16 dic 2012

La Voz de Galicia, de xornal a folla parroquial

Imaxe: Ex-Voz

Nunha edición do programa "El Intermedio" desta semana, Dani Mateo facía un repaso sarcástico sobre as noticias que ocupan páxinas en "La Voz de Galicia". Ao seu entender, a actualidade informativa do rotativo coruñés céntrase no mundo dos loros. Non vou ser eu que lle saque razón, aquí está o vídeo para ser xulgado.

Deixe de mercar a Voz o día 1 de marzo de 2009, aínda que sego sendo consumidor dos seus contidos dixitais. Facendo un uso prudente do reportado e aplicando unha máquina Enigma para descifrar a información.

Houbo un tempo en que esta cabeceira foi un referente de bo xornalismo e de calidade informativa. Lonxe queda. O grupo entrou en perda económica a pesar das continuas inxeccións de carto público chegadas desde a Xunta de Feijóo. O despedimento masivo de xornalistas, algúns veteranos no oficio, minguaron a calidade informativa e crearon inseguridade nos redactores que permanecen no cadro de persoal. Pero os recortes e a precariedade menten o medo no corpo e converten xornalistas obxectivos en xuntadores de palabras ao servizo de caciques empresariais. O Poder exercitado pola cúpula directiva marca con pauta militar a liña editorial, censurando e manipulando contidos e convertendo o xornalismo noutro xeito de escravitude.

A Voz xoga nun terreo distinto ao resto de periódicos galegos impresos. Xoga á distracción, a defender medidas socialmente repudiadas usando argumentos gastados polo PP: "son medidas dolorosas y necesarias". Xoga a envorcar o seu apoio férreo ás políticas de Feijóo. Xoga a insistir de xeito cansiño en "campañas" que so abandeiran desde o rotativo: anti-Lendoiro, anti-Abel Caballero, anti-BNG, anti-Mangouras, pro-Paco Vázquez, pro-Feijóo, pro-Amancio Ortega, pro-Nova Caixa Galicia, etc.

A internet abriu a porta á pluralidade informativa de calidade, independente e obxectiva. Hoxe, a Voz, cos seus titulares rechamantes, non me merece maior valoración que a de calquera panfleto da dereita aldeán sen ningunha vocación de servizo á cidadanía galega. Sobre o que se coce nas entrañas da redacción da cabeceira herculina, recoméndovos que consultedes nesta bitácora.


1 comentario:

  1. Grazas pola difusión. Só tratamos de abrir fiestras para que os cidadáns e os letores de xornais saiban que os actuais "responsabeis" de La Voz están a esnaquizar un medio galego que podería ser... ¡galego!
    E por riba, en La Voz hai profesionais capacitados para que o xornal sexa respetuoso coa realidade.
    Non é xustificable que para manter os beneficios e luxos como o de V Televisión se prceda á reduzón dos salarios e aos despedimentos (as chamadas "baixas incentivadas") e prexubilacións.

    ResponderEliminar