6 dic 2012

Nada que celebrar, moito que reivindicar


Nun día como o de hoxe so desexo deixar constancia de que eu non me sinto representado polo texto constitucional aprobado polas cortes da transición, por negar o dereito fundamental á autodeterminación dos pobos. Galiza é unha nación e como tal, das mans da cidadanía, temos que atravesar un longo camiño de pedra cara á Soberanía.


Ramón Cabanillas, En Pé!



¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“¡A nosa terra é nosa!”


Algúns comunicados emitidos por mor desta data e a prol da autodeterminación:

BNG: "A constitución española non lle serve a Galiza: precisamos soberanía."
ANOVA: "Liberación nacional e social son indisociábeis nunha nación sen estado."
CAUSA GALIZA: "Reclamamos un marco xurídico-político democrático para Galiza no 34º aniversario da imposición da Carta Magna española."
ISCA: "6-D: esta non é a nosa Constitución."
AMI: "A constituiçom espanhola encadea Galiza"
NÓS: "Por umha Constituiçom galega, republicana e socialista: Fora a espanhola, monárquica e capitalista"




No hay comentarios:

Publicar un comentario