14 ene 2013

As escolas da emigración no Concello de Ribadeo


No Concello de Ribadeo, do mesmo xeito que aconteceu en Barreiros, o Consello da Cultura Galega ten catalogados catro inmobles como escolas promovidas por galegos emigrantes en América a finais do século XIX.


Escola Agrícola Pedro Murias Foto: CCG
A "Escola Agrícola Pedro Murias", na parroquia de Vilaselán e na actualidade convertida en Centro de formación e experimentación agroforestal, foi inaugurada o 8 de novembro de 1922 grazas ao legado de Pedro Murias Rodríguez, emigrante ribandense que fixera fortuna en Cuba e que falecera na illa o 9 de novembro de 1906. Tras numerosas vicisitudes, o legado de Pedro Murias para a construción e mantemento dunha escola agrícola na súa parroquia natal comeza a facerse realidade a partir de 1916. Neste ano comeza a compra dos terreos en Vilaframil, mércanse en dúas fases un total de 65 parcelas, que abranguen unhas 15 hectáreas, cun custo aproximado de 56 000 pesetas. A xunta de patróns nomea a Enrique Suárez Couto, enxeñeiro agrónomo, director da escola e el foi o encargado de comezar as obras. O primeiro edificio en ser construído foi o inmoble principal, onde estaban situadas as aulas e demais dependencias para o ensino e o profesorado. Trátase dun edificio de grandes proporcións (59m x 7,50m), formado por un corpo central de planta baixa, primeiro andar e faiado e dúas ás a cada lado. Na planta baixa, na zona da esquerda estaban as aulas, os servizos e unha estancia para o profesorado; na dereita, as dependencias da dirección da escola, unha aula para os nenos de primaria, a cociña, o comedor e un almacén de víveres. No faiado vivía o persoal de servizo. Rematado este edificio en 1920, empezan a construír outros edificios anexos independentes, que servirían como almacéns (de maquinaria agrícola, de industrias lácteas, etc.), unha palleira e un taller. En 1924 finalizan as obras de acondicionamento do predio e dun edificio en forma de U, que será usado como corte para o gando (vacún e porcino). O obxectivo principal da escola era impartir ensinanza aos nenos da parroquia e contribuír á difusión das melloras pecuarias entre os labregos da comarca; foi pioneira no fomento da orientación leiteira do gando e logrou que o campesiñado da Mariña luguesa fose receptivo á experimentación e a modernización agropecuaria. A aula de primaria non foi un desexo do indiano, senón que foi produto da necesidade, pois a maioría dos nenos da comarca tiñan poucos coñecementos básicos e non podían optar ao avanzado plan de estudos que impoñía a escola agrícola. As clases comezaron en 1922 e paradoxicamente será un dos grandes éxitos da fundación, sempre pendente de que se contratasen docentes competentes e cualificados, que deixaron gran pegada na comarca. En 1929 conclúe a construción de edificios en todo o recinto: unha casa para vivenda do capataz, outra para o porteiro da finca, xusto na entrada principal e outra independente para o director, así como varios almacéns, un depósito de auga e un observatorio metereolóxico. A comezos dos anos 30, xorden problemas económicos e de xestión e iníciase un longo período de declive para a a escola, sobre todo tras a decisión da xunta de patróns de nomear a un dos mestres de primaria para dirixir a escola, o que na práctica supuxo o final do centro como granxa-experimental. Coa Guerra Civil, as instalacións convértense en 1937 nun hospital militar. Na década dos 50 volve a funcionar como un centro de ensino primario e medio. En 1993, tras varios anos de rehabilitación de todas as instalacións por parte da Xunta de Galiza, volve ser inaugurado como un centro de capacitación e experimentación agraria, tal e como segue a funcionar na actualidade. 


Círculo Habanero da Devesa. Foto: CCG
O "Círculo Habanero da Devesa" foi inaugurado en 1921 como centro de ensino primario e centro cívico (casino, biblioteca e sala de reunións. O recinto escolar do Círculo Habaneiro da Devesa está formado por varios edificios independentes, nos que destaca un pavillón principal que se dedicaba a centro social da parroquia, pero que polo seu tamaño e valor arquitectónico é o máis coñecido e salientable, e dous máis pequenos que eran as escolas propiamente ditas, unha de nenos e outra de nenas. O promotor foi o "Círculo Habanero de la Devesa. Sociedad de Instrucción y Recreo", fundada na Habana por José Acevedo, primeiro presidente e un dos seus principais beneficiarios; José R. Alonso, como secretario; Ramón P. Murias, José A. Posada, Julio Raimundo, Melchor Rodríguez, Benito F. Fernández, José F. Fernández, José M. Graña, Ángel Ríos, Antonio Pérez, José Molejón, Isidro Martínez e Benito Fernández como vogais.


Escola de Rinlo. Foto: Consello Cultura Galego
A "Escola de Rinlo" foi inaugurada en 1912 como centro de ensino primario, sendo parte do testamento feito por Jesús Rodríguez Murias, emigrante na Habana que regresou a Ribadeo e faleceu en 1909 e dotada de recursos educativos pola "Unión Rinlega", sociedade fundada na Habana por veciños da parroquia entre os que podemos mencionar a José V. Aguiar, José F. Fernández, Ramón Posada, Benito Fernández, Jesús Páez, Antonio Fernández, Manuel Posada, Francisco Posada, Jesús López, Cándido Gervaz, Pedro Vázquez e Leoncio Pérez José Antonio Posada. O edificio ten dúas plantas de forma rectangular, con cuberta de lousa de dúas augas. Construído en cachotaría, cos muros de carga de cantaría e o interior de madeira con tres columnas de fundición na planta baixa.


Escola de Cinxe. Foto: Consello Cultura Galega
A "Casa Escola de Cinxe" na parroquia da Devesa foi inaugurada en 1933, como centro de ensino primario e casa do mestre/a por iniciativa de José Acevedo Martínez, emigrante na Habana. Retornou a súa terra e foi nomeado alcalde de Ribadeo e como tal, foi un dos testamenteiros de Pedro Murias, encargado de facer cumprir a súa derradeira vontade: a construción da Granxa-escola Pedro Murias en Vilaframil. Para a construción da escola no lugar de Cinxe, cedeu uns terreos da súa propiedade e mercou outros á súa beira. Formou, ademais, parte da comisión encargada de levar a cabo as obras, xunto con outros membros destacados da sociedade ribadense como Antonio Dorrego, Antonio García, Manuel López, Lorenzo Docobo e Manuel Álvarez.

Para consultar: Mapa e datos das escolas da emigración na Galiza

Para ler: Bibliografía escollida sobre as escolas da emigración

No hay comentarios:

Publicar un comentario