1 dic. 2012

Roubando aos pensionistas


A derradeira promesa que Rajoy tiña pendente de incumprir, xa é unha realidade. A liña vermella, que en repetidas ocasións prometeu non traspasar, converteuse noutra peza rota dun xogo agochado de políticas partidistas e antisociais. Houbo que agardar pola celebración de eleccións en Galiza, Euskadi e Catalunya para non espantar aos votantes.

Que pensaran agora os nove millóns de pensionistas do estado español? Moitos, votantes do PP. A maioría dos pensionistas necesitan a pensión para sobrevivir e téñana gañado co seu aporte pasado á sociedade. Son, nalgúns casos, o único ingreso que chega aos núcleos familiares. Mais, ao recorte na revalorización, temos que agregarlle o recente repago farmacéutico, a subida do IVE e a dos consumos básicos (electricidade, auga, comida). Todo para incorporar ao colectivo no pagamento dunha débeda ilexítima da que eles están exentos de responsabilidade. Na Galiza, como non podía ser doutro xeito, a medida afectará con maior calado por ser a comunidade coas pensións medias máis baixas (701 euros).

A pobreza non é algo accidental. Orixínase coas políticas neoliberais que se aplican desde Bruxelas, Madrid e Compostela. Temos a obriga de parar este tsunami destrutor ou, se cadra, a próxima medida do Consello de Ministros sexa privatizar o aire que respiramos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario