28 ene. 2013

O PPdeG e a droga no cola-cao


Fai uns días a toxicidade que contaxia a información verquida pola Voz de Galicia (*) impulsouna a colocar como titular "o PPdeG non bota droga no cola-cao dos galegos para que lle voten". A xoia saíu da boca de Pedro Puy, portavoz parlamentario popular, en alusión aos resultados das derradeiras autonómicas galegas.

Certamente, co sistema de votación que temos, a cidadanía colocou de xeito democrático ao PPdeG á fronte da Xunta. Porén, xa que así falou o sr. Puy, eu si sospeito dalgunha substancia estraña que nos proporcionan no cola-cao ou na auga da traída para seguir mantendo a Feijóo and Company no poder.

Entendo que Amancio Ortega e outros grandes empresarios galegos voten polo PPdeG. Entendo que os directivos da Voz de Galicia e doutros xornais que maman directamente da teta do goberno, apoien aos populares. Entendo que toda a cúpula ligada a NovaCaixaGalicia, tamén escollan esa papeleta. Porén non comprendo o motivo do resto da cidadanía para outorgar un premio a quen non acreditou mérito algún para ser digno de distinción.

Daquel célebre "contrato de Feijóo cos galegos" non se cumpriu ren e aínda acrecentáronse máis os problemas da Galiza. No ano 2009, Feijóo aseguro que en "45 días acababa co desemprego" e xa vemos o resultado en 2013. Prometeu unha sanidade pública con garantías e unha firme aposta pola innovación, onda esta isto? Garantiu unha rexeneración democrática e hoxe damos unha patada en calquera chiringuito e atopamos corrupción para matar por sobredose. Afirmou, no 2009, que a defensa da nosa lingua sería un dos seus estandartes para logo converterse no seu inimigo público número 1.

O único punto do seu "contrato" que cumpriu foi no que ratificaba que tiña unha "nova estratexia económica" para o país. Verdade, pero a táctica só beneficia a unha ducia de persoas condenando á maioría cidadán a vivir en condicións do século pasado, por non lembrar a cantidade de familias en risco de exclusión social ou as persoas que xa traspasaron o limiar da pobreza.

Pedro Puy non ten razón. Polo ben da Galiza, non tomes cola-cao.

(*) Neste blog non se poñen enlaces ao xornal La Voz de Galicia, pero aí queda a captura de pantalla da noticia.





No hay comentarios:

Publicar un comentario