15 dic 2012

Paco Vázquez, alieníxena na Galiza


Non son capaz de adiviñar o que lle pasa na cabeza a Paco Vázquez cando é capaz de comparar aos cativos xudeus perseguidos polos nazis coa defensa da lingua catalá nas aulas. Non sei se son produto da súa maldade ou da súa ignorancia. Se cadra, so persigue o protagonismo nos medios que ten perdido xa fai anos. Tal vez unha cadeira no "Sálvame" con Jorge Javier, Karmele e os Kikos serían unha boa plataforma para empurrar a este bípede en horas baixas.

Paco Vázquez sempre foi un alieníxena nesta terra. Invadiu o corpo dun galego para convertelo en "católico españolista". Non lle axudaron moito as súas xornadas de lacaio ao servizo do pequeno imperio nas cortes vaticanas. Aínda lembro un artigo da súa autoría defendendo o castelán para uso diplomático que titulaba "Ladran, Sancho, luego cabalgamos". Frase, que se terá lido o Quixote, aprendería que nunca empregou o xenial Cervantes na súa obra.

Paco Vázquez ven desmontar diante das cámaras un mito: o pailanismo non se cura por moito viaxar. A súa vida de extraterrestre na Coruña amosa o pouco contacto que ten coa realidade máis próxima. Non chega pontificar desde a TVG, hai que abandonar a condición de pailán e coñecer empiricamente, con obxectividade, o que acontece nas rúas. Hai que baixarse do Paco-móbil. E senón, roer reproches como os de Jorquera.


No hay comentarios:

Publicar un comentario