22 ene 2013

Apagar e reiniciar


Xa fai tempo que o que acontece dentro das fronteiras do estado español é difícil de explicar desde calquera punto de vista. Nin economistas, nin sociólogos, nin (moito menos) políticos son capaces de transmitir algo coherente desde as súas respectivas tribunas.

Todo o que está a pasar a raíz do Caso Bárcenas é a pinga que faltaba para demostrar que o Goberno de Rajoy non ten lexitimidade moral nin social aínda que a legalidade democrática o ampare.

O Sistema está podre. Tolera aos grandes defraudadores, protexe aos banqueiros e aliase co gran capital ao mesmo tempo que persigue aos desempregados, malla nos pensionistas de renda baixa e produce pobreza e desigualdade.

A caixa B do capitalismo español xerou a individuos coma Luís Bárcenas, con contas en Suíza por importe superior a 22 millóns de euros, con latifundios en América, repartindo sobres con cartos en negro entre cargos do Partido Popular. Tamén orixinou casos como o de Urdangarín (vinculado á casa dos Borbóns) e os de Màs e Puyol (ligados á dereita catalá). Só por citar algúns dos moitos que aparecen acotío.

Xa quedan poucos ou ninguén que se crean a premisa de que a Política non é unha profesión senón que é un exercicio voluntario de servizo público.


Outros dous casos rechamantes que ampara a legalidade do Sistema: Felipe González, cobrando unha pensión vitalicia de 82.000 euros máis 126.000 por asesorar a Gas Natural Fenosa; e José María Aznar, ingresando outro 82.000 euros de pensión vitalicia e 198.000 da empresa Endesa.

A práctica neoliberal non funciona e a cidadanía xa o percibe na súa totalidade. Canto máis afundimos no pozo mouro da crise maior é a corrupción e máis criminal se volve o réxime.

Hai unha bomba de reloxería posta en conta atrás para un estoupido social inminente. E chegados a ese punto, o cidadán abandona o seu papel de vítima para metamorfosearse en verdugo. Ou rebenta o Sistema ou a violencia será cuestión de tempo. Apagar e reiniciar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario