31 ene. 2013

Outlet do libro en Compostela


Unha boa nova para os que temos paixón pola lectura e poucos cartos no peto, chegou hoxe da man do Consorcio Editorial Galego. Esta distribuidora, fundada en 2003 por tres editoriais galegas: Promocións Culturais Galegas, S.A. (A Nosa Terra), Baía Edicións, S.L. e Sotelo Blanco Edicións, S.L., distribúe hoxe o fondo de máis de cen editoriais.

O Consorcio organiza un outlet do libro en Compostela, no que se poderán adquirir exemplares descatalogados, restos de almacén e outros volumes das editoras que distribúe esta firma a prezos rebaixados. O centro comercial Área Central acolle este evento, que se prolongará desde 1 ata o vindeiro 17 de febreiro.

Porán a venda 17.000 volumes de trece selos editoriais en lotes de 2 libros por 5 euros, 5 por 10 euros, e prezos de 5, 10 e 15 euros.


Doña Angelita, a galega que inventou o libro electrónico


Nos anos 90 do século XX apareceron os primeiros soportes electrónicos para a lectura de libros, pero fai máis de sesenta anos, unha mestra galega xa tivera a idea de construír un soporte único que permitira ler diferentes libros cambiando uns carretes co contido escrito. A "Enciclopedia Mecánica" desenrolada por Ángela Ruiz Robles en 1949 incluía elementos que incluso hoxe serían innovadores.

Doña Angelita, como era coñecida na súa terra, foi unha mestra e inventora nacida en 1895 en Villamanín, na provincia de León, aínda que pasou a maior parte da súa vida no Ferrol. Durante os 80 anos que viviu, Ángela inventou, escribiu libros, fundou a súa propia academia, axudou aos que pasaban por dificultades e coidou das súas fillas.

A súa idea máis brillante materializouse no 1949, cando patentou un libro de texto para os estudantes que funcionaba cun sistema mecánico de aire a presión, ao que se podían engadir diferentes carretes correspondentes ás distintas materias, e que bautizou co nome de  "Enciclopedia Mecánica".

30 ene. 2013

Jesús Vázquez, outro episodio galego


Como di Mario Regueira "o galego é de quen o quere e o defende. De quen o fala e de quen quere falalo. O resto son dereitos de conquista tan queridos á dereita".

A Jesús Vázquez xa fai tempo que se lle fai moi grande o cargo que desempeña na Xunta, en concreto empezouse a notar no ano 2009 cando tomou posesión da Consellería. Se cadra é por ter nacido en Núremberg, cidade xudicialmente famosa, ou se cadra, é porque ser doutor en Ciencias Económicas non resulta ser aval dabondo para dirixir a Cultura dun país. O que si teño claro é que non lee moito a Manuel Rivas, nin coñece os seus "Episodios Galegos" porque de ser así xa atopaba resposta sobre a propiedade patrimonial da nosa lingua.


(*)"O galego non é patrimonio de ninguén. Esta é unha das frases estrela, das que alumea en neon, no discurso político dos que hoxe gobernan na maioría de institucións galegas.

 Eu gusto tanto como o señor presidente desa declaración anarquista, non posesiva, verbo da lingua. No fondo, somos dous libertarios, o presidente e mais eu.

A lingua galega non pertence a ninguén, señores! Un patrimonio sen cancelas, sen dono. Vai vadía polos camiños da terra, do mare, do mundo. O idioma galego é como o campo da festa, como as praias, como a auga dos ríos, como o autobús do Inserso, como o canto da cotovía. Como o vento que abanea o herbal. Como a luz do faro.

Como o día e a noite.

—De quen é a lingua galega?

—De ninguén! —responde moi aleuto o voceiro de garda.

E engade moi rufo: “Ninguén, ninguén!, pode apropiarse do galego”.

Eu gusto, si. Mais logo teño un custodio contraditorio, anxo ou demouchiño, non sei, que me importuna na orella: “Pois se non é patrimonio de ninguén, o perigo é que ninguén se ocupe del. Olla as beirarrúas cheas de lixo, as praias con construcións ilegais, as caixas de aforros espoliadas... ¿E non será iso porque algúns pensen que a non ser propiedade privada pois non merece ningún respecto?”.

—Home, non pretenderá privatizar a lingua!

Pois hai algúns ultraliberais, como Murray Rothbard, profesor da universidade de Las Vegas, que mesmo defenden a privatización do aire que respiramos. A súa lóxica semella esmagadora. Para exercer un dereito hai que ter a propiedade correspondente. Por exemplo, para exercer o dereito á libre expresión pública debes ser propietario, ou pagar o aluguer, dunha sala onde falar. Pois así, se deixaramos a Murray Rothbard, discípulo de Hayek, a política de normalización do galego, o que faría é vendelo, adxudicalo nunha poxa. E se cadra esta lingua vale moito máis do que algúns pensan. Nesta abellariza enxamearon as palabras que andan en bocas portuguesas, brasileiras, angolanas, timorenses... O Goberno debería falar co seu deputado Pedro Arias e que faga un Informe de rendibilidade neogaleguista.

