8 ene 2013

O obradoiro de Ribadeo e os políticos que marean


Transparencia é unha fermosa verba que define evidencia e claridade. Poren cando a cuspen algúns políticos convértese en sinónimo de escuridade e desprezo pola intelixencia da cidadanía.

A provincia de Lugo ten 67 concellos repartidos en 13 comarcas. En todos, nuns máis que noutros, a lacra do desemprego bate na porta da veciñanza. Calquera política de fomento do emprego é benvida.

A Xunta de Galiza aprobou para o exercicio 2013 obradoiros de emprego en 21 concellos da provincia, rexeitando peticións de moitas corporacións locais que tiñan solicitado esta iniciativa. Dos 21 municipios, vinte están gobernados polo Partido Popular, o que convida a pensar en vellas prácticas caciquís.

No Concello de Ribadeo, que quedou sen a concesión do obradoiro solicitado á Xunta, converteuse o argumento nunha liorta dialéctica na que os principais protagonistas son tres políticos. López Penabad, portavoz do Partido Popular ribadense e novo traballador nos obradoiros da Xunta concedidos aos concellos de Cervo, Alfoz e O Valadouro; todos eles gobernados polo PP. José Manuel Balseiro, deputado autonómico polo Partido Popular e tenente alcalde no Concello de Cervo; e Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, con maioría absoluta, polo BNG.

Os foros que utilizan habitualmente son ás páxinas do dixital comarcal "Crónica 3", da emisora local "Cope de la Costa", a páxina web de Balseiro e incluso a web institucional do Concello (neste caso un punto a restar a Suárez Barcia por empregar unha canle non axeitada).

Os comunicados e desmentidos sobre a culpabilidade da perda do obradoiro de emprego para 45 persoas censadas no municipio é continua, diría eu que cansiña. Os populares acusan ao alcalde de antepoñer os seus intereses partidistas ante os intereses xerais dos veciños. E o alcalde contesta que descoñece o motivo que levou á Xunta a negar o obradoiro a Ribadeo.

E deste xeito pasan o tempo. Mareando á veciñanza. A ineptitude política orixinal parte da máxima institución do goberno da Galiza, casualmente gobernado por Feijóo. A Xunta ten unha páxina web que debe ser vehículo de comunicación coa cidadanía. Non creo que fose tan difícil guindar as diferentes solicitudes presentadas para obradoiros e os motivos polas que foron aceptadas ou rexeitadas. Deste xeito deixabamos que os políticos locais desempeñaran as súas funcións en lugar de perder o tempo buscando rendibilidade política na controversia.

(*) Web de José Manuel Balseiro: http://josemanuelbalseiro.wordpress.com/



No hay comentarios:

Publicar un comentario