5 ene. 2013

Gerard Depardieu, de comunista a ruso

Foto: PÚBLICO/REUTERS

Cando desde a dereita máis ultra plantexan boicots contra produtos cataláns, a min paréceme unha estupidez. Cando desde a esquerda, proponse o mesmo cara a produtos de fabricación israelí, sígueme parecendo unha estupidez. De feito son actos que afectan moi pouco aos obxectivos da "causa", que non son outros que damnificar aos respectivos países ou gobernos. Pero non é así. Como moito castígase a algunha empresa na que a culpa págaa, por pecador, o traballador asalariado. Sexa catalán ou israelí, de dereitas ou de esquerdas, sionista, marxista, independentista ou seareiro do Celta ou do Depor.

Os boicots teñen que ter definido con claridade o seu obxectivo e estudar as consecuencias e danos colaterais que se poidan orixinar. Un exemplo de boa iniciativa son as campañas contra o traballo escravo na India, nas que se inclúen como explotadoras a tres empresas con sede social no estado español (Inditex, El Corte Inglés e Cortefiel). Non mercando e denunciando esta situación de escravitude no século XXI é o xeito de facerlles entender que somos consumidores responsables e informados.

Aprendín estes días, polo meu informativo de confianza, que o actor Gerard Depardieu mudara a súa nacionalidade para fuxir do fisco francés. O Kremlin de Putin fichouno como ruso de pro. Depardieu é libre para rachar o pasaporte francés e podería argumentar moitas cousas pero o feito de converterse en cidadán ruso para non pagar impostos e non contribuír cos seus ingresos a soster o sistema social do seu pobo é unha canallada.

Isto si merece un boicot. Trátase dun individuo multimillonario, grazas as achegas que fan os traballadores galos e doutros países, que non repercute un só euro no beneficio do seu propio país. Non consumir o cine de Gerard Depardieu sería unha boa idea. E que as televisións públicas non o emitisen, tamén.

1 comentario:

  1. http://elprogreso.galiciae.com/nova/221517-putin-se-reune-depardieu

    ResponderEliminar