4 dic. 2012

Por que non funciona a presión social no caso das preferentes?


A estafa das preferentes consumada na Galiza, esencialmente, por Caixa Galicia e Caixa Nova, agora NGB, presentásenos acotío nas cabeceiras dos informativos do país. Sabemos que a maioría dos afectados non foron debidamente advertidos sobre os riscos de investir neste tipo de produto financeiro. Enganados pola súa propia sucursal, na que tiñan depositada a súa confianza, enfróntanse agora á perda total ou moi significativa dos seus cartos. Nalgunhas ocasións, xuntados euro a euro, para pasar unha xubilación sen sobresaltos. A alarma social é grande pero desde a Xunta non se aplica unha política comprometida e contundente para defender o capital destes pequenos aforradores.

No Morrazo, en Compostela, na Mariña … os afectados polas preferentes intentan facer chegar a súa mensaxe de indignación tomando o único espazo libre que queda: a rúa. Porén estas protestas non teñen o grado de efectividade que se da noutro tivo de movilizacións cidadáns.

Viamos fai poucos días como a presión exercizada polo sector agrogandeiro galego facía ceder nas súas posturas as grandes empresas lácteas e obrigaba á Xunta a participar para deter a folga do leite. Tamén percibimos como a inquietude social ante os casos de suicidio e os desafiuzamentos, fixo intervir ao goberno do estado, aínda que fose dun xeito precario.

Por que, logo, o berro dos afectados polas preferentes non chega coa suficiente persuasión? Coido que son moitos os factores. Anotarei algún que me parece fundamental.

En primeiro lugar, culpables son os medios de comunicación por non transmitir esta realidade coa solvencia necesaria para provocar a suficiente empatía no resto do colectivo cidadán. Segundo, a Xunta, porque a única solución que presentaba era a arbitraxe e agora, pasadas as eleccións, transfírenlle a responsabilidade a UE desligándose dos problemas dos cidadáns que goberna. Terceiro, o propio colectivo de afectados aínda non actúa como tal. Está moi segmentado, sen voz única, e as declaracións que escoitamos transmiten o interese individual de salvar o persoal fronte ao colectivo. Falta ese nexo de colectividade para poder facer máis forza. Cuarto, as accións que emprenden son pouco contundentes. Non molestan á Xunta nin a NCG, se cadra poden amolar aos empregados dalgunha sucursal.

Por suposto, hai moitos máis motivos. Poren para loitar contra esta estafa ao aforro galego as acción reivindicativas teñen que radicalizarse moito máis: atopar máis compromiso en forzas políticas e sindicatos, ocupacións de centros estratéxicos de NCG, identificar claramente ao inimigo (NCG) para provocar a condena da súa actitude, defender a lexitimidade fronte a legalidade imposta, etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario