9 dic. 2012

Vitaminas para o galego



Porque convén lembrar iniciativas que apoien e difunda a nosa lingua, este é o Manifesto de Vitaminas para o Galego:

"A iniciativa VITAMINAS PARA O GALEGO diríxese a todas as persoas que falan en lingua galega e a todas aquelas que a aman.

Quero contribuir a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Preocúpame a situación da nosa lingua e diante do descenso no seu uso, manifesto que a día de hoxe o uso no futuro do noso idioma non está asegurado.

No século XX a lingua galega era falada con espontaneidade e regularidade, mais nas últimas décadas os estudos científicos e mesmo unha sinxela observación, constatan o descenso no seu uso.

Apelo a toda a cidadanía de Galicia, á que vive aquí e á que reside fóra, porque a presenza do galego, a súa extensión, a súa normalización, dependen da vontade do corpo social e das actitudes positivas e activas ao seu favor.

Afirmo que o desfrute cultural é unha necesidade basica, só despois da alimentación, a vivenda, a sanidade e a educación. Asumo a aseveración do filósofo Eduardo Lourenço segundo a cal a cultura non é un fin en si mesmo e por iso defendemos unha cultura vocacionada para a felicidade.

Pero a cultura non existe en abstracto, está vencellada ao territorio, á comunidade humana que habitou e que habita na zona determinada do planeta onde se desenvolve. Porque a universalidade parte do local, do próximo, do cercano.

O galego non é un obstáculo para comunicar cun público consciente e amplo. Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia.

O galego necesita vitaminas. A campaña recaba con urxencia a colaboración de toda a xente. Quere facer patente a necesidade de axudas, medios, apoio e soporte para o idioma galego. Pretende implicar a moitas entidades e sensibilizar ás persoas, ao pobo; para revitalizar o idioma e garantir a súa transmisión interxeracional.

O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, tamén nos contextos urbanos, alí onde presenta máis febleza.

Vitaminas para o galego pretende visibilizar aos medios en galego, boa parte deles de carácter comarcal. Procuramos ademais vías de financiamento que garantan a súa sontenibilidade e o traballo digno dos seu conxunto de profesionais.

Galicia quere información de proximidade en galego, "mass media" que no século XXI difundan e prestixien o idioma, altofalantes que ensinen a nosa visión do mundo, peten nas conciencias e fagan visible a sensibilidade e a creatividade existente na sociedade galega."

No hay comentarios:

Publicar un comentario