da palabra. Hai xente con moito oficio e que, con gran esforzo teñen unha credibilidade merecida. Os culpables, na maioría dos casos, son as empresas editoras que exercen presión, amezan e meten o medo no corpo aos seus redactores.

A modo de anécdota ou broma, hai unha noticia xornalística real que se converteu nunha lenda urbana que aínda, a día de hoxe, moitas persoas dan por certa. Aconteceu no ano 1993 no estadio de Riazor, nun partido entre o Deportivo e o Sevilla. Un xogador local, logo dunha dura entrada, quedou tombado no céspede e nun xesto deportivo o equipo médico do Sevilla prestoulle a súa asistencia. Bilardo, o adestrador sevillista, enfadado berráballes aos seus: "Písalo, písalo, písalo". As cámaras de "El día después" exerceron de testemuña.



A frase fíxose famosa por aqueles tempos. Dous anos despois na Romareda, o Zaragoza medíase ao Chealse. Ante unha dura entrada sobre un xogador inglés, os hooligans empezaron as provocar disturbios e tivo que intervir a policía.



Os seareiros do Zaragoza usaron a expresión "Písalo, písalo, písalo" para animar ás forzas de seguridade. Pouco despois empezou a circular o bulo de que os hooligans ingleses deixaran de arrincar cadeiras e aplaudir á afección local por ter confundido o "Písalo" con "Peace and Love". Incluso comentouse que a prensa británica informara do feito e dos berros de "paz e amor".

Todo mentira, por suposto. A realidade é que foi José María Petón o que inventou todo desde o "Carrusel Deportivo" da Ser e, logo, desde o programa de televisión "Punto Pelota"



Este tipo de noticias, non son daniñas en si mesmo, pero desprestixian á profesión por non aplicar ningún filtro para comunicar.

A realidade incuestionable é que nas liñas editoriais da prensa actual cambiouse o modelo "Peace and Love" polo modelo "Písalo", agás honrosas excepcións que son de xustiza recoñecer.



No hay comentarios:

Publicar un comentario