7 ene 2013

As escolas da emigración no Concello de Barreiros

Escola de San Miguel. Foto: Consello Cultura Galega

Os indianos eran aqueles galegos que, movidos pola fame e a miseria, partiron rumbo a América en busca de fortuna. O fenómeno migratorio tivo o seu apoxeo a finais do século XIX e principios do XX e Castelao deixouno reflectido na lapidaria frase "os galegos non piden, emigran".

Desde Arxentina, o Uruguai ou Cuba moitos galegos emigrantes organizáronse en sociedades que tiñan, entre outros obxectivos, exercer un labor de mecenado na terra que os vira nacer. Un traballo que foi fundamental para o progreso na Galiza da época e cuxo legado inmobiliario e cultural aínda perdura.


Escola do Canteiro. Foto: Conselo Cultura Galega
Peña Novo, director do xornal agrarista de Vilalba, El Ratón, resumía así en 1913 o labor das sociedades de instrución galegas en Cuba: "De Cuba viene o dinero que se necesita para atajar o hambre de anos míseros; de Cuba viene o dinero para todas las obras benéficas que aquí hacemos; en Cuba se fundan sociedades de instrucción (…) para levantar nas parroquias edificios escolares donde educar a la juventud que o municipio i o Estado abandonan; de Cuba tienen que venir, por consiguiente, los vientos de fronda que barran para siempre o obstáculo de todo progreso; o caciquismo imperante, enemigo da instrucción, da beneficencia i do bienestar do pueblo".

No Concello de Barreiros son catro as obras emblemáticas (catalogadas polo Consello da Cultura Galega) creadas grazas ás achegas dos emigrantes da zona. As catro, con outros fins, aínda continúan funcionando.


Escola de Reinante. Foto: Consello Cultura Galega
A Escola do Canteiro, en San Pedro de Benquerencia, foi inaugurada o día 31 de agosto de 1907, con 37 alumnos matriculados, impulsada polo "Centro de Benquerencia, Sociedad de Instrucción y Recreo" (A Habana). A partir de 1920 pasou a mans da "Sociedad de Instrucción y Recreo Hijos de Benquerencia" (A Habana), cuxo primeiro presidente foi José R. Cobo.

A Escola de San Miguel (vella) foi creada en 1925 para o ensino primario gratuíto e vivenda dos mestres. O promotor foi a "Sociedad de Instrucción y Recreo Hijos de San Miguel y Reinante", fundada na Habana o 23 de agosto de 1908 por Narciso Rocha, Narciso Fernández, José González, Francisco González, Antonio Díaz Moreda, Benito García, Enrique Díaz, Jesús Díaz, José R. Dorado, Antonio González, Pedro González, José R. Dorado, José García, Ramón García, Marcos Villarino, Narciso Rego, Pedro Penabad, Francisco Penabad, Víctor Rocha, Francisco Álvarez, Teolindo Dorado, Antonio Dorrego, Antonio González, Ramón García, Manuel Posada e Antonio Rico.
Escola de Vilamar. Foto Consello Cultura Galega

A Escola de Santiago de Reinante foi inaugurada en 1908, como centro de ensino primario e vivenda para o mestre/a pola sociedade anteriormente citada.

A Escola de Vilamar foi inaugurada en 1919 como centro de ensino primario de carácter mixto e contaba cunha soa aula. Foi impulsada pola sociedade "Hijos de Cabarcos" (A Habana) coa colaboración da veciñanza.

Catro xoias legadas polos nosos devanceiros que convén lembrar que foron creadas para incentivar o ensino e a cultura da veciñanza a través dun tecido asociativo forte e entusiasta que, a día de hoxe, xa está sendo vertebrado no Concello por varias asociacións. Cabe destacar pola súa presenza, intensidade, visión e aposta pola cultura con maiúsculas o traballo que se fai desde o Colectivo Ollomao.

Para consultar: Mapa e datos das escolas da emigración na Galiza

Para ler: Bibliografía escollida sobre as escolas da emigración





No hay comentarios:

Publicar un comentario