17 dic. 2012

O bo tabaco de Barreiros

21/03/1936 Las Riberas del Eo
 Imaxe Blog "Ribadeo e o cine"

Sempre lles resultou algo estraño aos meus amigos de cidade o cultivo de tabaco na Mariña. Sobre todo cando eu insistía nas historias que me tiña contado meu avó como labrego metido a estes traballos. Por iso quixen recoller un texto incluído no libro "Encontros", maxistral obra de artesanía para o recordo elaborada por D. Jesús Otero Pérez (Suso do Siñeiro), xornalista, escritor, barreirense ilustre. O texto lévanos á década dos anos 40, en pleno apoxeo destes cultivos polas terras mariñáns.

"As fértiles terras de Barreiros alimentan moi ben os máis diversos froitos. As terras barreirenses "dan moito e bo", non se esqueza xamais.

Patacas, millo, cebada, nabos, remolacha, tabaco...

Tabaco nesta zona? Pois si, e moi bo tabaco. Nosoutros fomos testemuñas deste feito.

Estamos nos anos da metade da década dos 40. No barrio barreirense de Remior. Na miña querida e respectada Casa de Barreira. Dirixindo a facenda campesiña, un home moi preparado para lograr os mellores resultados. Aló o auténtico "capataz agrícola", experto gandeiro Tomás Pérez Barreira, home intelixente de bo escoitar, de ben facer. Persoa disposta , polo tanto, a toda nova modalidade positiva para o campo.

Tomás foi o primeiro en poñer no chan das carbalizas, formigón. Tamén fixo cambios nos medios de transporte dos produtos agrícolas. Sempre, en fin, destacou pola súa inquedanza no progreso da vida campesiña.

A nosa testemuña que máis enriba dixemos, refírese á plantación do tabaco negro e rubio. Tomás, o noso tío e padriño, era moi bo amigo de Luís López Vilas, un barreirense que tiña un alto cargo na que entón se chamaba Compañía Arrendataria de Tabacos. Foi Luís, coñecido e apreciado aquí como Luís de Sidro, debido o nome da súa casa familiar, o que propuxo a Tomás de Barreira o cultivo do tabaco en Remior.

A proposta foi aceptada. No se intre, o comezo dos traballos. Na súa hora, a recollida. Abundancia e calidade. Varios anos con éxito. Ata que causas doutra índole interromperon o cultivo.

Xa dixemos, hai unhas datas, que o Barreiros agrícola e gandeiro, tiña polos tempos que detallamos antes, unha moi notable importancia. Indicamos tamén que os mandatos dos tempos modernos foron cambiando a vida. Hoxe, o campo ten outra dimensión, nembargantes a calidade das terras de labrado, que aínda quedan sen a presión doutros sectores, como é lóxico, permanece e gústanos dicilo. Sentímonos sastisfeitos de lembrar os aconteceres que pola súa condición intrínseca e tamén extrínseca nunca perden actualidade."

No hay comentarios:

Publicar un comentario