18 ene. 2013

Ana Botella ou como pensa o sistema


A señora que senta comodamente o seu cu na cadeira da alcaldía maior do reino mostrouse favorable a eliminar as novas xeracións dos partidos políticos. Non só as do PP, as de todos. Segundo ela a mocidade ten que ocuparse de estudar ou traballar. Ren de política para xente nova.

Con independencia da súa ideoloxía e da súa idade, non coñezo a ningún mozo ou moza que militen ou simpaticen con formacións políticas ou sociais que non esteen máis preparados, formados e instruídos que Ana Botella para exercer a política.

A señora Ana chegou a alcaldesa do mesmo xeito que o seu homónimo, José I Bonaparte, é dicir, ninguén votou por eles para que desempeñaran un cargo representativo. A xestión da compañeira de Aznar á fronte do concello madrileño é tan nefasta que ata recibe críticas dos medios ultra-centristas.

Pensar que a política é tema para profesionais que viven a súa costa é pretender convertela nun Órgano Colexiado, un mecanismo colectivo endogámico que pretende defender os intereses dun grupo privilexiado e negar aos demais o libre acceso ao exercicio da política.

Este sistema que administra as vontades da cidadanía xa non serve no século XXI. Ana Botella é un bo exemplo de inútil representante dun réxime esgotado.

Os profundos cambios impostos pola aplicación da norma neoliberal afogaranos nas augas mouras do capitalismo salvaxe.

Ou rebentamos o sistema ou perdemos a condición de cidadán é acadamos o rango de robot.




No hay comentarios:

Publicar un comentario