3 dic 2012

Enriqueta Otero en Barreiros


O próximo ano celebraremos o patrimonio persoal e cultural que nos legou Roberto Vidal Bolaño, nun momento en que as artes escénicas están atrapadas pola crise e polo abandono das administracións a pesar de ser unha fonte de riqueza cultural e económica para o país.

Todo isto fíxome lembrar unha das vidas de Enriqueta Otero, recollida no libro do profesor Ángel Rodríguez Gallardo: “Letras armadas. As vidas de Enriqueta Otero”. Antes de chegar a ser a mítica guerrilleira, dirixente do PCE e incansable loitadora antifranquista, tivo un vida moi achegada ao ensino, á cultura popular e ao teatro.

En 1929 con só 18 anos, en tempos do reinado de Alfonso XIII, chegou a Barreiros para facerse cunha praza de mestre na Escola Nacional.

“Dáquela comenzaron a agromar as súas inquedanzas artísticas, baseadas na elaboración colectiva, pois organizou con compañeiras e alumnas o primeiro teatriño popular coñecido naquelas terras, O Punteiro do Carriño, para transmitir por vilas e aldeas, unha forma de cultura achegada ao pobo”

Por moito que o intento, non consigo imaxinar como levarían as súas obras de teatro e os seus libros para recorrer os camiños da Mariña. A motor fixo que non, pero seguro que erguían expectación entre a veciñanza. 

A Enriqueta, a pesar de cambiar por mor da guerra a súa vida no ensino pola da revolucionaria que a fixo famosa, nunca esqueceu a súa faceta vincula á cultura galega. Proba dilo é un poema da súa autoría que recolle Xesús Alonso Montero no seu libro “Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1936-2006)”

"Ai, Rosalía de Castro, dáme forzas!
Os meus bolsilliños rotos,
A miña sartén sin rabo,
a miña lareira fría,
i o que levo xa andado".



No hay comentarios:

Publicar un comentario