Imaxinen a noticia: “Vendido o galego nunha poxa na Christie’s de Londres. O idioma foi adxudicado a unha empresa chinesa. Só cos palabras que compoñen Negra Sombra agardan recadar o actual 2% do actual PIB de Galicia”.

Non, o galego non está en poxa, mais semella ás veces, moitas, que segue a ser tratado como unha mercadoría de segunda man. Dende logo, polas administracións. Un exemplo. É imposíbel encontrar en Facenda en galego moitos dos impresos fiscais, malia existir a demanda. Nin sequera podes gozar dese masoquismo de declarar trabucos en galego! Vense de coñecer outro dato: o que recibe da Xunta cada ano a fundación Cela é 44 veces superior a todo o apoio para o labor, inxente, da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Mais tamén hai xente que privatiza a lingua non como unha propiedade senón como un problema. Esa xente que profesa nos foros ou que se pon a predicar na radio ou no medio do bar cunha pregunta por bandeira: “Pero, para que serve o galego?”. Hai mesmo un personaxe ben curioso, que adoita ser dos primeiros en espetar esta pregunta, e é o tipo que só fala galego e un pésimo castelán: “Pero, para que carallo serve o galego?”. Que unha pregunta así a faga unha persoa que leva boa parte da vida valéndose desa lingua éche un misterio do Pentecoste. Home, ao mellor é un infeliz e bótalle a culpa á lingua. Mais as linguas son xenerosas. Queren a calquera boca. O único que ten que facer a boca é chamar por unha palabra, por unha frase, por unha taco, por unha canción, e aló van, contentes á boca, como dicía o Don Quixote: “Este libro é feliz pois vai buscarvos”.

Así que na vez de teimar no retrouso de que o galego “non é patrimonio de ninguén”, mellor sería dicir que é patrimonio da xente toda. De quen o emprega e de quen non. De quen o respecta, aínda que non o fale, e de que non respecta, aínda que o fale. A xente pode ter prexuízos. A lingua, non. Está aí, por se alguén a quere, e brinca aos labios nun santiamén, sen preguntar de que idea ou partido é a boca que se abre.

Mais cómpre lembrar que se o idioma está aí é porque hai bocas que terman del. Os patrimonios, públicos ou privados, esmorecen e extínguense se non hai quen teña conta deles. E o galego non só é un patrimonio da xente galega. A súa custodia é unha obriga que se ten coa humanidade.

O 17 de maio, en convocatoria de Queremos Galego, en Santiago, saíron á rúa miles de persoas. Encheron a Quintana. Dáse a cifra de vinte e cinco mil. En todo caso, moita xente. Neste tempo, e en día festivo soleado, aínda que sexa festa das Letras, xuntar tantas almas e moito xuntar. É a expresión dun desacougo fondo. Nin un só partido, nin unha asociación nin sindicato é quen hoxe dunha mobilización así se non hai sentimento forte detrás.

Un sentimento de perda. Porque non só perturban as perdas económicas, o déficit nas contas, os buracos nas finanzas. Se non somos quen de querer a lingua que aquí naceu, como imos soster o que as palabras nomean?

O Goberno só se preocupou de sinalar co dedo a afiliación dos denunciantes e ignorar unha vez máis a denuncia. Disque había nacionalistas, ecoloxistas, vexetarianos e mesmo algún otorrinolaringólogo.

—E que a lingua non é patrimonio de ninguén!

Non. De señor ninguén é só o silencio."

(*) Manuel Rivas, De quen é a lingua galega?


O fútbol solidario dos Easton Cowboys & Cowgirls


Os deportes serven ou non á sociedade segundo o modelo que adoptan. No fútbol hai tamén xeitos de facer que este xogo sexa unha actividade solidaria, comprometida e diferente, tal e como veñen a demostrar os ingleses Easton Cowboys & Cowgirls desde fai vinte anos.

O equipo da cidade de Bristol recorre o mundo co seu lema "Liberdade a través do fútbol", visitando os territorios ocupados en Palestina ou aos zapatistas en Chiapas.

A súa experiencia libertaria comezou en 1998 cando organizaron a "Copa do Mundo Alternativa", no pobo inglés de Thorncombe.


Reino Unido, Marrocos, Palestina, EUA, México, Brasil e Arxentina son, ata o de agora, os lugares por onde se espalla o fútbol solidario dos Easton Cowboys & Cowgirls.

Fonte: Opera Mundi




29 ene. 2013

O Punto Filipino


De todo o que acontece neste ataque á democracia executado pola Presidenta do Parlamento da Galiza, Pilar Rojo, vou quedar coa frase dun policía español pronunciada diante das deputadas do BNG Ana Pontón, Carme Adán e Tereixa Paz: "no tengo que conocer a los diputados, ni tengo que saber gallego, punto filipino".

O "punto filipino" é unha antiga locución que ten relación co pasado colonial español nas Illas Filipinas. Usábase (ou usase) para designar a unha persoa pouco escrupulosa e, antes, empregábase para alcumar aos españois que vivían en Filipinas sen moita fortuna pero con intención de aparentar un nivel social superior.

O tema é que este policía español e, por extensión a maioría, sempre nos teñen que lembrar que somos unha colonia e, por iso, temos que soportar ás forzas de seguridade do estado que non saben, nin queren, nin entenden a nosa lingua.

Imaxe: Wikipedia
Xa vai sendo hora de que recollan os seus trebellos e lisquen para terras onde comprendan e falen o idioma para que poidan ser útiles á cidadanía.

O despregue total da Policía Autonómica vai ter que ser tamén prioritario para evitar situacións esperpénticas coa policía española. Non podemos tolerar que ningún funcionario dos corpos de seguridade sexa alleo á realidade social e lingüística do país.

Xa abonda de colonialismo.

O rexeite do asturianu no concello de Noreña


Nunca choveu que non escampara, escoitábase nas rúas de Compostela o pasado domingo. A defensa da lingua é tan importante como é o feito de que é o único identificador válido que nos dá a categoría de nación. Pode ser discutible, pero sen idioma non temos nación. Houbo tempos bastante peores para a lingua galega, tamén mellores, e agora non imos deixar que o PPdeG practique políticas regresivas cara a lingua nacional.

En Asturies teñen bastantes máis problemas coa oficialidade do asturianu, chegando ao esperpento nalgunhas ocasións. Tal foi o que aconteceu o pasado 24 de xaneiro no concello de Noreña, onde o alcalde socialista rexeitou a tramitación de documentación por estar rexistrada en lingua asturiana.

É triste o pouco respecto pola cultura que amosan certas administracións.


28 ene. 2013

O PPdeG e a droga no cola-cao


Fai uns días a toxicidade que contaxia a información verquida pola Voz de Galicia (*) impulsouna a colocar como titular "o PPdeG non bota droga no cola-cao dos galegos para que lle voten". A xoia saíu da boca de Pedro Puy, portavoz parlamentario popular, en alusión aos resultados das derradeiras autonómicas galegas.

Certamente, co sistema de votación que temos, a cidadanía colocou de xeito democrático ao PPdeG á fronte da Xunta. Porén, xa que así falou o sr. Puy, eu si sospeito dalgunha substancia estraña que nos proporcionan no cola-cao ou na auga da traída para seguir mantendo a Feijóo and Company no poder.

Entendo que Amancio Ortega e outros grandes empresarios galegos voten polo PPdeG. Entendo que os directivos da Voz de Galicia e doutros xornais que maman directamente da teta do goberno, apoien aos populares. Entendo que toda a cúpula ligada a NovaCaixaGalicia, tamén escollan esa papeleta. Porén non comprendo o motivo do resto da cidadanía para outorgar un premio a quen non acreditou mérito algún para ser digno de distinción.

Daquel célebre "contrato de Feijóo cos galegos" non se cumpriu ren e aínda acrecentáronse máis os problemas da Galiza. No ano 2009, Feijóo aseguro que en "45 días acababa co desemprego" e xa vemos o resultado en 2013. Prometeu unha sanidade pública con garantías e unha firme aposta pola innovación, onda esta isto? Garantiu unha rexeneración democrática e hoxe damos unha patada en calquera chiringuito e atopamos corrupción para matar por sobredose. Afirmou, no 2009, que a defensa da nosa lingua sería un dos seus estandartes para logo converterse no seu inimigo público número 1.

O único punto do seu "contrato" que cumpriu foi no que ratificaba que tiña unha "nova estratexia económica" para o país. Verdade, pero a táctica só beneficia a unha ducia de persoas condenando á maioría cidadán a vivir en condicións do século pasado, por non lembrar a cantidade de familias en risco de exclusión social ou as persoas que xa traspasaron o limiar da pobreza.

Pedro Puy non ten razón. Polo ben da Galiza, non tomes cola-cao.

(*) Neste blog non se poñen enlaces ao xornal La Voz de Galicia, pero aí queda a captura de pantalla da noticia.





Infografía sobre a propiedade dos medios de información


Ex-Voz é unha bitácora colectiva realizada por extraballadores e traballadores do Grupo Voz, que denuncia as malas prácticas da editora da Voz de Galicia e como o beneficio privado inflúe na liña editorial das empresas do grupo. Trátase dun blog que sigo persoalmente e que recomendo a tódolos que queiran estar ben informados sobre a "cociña" do rotativo herculino.

O día 25 deste mes publicaron unha infografía, que reproduzo a continuación, sobre a propiedade dos medios de información no estado español. Considero que é de sumo interese e aclara moitas liñas xornalísticas estrañas que nalgunhas ocasións sorprenden.







Fuente: Ex-Voz

26 ene. 2013

A derradeira lección do mestre


Unha amiga, Cris, púxome na pista do sitio "A derradeira lección do mestre", que eu descoñecía. Aínda que pensemos axiña no debuxo do álbum "Galicia mártir" de Castelao no que aparecen dous nenos ollando para un home asasinado polos fascistas e que vai acompañado pola esta frase, trátase dunha bitácora, aloxada en Tumblr, recolle un importante material, tanto en cantidade como en calidade, referido á II República, a Guerra Civil e a Represión franquista.

Banda deseñada, cancións, cartaces, citas, documentais, fotografías, testemuñas son algúns dos recursos que se ofrecen desde a páxina. 

Sen esquecer que tamén ocupa un lugar destacado a súa biblioteca temática para a súa lectura online ou para a descarga de balde do seu contido. Entre outras moitas obras ofrece: "Álbums de Guerra" de Castelao, "Recuerdos de la Guerra de España" de George Orwell, "El colapso de la República", "40 Preguntas fundamentales sobre la Guerra Civil" (ámbolos dous de Stanley G. Payne); entre outros.

No apartado dedicado a filmografía tamén dispón de diverso material como "Mujeres del 36", sobre a loita das mulleres anarquistas na II República ou "Vivir la Utopía", un retrato do anarquismo da época.

Merece a pena visitar este lugar: "A derradeira lección do mestre"





25 ene. 2013

Crowdfunding ideolóxico


Xavier Vence, como é habitual, fai un magnifico análise da iniciativa do BNG #proponconnosco da que xa teño falado nun par de ocasións. Para Vence "o máis difícil hoxe é construír organización, porén a organización é esencial se a loita vai ser duradeira. Por iso, antes de debilitar unha organización existente cómpre ter moi claro que hai alternativas significativamente mellores".

Para min a única organización que pode vertebrar o nacionalismo galego de esquerda é o Bloque. A propia historia e a mesma "marca" xa son dos activos básicos. Porén, nun mundo que avanza a velocidade de vértigo, calquera pode adiantarche por iso é preciso atopar a eficiencia do colectivo para rachar coas prácticas tradicionais. As cousas non cambian facendo sempre o mesmo.

Ideas como a Soberanía teñen que ser bandeira no BNG, onte semellaba unha toleada que pechaba "nichos" de votantes pero hoxe temos que fixarnos no triunfo desa formulación noutros territorios. O BNG precisa dun proxecto impactante de servizo a Galiza que vincule emocionalmente aos cidadáns deste País.



24 ene. 2013

Xan de Masma e o erro na Galipedia


Xan de Masma era o pseudónimo utilizado polo mindoniense Patricio Delgado Luaces. Decidido valedor da causa carlista, seguía neste senso o mesmo camiño que outros mindonienses sobranceiros: o bispo López Borricón, sen ir máis lonxe. A súa militancia a prol da bandeira de don Carlos VII valeulle ser encarcerado en 1872 no castelo de Santo Antón, na Coruña. Posteriormente sería desterrado a Cuba, onde desenvolveu un intenso labor literario.

Na Habana participou en varias empresas xornalísticas, destacando pola súa vinculación á revista Follas Novas, unha das principais publicacións dos emigrantes galegos na capital de Cuba. Sería precisamente nesta revista onde Xan de Masma publicaría por entregas a súa novela "¡A Besta!", entre 1899 e 1900. A novela de folletín foi un dos principais produtos culturais do século XIX, a este modelo de literatura recorreu tamén a prensa galega da Habana.

Xan de Masma faleceu na Habana o 25 de abril de 1900. Dato que corrobora Sixto Gómez Echemendía no seu libro "Vidas grabadas en la piedra. Gallegos en el Cementerio de Colón", no que ademais sitúa o lugar exacto do soterramento: Cuartel SE, cadro número 3, fila 16, fosa 7ª, cemiterio de Colón (A Habana).

E engade tamén que faleceu a idade de 47 anos, polo tanto, naceu no ano 1853; non como di a Galipedia, que sitúa o seu nacemento en 1850. Ademais tamén aporta o día exacto, o 6 de agosto, e nome da consorte, Manuela Santana.


Distribución salarial no Estado español




Fonte:FinancialRed

23 ene. 2013

O 23-F, Marea Cidadá contra o Golpe dos Mercados

Ante os recortes salariais, sociais e laborais, o desmantelamento dos servizos públicos, o rescate bancario con fondos públicos e o resto de políticas neoliberais, resulta necesario facer un chamamento a todas aquelas persoas que sofren a crise no seu día a día, ao 99%, a parar o Réxime o próximo 23 de febreiro.

As razóns para saír á rúa son máis claras e contundentes que nunca. A Unión Europea atópase en mans dos bancos e grandes empresas europeas, que están impoñendo políticas económicas e sociais favorables aos seus intereses: baixadas xerais de salarios para ganar “competitividade”; perda de dereitos laborais para facilitar o despido e a precariedade; desmantelamento dos servizos públicos para crear novos “nichos“ de negocio para o capital; conversión da débeda dos bancos en débeda pública a costa do gasto social e público; retorno das mulleres ao traballo de coidado non remunerado e ao fogar; recortes nos dereitos democráticos e incremento da represión policial...
  
No poderemos soportar por moito tempo que unha de cada catro persoas non teña traballo, que mais da metade da xuventude permaneza sen emprego e, por tanto, sen poder ter un proxecto de vida; e que en máis de 1.700.000 fogares tódolos seus membros están no paro. Non é posible seguir admitindo o desafiuzamento de quen non poden pagar a súa hipoteca, nin que máis do 20 % da poboación viva xa na pobreza, cunha acelerada feminización da mesma. 

 Os recortes golpean a tódolos sectores populares da sociedade: o copago sanitario, as tesoiradas en servizos sociais, dependencia e educación, e tamén nas pensións, a privatización dos bens e servizos públicos, a subida de impostos coma o IVE. Ademais, a petición dun rescate que é inevitable e os seus efectos: aumento da débeda pública, recorte brutal do gasto do Estado, peche de empresas públicas, despidos masivos no sector público e redución da masa salarial nas administracións públicas, etc. Todo ten un denominador común: non cargar a crise sobre os seus responsables, senón sobre quen non a provocaron. 


Estas medidas son aplicadas por tódolos gobernos dos estados europeos que mais están sufrindo o xugo da débeda. Quebrar o discurso e a política neoliberal da UE require unificar os obxectivos e a acción do conxunto da clase traballadora do continente por unha Europa dos pobos: rexeitar o pacto fiscal e a re-capitalización bancaria con fondos públicos; reclamar unha auditoría cidadán sobre a débeda e negarse ao pago da que sexa ilexítima; instaurar un sistema fiscal progresivo que grave ás grandes fortunas, e combater a fraude, a evasión de capital, a economía mergullada e a corrupción. Temos de comezar a construír por abaixo unha fronte sindical, social e política contra os recortes e a austeridade que incorpore tamén as reivindicacións fundamentais, como a apertura dun novo proceso constituínte que poña a economía ao servizo da maioría social, devolvendo a soberanía a Pobo, onde se contemple o dereito a decidir das nacións do Estado español.


Por todo ilo, necesitamos construír unha gran marea cidadá que aglutine á clase traballadora, a estudantes, á xente xubilada, parada, inmigrante, a xuventude traballadora e ás amas de casa de tódalas cidades do Estado español a participar activamente nas manifestacións que terán lugar o día 23 de febreiro. Porque só desta xeito poremos empezar a frear as políticas neoliberais que son un ataque frontal contra o 99% da sociedade.


Vía La Trastienta

Información aquí

Matías Flocco e as bicis de madeira reciclada


Matías Flocco é un artista arxentino multidisciplinar que, desde fai máis dunha década, improvisa e esquematiza as súas ideas e os seus proxectos de xeito independente e autodisciplinado. As súas obras realízanse con materiais destinados ao lixo: restos de pintura, madeiras e ferro; que acaban converténdose en mobles e obras pictóricas.

Agora no "Taller de Salvador" tamén adícase á fabricación de bicicletas de madeira. A que sae na foto está construída con madeira de Pino Tea de 1930 recollida dun piso antigo, as incrustacións son de ébano de Madagascar sobrantes dunha fábrica de guitarras e os gardabarros son de palets de obra.

Podedes seguir a Matías Flocco nos seguintes enlaces:

Matías Flocco 

Mueblería Salvador

Matías Flocco Obra Pictórica




Flocco from Matías Flocco on Vimeo.

22 ene. 2013

Apagar e reiniciar


Xa fai tempo que o que acontece dentro das fronteiras do estado español é difícil de explicar desde calquera punto de vista. Nin economistas, nin sociólogos, nin (moito menos) políticos son capaces de transmitir algo coherente desde as súas respectivas tribunas.

Todo o que está a pasar a raíz do Caso Bárcenas é a pinga que faltaba para demostrar que o Goberno de Rajoy non ten lexitimidade moral nin social aínda que a legalidade democrática o ampare.

O Sistema está podre. Tolera aos grandes defraudadores, protexe aos banqueiros e aliase co gran capital ao mesmo tempo que persigue aos desempregados, malla nos pensionistas de renda baixa e produce pobreza e desigualdade.

A caixa B do capitalismo español xerou a individuos coma Luís Bárcenas, con contas en Suíza por importe superior a 22 millóns de euros, con latifundios en América, repartindo sobres con cartos en negro entre cargos do Partido Popular. Tamén orixinou casos como o de Urdangarín (vinculado á casa dos Borbóns) e os de Màs e Puyol (ligados á dereita catalá). Só por citar algúns dos moitos que aparecen acotío.

Xa quedan poucos ou ninguén que se crean a premisa de que a Política non é unha profesión senón que é un exercicio voluntario de servizo público.


Outros dous casos rechamantes que ampara a legalidade do Sistema: Felipe González, cobrando unha pensión vitalicia de 82.000 euros máis 126.000 por asesorar a Gas Natural Fenosa; e José María Aznar, ingresando outro 82.000 euros de pensión vitalicia e 198.000 da empresa Endesa.

A práctica neoliberal non funciona e a cidadanía xa o percibe na súa totalidade. Canto máis afundimos no pozo mouro da crise maior é a corrupción e máis criminal se volve o réxime.

Hai unha bomba de reloxería posta en conta atrás para un estoupido social inminente. E chegados a ese punto, o cidadán abandona o seu papel de vítima para metamorfosearse en verdugo. Ou rebenta o Sistema ou a violencia será cuestión de tempo. Apagar e reiniciar.

21 ene. 2013

Pictotraductor, unha ferramenta para o autismo


O Pictotraductor é unha ferramenta pensada para o uso na comunicación coas persoas que teñen dificultade na linguaxe oral, transformando frases en secuencias de imaxes.

É moi útil para pais, nais e profesorado con fillos ou alumado con Trastornos Xeneralizados do Desenrolo (Autismo). Se se opta por rexistrarse na páxina (non é necesario) pódese personalizar as imaxes con pictogramas como fotos de familia, profesores, amigos, sitios habituais.

A aplicación só está dispoñible en castelán, a pesar de que foi desenrolada polo galego Grupo Promedia. (Non é crítica, farán o traballo que lles encargan, a magoa é que a Xunta non se ocupe de que haxa versión en galego).

A aplicación é de balde e non precisa ningunha instalación. Entrase directamente desde AQUÍ.

Vive le Québec, vive son drapeau!


Tal día coma hoxe, en 1948, a bandeira do Quebec ondeaba por primeira vez na torre do Parlamento substituíndo á bandeira do Canadá. Neste 2013 celébrase o seu 65 aniversario e, por iniciativa parlamentaria, tódolos concellos do Quebec están obrigados a adoptar algunha actividade relacionada co acontecemento.

Estas e outras moitas actividades organízanse desde unha plataforma cidadá chamada Movemento Nacional do Quebec (MNQ), que defende e promove a súa identidade, a súa cultura, a súa historia e, principalmente, o seu idioma (o francés).

O movemento soberanista cara á independencia está moi arraigado neste extenso territorio norteamericano. En 1980 celebraron o seu primeiro referedum para a secesión, obtendo un 40,5% do sufraxios; en 1995, nunha segunda consulta, recolleron o 49, 6% dos votos; e, en novembro do 2006, o Parlamento canadense recoñeceu ao Quebec como unha nación dentro do Canadá.

A día de hoxe, o Parti Quebécois (PQ) goberna este país baixo o liderado de Pauline Marois e seguen apostando pola independencia mentres practican políticas socialdemócratas.

20 ene. 2013

Os encargados deste desastre


"Os encargados" é un traballo artístico dirixido por Jorge Galindo e Santiago Sierra que se inaugurou en Madrid o pasado día 17 de xaneiro. Inclúe pinturas, fotografía e un vídeo que pretende sinalar, incomodar e responder ao poder.

No vídeo, gravado na Gran Vía madrileña o 15 de agosto de 2012, denunciase a propaganda do actual réxime político e apúntase cara aos culpables de lexitimalo: o rei Borbón, Adolfo Suárez, Leopoldo Calvo-Sotelo, Felipe González, José María Aznar, José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy.

