6 dic 2012

Si digo que non roubo, non teño votos


Na Romanía teñen eleccións xerais o vindeiro domingo. Os políticos, herdeiros da terra do agora denigrado Ceausescu, preséntase aos comicios cun tributo á honradez impecable: o lastre dunha sociedade que xa dá por suposto que os electos van dedicarse á pillaxe, ao roubo e á corrupción. Neste contexto, o candidato polo partido ecoloxista exhíbese cun atractivo slogan: "Eu roubo menos cós demais". Interpelado polos xornalistas, explícao: "Se digo que non roubo, a xente non me crería". Así de contundente, facendo un exercicio de transparencia.

Son moitas as diferenzas no espectro político do estado español. Cando menos, nunha vía. A cidadanía considera a chamada "clase política" un problema, como se fose o mesmo que o paro ou o terrorismo. E as clases dirixentes están a traballar arreo nesta dirección para transmitir a súa falta de coherencia, de credibilidade, de esforzo, de dedicación e de responsabilidade.

O cidadán-votante xa non sabe de quen fiarse á hora de depositar o seu voto. Un papeliño no que cedemos a algún partido (con persoas) a nosa representación para formar un bo goberno ou unha boa defensa dos nosos intereses desde a bancada da oposición. O acto de votar significa delegar pero non implica ceder a túa independencia nin a teu dereito a discernir.

O Poder instalado logo da ditadura chámase así mesmo democrático pero non lle gusta moito xogar nesa liga. Empezando por obrigarnos a participar en eleccións con listas pechadas, con candidatos impostos desde as cúpulas dos partidos, nas que se encaixa a corruptos, imputados, sospeitosos ou, sinxelamente, xente con nome e apelidos na que non confías. En tódolos partidos políticos hai xente honrada (agardo) pero tamén todos son cómplices de abrir a cancela para que entren as ovellas negras e logo pechala para que os votantes non poidamos rapalas o día que nos toque votar.

Ao candidato ecoloxista de Romanía pódeselle acusar de populista ou de demagogo, pero as cousas cando se din claras enténdese moito mellor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario