8 dic 2012

O LeiraParking do HULA

LeriaParking no HULA. Foto: AEP para El Progreso

O vello Hospital Xeral de Lugo pechou o pasado ano deixando sen vida ao barrio da Residencia. En Febreiro do 2011, Feijóo presidiu a inauguración do novo hospital, o Lucus Augusti (HULA). Como centro sanitario moderno situouse de xeito estratéxico para que fose accesible aos usuarios que chegan desde tódolos puntos da provincia. Está ao carón da A-6 e da entrada a Lugo por Meira (N-640). Para os lugueses da propia cidade o novo emprazamento suponlles ter que desprazarse ata o HULA en coche ou en bus urbano. Moitos foron os que protestaron polo traslado, sobre todo no barrio da Residencia cuxa economía xiraba ao redor do vello complexo. Hoxe, cara ao segundo aniversario, o enclave do HULA xa está asumido. E alí se ergue, xigantesco e maxestoso, no medio duns prados sen máis servizos engadidos que os que dispensa o propio centro.

Nestes traslados acontece que sempre resultan traumáticos para certos colectivos sociais, aos que non se lles consulta, e que saen moi prexudicados. Acaeceu co gremio profesional dos “gorrillas” que, con total honradez, desenvolvían o seu traballo na contorna. Obrigados polas circunstancias tiveron que exiliarse ao HULA, terreo deserto de beirarrúas e invadido por aparcamentos de pago. Non é doado competir contra o capitalismo dos aparcadoiros e menos en Lugo onde unha ordenanza municipal prohibe a labor profesional do “gorrilla” por facer competencia desleal ás zonas azuis da Ora. Poren o “gorilla” é unha especie que evoluciona e se adapta con facilidade. Nas inmediacións do HULA xa conseguiron “expropiar” un terreo para facelo produtivo convertido en LeiraParking, terreo comunal.

Coa crise que nos golpea, temos que apoiar iniciativas emprendedores que contribúen ao desenrolo económico da cidade. Así que se tes que ir ao HULA pásate polo LeiraParking, onde serás debidamente atendido por un “gorrilla” funcionario, e descarta a idea de pagar o ticket nos aparcadoiros públicos con concesións a empresas privadas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario