26 dic 2012

Falou o Papa, falou deus


Tal e como se agardaba, Bieito XVI dirixiuse ao mundo en noiteboa para enviar a súa mensaxe de paz, amor e regaliz a través das ondas hertzianas e das pombas espirituais. O Papa fixo un chamamento a cristiáns e musulmáns (supoño que os xudeus irán incluídos no lote) para que constrúan "os seus países en paz". Eu, que son ateo, terei que axudar ao meu país desde as trincheiras para recuperalo dunha suposta apropiación indebida do mesmo pola xerarquía clerical.

Cristiáns, musulmáns e xudeus converteron a relixión nun perigo para a convivencia pacífica da humanidade. As tres crenzas son culpables de ter rachado a pluralidade do politeísmo para transformar o monoteísmo nun movemento intolerante e excluínte.

Bieito XVI volve chamar a pantasmas do pasado para convertelos en entes actuais, traballadores a prol do monoteísmo en auxe e xunguidos aos poderes políticos dos estados. O fanatismo é expansivo e virulento. A crenza exclusiva nun deus e o rexeite a outras deidades e a outros xeitos de pensar transpórtanos séculos cara atrás na convivencia social.

Non é preciso ollar moi lonxe. A exacerbación dogmática non está so detrás das accións violentas en territorios musulmáns, xudeus ou nos EUA. Témola no estado español, cun binomio, Rouco-Wert, que pretenden adoutrinar aos cativos desde a escola pública. Casos como o acontecido en Zas semellan o retorno de Torquemada á península ibérica.

Aos escépticos, agnósticos e ateos non nos van queimar en fogueiras, pero tampouco nos queren deixar ocupar moita parcela nunha sociedade na que se pretende impoñer a verdade e a moralidade monoteísta. Falou o Papa, falou deus.

No hay comentarios:

Publicar un comentario