10 ene. 2013

Galiza 2020, olimpíadas indíxenas


Madrid volve presentar candidatura por enésima vez aos xogos olímpicos. Recolle o testemuño da histórica iniciativa a alcaldesa Ana Botella, célebre por sentarse na cadeira sen pasar polas urnas, famosa pola súa dialéctica, amiga dos animais salvaxes e habilidosa xestora.

O investimento previsto vai ser de 4.000 millóns de euros que, coñecendo ao persoal, no ano 2020 estarán multiplicados alúmenos por cinco. De todo o que se ven comentando nos xornais nestes días o que máis me chocou foi a nota de prensa do infatigable ministro para a (an)alfabetización José Ignacio Wert.

Trátase, segundo o alopécico, dun proxecto de importancia capital "que conta co apoio do 80% dos españois" e a "implicación de nove ministerios" e que "contribuirá á recuperación económica".

Non me creo nada de nada. O 80% da poboación, nestes intres económicos e sociais convulsos, a favor? Quen botou a conta? Cristina Cifuentes? As olimpíadas van sacarnos do pozo da crise? Na miña opinión, van aportar sachos para afondar máis no buraco. Non vai haber retorno económico para pagar semellante dispendio. As olimpíadas de Atenas foron inicio da caída de Grecia. As de Londres, aínda non está claro si as contas saen o hai moito prestidixitador contable.

Porén a min gústanme as olimpíadas, velas na televisión enténdase. E podo estar errado (que non ferrado). Se cadra é positivo para Madrid. Sendo deste xeito, só me queda reivindicar as olimpíadas indíxenas para Galiza 2020.

No hay comentarios:

Publicar un comentario