18 ene 2013

Soberanía e Independencia non che son o mesmo


Fai uns días asistín convidado a unha convocatoria dunha agrupación local do BNG enmarcada dentro da campaña #proponconnosco. Unha experiencia que considero útil e valiosa en ámbalas dúas direccións: tanto para os afiliados ao Bloque coma os que practicamos o nacionalismo sen carné (ou con outro de diferentes siglas). Un dos temas que estimo fundamental para un partido político que sexa merecedor de considerarse defensor da nosa nación é o de reclamar o dereito á Soberanía da Galiza.

Porén xulgo que en parte da base social na que se sustenta o BNG hai certa confusión etimolóxica entre Soberanía e Independencia.

Non fai moito tempo, nas páxinas do dixital catalán VilaWeb trataban de aclarar o significado do termo Soberanía. Do que puiden anotar, quero achegar unhas reflexións para axudar a diferenciar entre ambos conceptos distintos e complementarios, ou non.

A Soberanía é unha declaración que fai un grupo humano, unha nación, na que proclama ante o mundo que a partir dese momento é suxeito de soberanía, é dicir, que non recoñece ningunha soberanía superior á do seu pobo. Polo tanto, a Soberanía non é unha declaración de Independencia, aínda que si é un paso previo. Pódese recoñecer a Soberanía Galega e estar en contra da Independencia, sobre todo no marco europeo no que é habitual a cesión de soberanía a entidades supranacionais.

Deixando claro que Soberanía e Independencia non son o mesmo, tamén é lóxico considerar que unha vez colleita a Soberanía galega, para que non sexa só unha figura retórica, o seguinte paso racional sería adoptar as medidas precisas para acadar a Independencia, para deste xeito dotar ao país de dereitos políticos e xurídicos.

Non sei se me expliquei.



No hay comentarios:

Publicar un comentario