Se vos presta, aí queda para ollar.




Máis información aquí.

De Formica a formica, un século



Recoller marcas comerciais rexistradas e transformalas en substantivos é un dos moitos procedementos que usan as linguas para enriquecer o seu vocabulario. Así aconteceu coa marca "Formica" que pasou a converterse nun nome común; recollido nos dicionarios da RAG, da RAE e no Estraviz; para designar a calquera material laminado de gran dureza recuberto de resina artificial e de uso na industria do moble e da carpintería de madeira.

A maioría da xente xa non percibe que o nome que usan (formica) para designar un conxunto de marcas que comparten características comúns é, en orixe, o nome dunha marca única. E formicas hai moitas: Railite (nº 1 do mercado español, agora propiedade de Formica), Wilsonart, Lamin-Art, Centuryply, PioniteArborite, etc. Pero Formica só hai unha e cumpre un século en 2013.

Os procesos de asentamento dos neoloxismos son complexos cando se fan desde unha marca comercial, pero á centenaria Formica deulle tempo dabondo.




19 ene. 2013

Os Zënzar, 25 anos dándolle


Que contar dis Zënzar que non saiba toda a Galaxia Pangalaica?

Xa non me lembro cando me fixen adicto, sen cura para a desintoxicación, da banda de Cerceda. Pasei dos meus vinilos de Led Zeppelin, Deep Purple ou Black Sabbath a atopar o rock en galego combativo e contundente que me propoñían os Zënzar. As cancións entrábanme coa agulla directa a vea, foi un momento máxico de éxtase psicodélico. O primeiro traballo que merquei para a miña discografía persoal foi o "Sigue e dálle" (2006), logo fíxenme co "Rockrol" (2001), "A tribu" (2009) e "Vaise Armar" (2012). Todos colocados nun sitio de privilexio na miña colección, ao carón de moitas máis bandas de rock que teñen por bandeira a nosa lingua.

A banda debutou no ano 1988, logo este 2013 festexa o seu 25 aniversario. Son moitos anos de estrada, concertos e apartacións a cultura galega. Por iso merecen tódalas homenaxes posibles. A primeira xa chegou da man de dezaoito bandas que lles rende tributo nun disco versionando temas dos Zënzar. Neste traballo participan Machina ("Cochos"), Desequilibrio Mental ("Chove"), Nao ("A fin do mundo"), Balbordo Público ("Sigue... e dálle"), O Son do galpóm ("O informal"), K-Raxe ("Bourando"), Pito de PiKasso ("Doutor"), Compañía do ruído ("Cheira mal"), Chícharo Psicótico ("Cousa branca"), MeDoMedÁ ("Dálle"), Raiba ("E ti que pensas"), O Jallo Light ("Matar por matar"), Os Tres Trebóns e os Homes sen Medo ("Tiven un bar"), Dios Ke Te Crew ("A tribo"), Invivo, Secho e os Invisibles ("Chegando a casa"), Ruxe-Ruxe (Ratos no hórreo") e Mr. Kamándula ("Nacín libre"). O disco enteiro podedes escoitalo entrando no portal de GZmúsica e en xeito de vídeo no feisbuc da banda

So me queda felicitar aos Zënzar, que sigan e lle dean outros vinte cinco anos máis, e que neste 2013 ármase unha boa e merecida homenaxe aos "padriños" do rock born in Galiza.




18 ene. 2013

Ana Botella ou como pensa o sistema


A señora que senta comodamente o seu cu na cadeira da alcaldía maior do reino mostrouse favorable a eliminar as novas xeracións dos partidos políticos. Non só as do PP, as de todos. Segundo ela a mocidade ten que ocuparse de estudar ou traballar. Ren de política para xente nova.

Con independencia da súa ideoloxía e da súa idade, non coñezo a ningún mozo ou moza que militen ou simpaticen con formacións políticas ou sociais que non esteen máis preparados, formados e instruídos que Ana Botella para exercer a política.

A señora Ana chegou a alcaldesa do mesmo xeito que o seu homónimo, José I Bonaparte, é dicir, ninguén votou por eles para que desempeñaran un cargo representativo. A xestión da compañeira de Aznar á fronte do concello madrileño é tan nefasta que ata recibe críticas dos medios ultra-centristas.

Pensar que a política é tema para profesionais que viven a súa costa é pretender convertela nun Órgano Colexiado, un mecanismo colectivo endogámico que pretende defender os intereses dun grupo privilexiado e negar aos demais o libre acceso ao exercicio da política.

Este sistema que administra as vontades da cidadanía xa non serve no século XXI. Ana Botella é un bo exemplo de inútil representante dun réxime esgotado.

