23 dic 2012

Suso Barral e Peter Schneider, a arte da imaxe desde Garabolos


Chapa-Pote. Imaxe Suso Barral
Desde cativo sentinme atraído polo mundo da fotografía. O meu nunca pasou de darlle ao click e agarda que unha musa pasase despistada polo lugar. Ser fotógrafo require moito, aínda que teñas os coñecementos teóricos fundamentais, é preciso ter unha capacidade de visión moi persoal para traducila na maxia dunha creación artística.

Tiven a honra de ter traballado tres anos da miña vida pasada no mesmo sitio que Suso Barral e Peter Schneider. Foron moitos días e noites, moitos cafés e algunhas cañas, os que necesitei para comprender que detrás das creacións destes dous homes atópanse os artistas, que aplicando técnicas diferentes, imprimen unha estética persoal que logra conectar cos sentidos.

Suso é un artista innovador, emprendedor en procura continúa de novos recursos para o vídeo e para a fotografía. Creador de imaxes con software 3D iluminadas con fotografía panorámicas, fotografías en 360º, recorridos panorámicos en 360º, formador de profesionais e moitas cousas máis. A súa galería de fotografía panorámica pasa por moitos puntos da xeografía galega, desde o Pazo de Fefiñáns ata o Castelo da Frouxeira. Foi Suso Barral, cando o vídeo en 360º aínda non estaba espallado polo estado, o primeiro en achegarse a esta nova experiencia cun dispositivo creado de xeito manual por el mesmo, no que por certo tiven a sorte (ou desgraza) de participar no papel de coello de laboratorio.
Galega, Ordes
Foto: Peter Schneider

Peter é un alemán, de fala fluída galega, chegado a Lugo desde terras de Malpica. O seu traballo é a fotografía social que combina coa publicitaria. O seu recoñecemento profesional ven abalado pola incontable cantidade de exposicións relevantes nas que ten participado na Alemaña, Polonia, Brasil e, por suposto, en diversos puntos da nosa xeografía. Como artista polivalente, tamén exerce como formador e educador experimentado en cursos e obradoiros de fotografía e laboratorio.

Non perdades a oportunidade de coñecer a obra que, desde Garabolos, créase e expándese por toda Galiza e por toda a Galaxia.

.


No hay comentarios:

Publicar un comentario