Os profundos cambios impostos pola aplicación da norma neoliberal afogaranos nas augas mouras do capitalismo salvaxe.

Ou rebentamos o sistema ou perdemos a condición de cidadán é acadamos o rango de robot.




Soberanía e Independencia non che son o mesmo


Fai uns días asistín convidado a unha convocatoria dunha agrupación local do BNG enmarcada dentro da campaña #proponconnosco. Unha experiencia que considero útil e valiosa en ámbalas dúas direccións: tanto para os afiliados ao Bloque coma os que practicamos o nacionalismo sen carné (ou con outro de diferentes siglas). Un dos temas que estimo fundamental para un partido político que sexa merecedor de considerarse defensor da nosa nación é o de reclamar o dereito á Soberanía da Galiza.

Porén xulgo que en parte da base social na que se sustenta o BNG hai certa confusión etimolóxica entre Soberanía e Independencia.

Non fai moito tempo, nas páxinas do dixital catalán VilaWeb trataban de aclarar o significado do termo Soberanía. Do que puiden anotar, quero achegar unhas reflexións para axudar a diferenciar entre ambos conceptos distintos e complementarios, ou non.

A Soberanía é unha declaración que fai un grupo humano, unha nación, na que proclama ante o mundo que a partir dese momento é suxeito de soberanía, é dicir, que non recoñece ningunha soberanía superior á do seu pobo. Polo tanto, a Soberanía non é unha declaración de Independencia, aínda que si é un paso previo. Pódese recoñecer a Soberanía Galega e estar en contra da Independencia, sobre todo no marco europeo no que é habitual a cesión de soberanía a entidades supranacionais.

Deixando claro que Soberanía e Independencia non son o mesmo, tamén é lóxico considerar que unha vez colleita a Soberanía galega, para que non sexa só unha figura retórica, o seguinte paso racional sería adoptar as medidas precisas para acadar a Independencia, para deste xeito dotar ao país de dereitos políticos e xurídicos.

Non sei se me expliquei.



17 ene. 2013

Seguen avanzando, por dirección prohibida


Os populares galegos van celebrar o seu XV Congreso na cidade de Lugo a vindeira fin de semana (19 e 20 de Xaneiro). O Congreso estará presidido polo aspirante a alcalde Jaime Castiñeira, ultimamente figura discutida entre os afiliados provinciais ao seu partido. As estrelas do show serán Dolores de Cospedal, que inaugurará o sábado; e a ministra Ana Pastor, que con Feijóo clausurarán o evento o domingo. O gran ausente, non sei se por medo escénico o por problemas de axenda, será Mariano Rajoy.

O Congreso xa destila malas vibracións desde que o comité organizador anunciou que "a figura de Fraga estaría moi presente". Sinal de que lles tira moito o pasado franquista do ex-ministro e que, aínda que non colaboren na recuperación da memoria histórica do noso pobo, conservan ideas e sistemas máis que discutibles.

Escoller o lugar para a asemblea non foi casual. A cidade amuralla non conserva un historial de loita contra o poder omnívoro do PPdG e, ademais, o Pazo de Feiras e Congresos está separado de Lugo polo río Miño. Unha edificación moderna pero que ten a peculiaridade de estar illada, de que as súas actividades pasen inadvertidas por estar lonxe dos ollos dos lugueses.

Para poñer un punto tráxico-cómico, ao PPdeG ocorréuselle bautizar o conclave co lema "Seguimos Avanzando". Certo. Pero van na dirección contraria aos intereses da cidadanía. Acaso están cegos? Non escoitan o ruxir das rúas? Se non están xordos nin cegos é de agardar que, cando menos, algún do PP saia do Congreso coa ideoloxía metamorfoseada.



Testamentos online en galego


Cada cultura enfoca o feito transcendental da morte de xeitos moi distintos. Incluso dentro do noso país hai formas diferenciais de entender culturalmente este lance, dependendo das comarcas ou, incluso, das parroquias galegas.


"¡O defundo vai na igrexa,
a muller queda apenada,
vamos bebendo e comendo,
con chorar non se fai nada"

Do que si non pode escapar o finado (e se o fai, deixa unha ardua labor aos herdeiros) e de facer testamento. Ata agora o protocolo marcaba a redacción do texto por un avogado e a visita á Notaría coas testemuñas pertinentes. Pero todo cambia na Galiza Século XXI.

Hai por aí unha empresa (non sei si existen máis) que xa fai testamentos online, en 24 horas, por 70, 80 ou 95 euros (dependendo do caso).

Non pretendo facer propaganda desta empresa, o que si quero deixar constancia é que ocúpase redactar en galego o testamento. Foi unha resposta que me deron a unha consulta persoal.