28 feb. 2013

Os riscos laborais e a Delegada da Xunta


Di o currículo de Raquel Arias que estudou xornalismo na Complutense e que a súa vida laboral no mundo real é máis ben escasa: tres anos de redactora na Radio Galega e pouco máis. Logo xa pasou a formar parte do colectivo de políticos profesionais, bípedes parasitos que non teñen mellor xeito de gañar o salario, alúmenos con tanta facilidade.

A señora Arias foi alcaldesa de Sober polo Partido Popular desde 1999 ata 2009, foi deputada provincial entre 1999 e 2003 e entre 2007 e 2008. Vogal do Comité Executivo do PP de Galiza, vicesecretaria do PP de Lugo, presidenta local do PP de Sober. Coordinadora autonómica en Igualdade e, de 2008 a 2009, deputada estatal por Lugo no Congreso dos Deputados.

Actualmente desempeña o cargo de Delegada Territorial da Xunta de Galiza en Lugo.

Onte clausurou, na cidade amurallada, a xornada de "Accidentes laborais no proceso edificatorio" defendendo a labor da Xunta en materia de prevención da seguridade no traballo con unha aseveración que me chocou dabondo: "os accidentes laborais rexistrados en Galiza descenderon máis dun 53% nos últimos catro anos". Todo isto, por suposto, grazas aos diferentes programas acometidos polo goberno Feijóo en materia de prevención de riscos.

Unha de dúas, ou é unha inconsciente ou nos quere tomar o pelo. A siniestralidade laboral na construción diminuíu porque as políticas que aplica Feijóo e Rajoy son un risco para o emprego. Miles de traballadores do sector xa están no desemprego, logo o índice de siniestrabilidade ten que baixar aínda que se relaxasen as prácticas preventivas.

Na súa función de Delegada da Xunta que se dea un paseo polo mundo real e vexa como está o sector da construción ... e non lle fai falla andar moito, ten obras e locais parados ao carón da Delegación en Lugo.

Se cadra pasáronlle mal os apuntes para pechar o acto porque ela non era a encargada. A tarefa correspondía a Beatriz Mato, conselleira de Traballo, tal como podedes comprobar neste documento da Fundación MUSAAT.


27 feb. 2013

I edición do concurso de curtas "Filmar para cambiar"



A Asociación Veciñal A Xuntanza, Amarante e Verdegaia organizan a primeira edición do concurso de curtas "Filmar para cambiar".

Até o 30 de abril as persoas interesadas en participar poderán enviar as súas curtas, que serán proxectadas no derradeiro día do ciclo de cinema Coñecer para Cambiar, o 22 de maio. 

A curta gañadora do concurso será elixida ese mesmo día por votación do público. As curtas presentadas serán de temática social e/ou medioambiental.

Máis información en: Verdegaia

25 feb. 2013

I Festival de Curtas de Alfoz


O Seminario de Estudos do Valadouro, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Alfoz organiza para este vindeiro mes de marzo o I Festival de Curtas de Alfoz. 

Catro sábados, todos ás 20.00 horas e no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz, proxectaranse películas realizadas na Mariña Lucense, proxeccións que irán acompañadas pola presenza e os comentarios de directores, produtores, actores, etc, das citadas películas. 

O programa resumido será o seguinte:

- Sábado, 2 de marzo: día dedicado ó cine de Mondoñedo, con Miguel García.
- Sábado, 9 de marzo: segundo día dedicado ó cine de Mondoñedo, con máis películas de Miguel García.
- Sábado, 16 de marzo: día dedicado ó cine de Burela e Cervo, coa proxección de películas de Paco Piñeiro e Matías Nicieza.
- Sábado, 23 de marzo: día dedicado ó cine de Alfoz e O Valadouro, con películas de Rubén García e Pepe Peinó.

Para unha información máis detallada da programación e das películas que se van proxectar premede sobre a imaxe que sigue.


Decálogo de medidas contra a crise


Amnistía Internacional, Greenpeace e Intermón Oxfam elaboraron un decálogo de medidas urxentes contra a crise, no que piden un xiro ás políticas emprendidas polo PP. Esixen maior protección dos dereitos das persoas, priorizando aos colectivos máis vulnerables; unha reorientación do modelo enerxético para favorecer a creación de emprego e a sostenibilidade; e un cambio na política fiscal e económica que contribúa a crear unha sociedade máis equitativa e xusta.

Preme sobre as imaxes para aumentar.

24 feb. 2013

No día de Rosalía, Morea Baleira agasalla libros


Neste blog tamén queremos celebrar o Día de Rosalía. E ímolo facer agasallando con libros (tres en galego e dous sobre Galiza), cinco obras que teño repetidas na miña biblioteca e atópanse en perfecto estado.

Se queres participar o xeito é o seguinte. Na páxina de Facebook de Morea Baleira aparecerá a partir de hoxe un "botón" vermello coma o da esquerda. Dálle a "gústame" na imaxe e na páxina (si non o fixeches antes). Por orde asignarei un número a cada participante (a partir do 001).

Haberá un único gañador que será o que teña asignado o número que coincida coas tres últimas cifras do sorteo da ONCE do día 22 de Marzo.

Os gastos de envío son pola miña conta. O feito de participar implica acatar as normas descritas.

Os libros para o gañador son os seguintes:

El Alzamiento de 1936 en Galicia (Carlos Fernández)
Los Apoyos al Régimen Franquista en la provincia de Lugo (María Jesús Souto Blanco)
Murguía e La Voz de Galicia
A Casa (Xaquín Lorenzo)
Encontros (Jesús Otero Pérez)

23 feb. 2013

O que non entendo do BNG


Alégrome moito que o BNG se sume ao proceso soberanista e coorganice a manifestación nacional convocada para o 3 de Marzo en Compostela. Considero que é o espazo político máis axeitado para a fronte aínda que sacrifique algún voto ideoloxicamente pouco definido.

Porén esta rotación dá pouca credibilidade a iniciativas da organización que aínda están en proceso, tales como #proponconnosco. A aposta clara polo Soberanísimo non puido saír do proceso de reflexión achegado pola militancia de base e polos simpatizantes que participaron nas xornadas de #proponconnosco. De feito, nin sequera o BNG agardou a súa XIV Asemblea Nacional, que será o 17 de marzo, para "radicalizar" o seu discurso político nun intento de marcar diferenzas coa "competencia" electoral. Poñendo a vista nas vindeiras eleccións municipais, o Bloque volve a errar na estratexia e iso transformase nunha diminución de votos.

O traballo que fai o BNG no Parlamento da Galiza é inmenso pero invisible. Non serve a escusa da indiferenza (ou censura) dos medios de comunicación para xustificar o cada vez máis escaso "protagonismo" da fronte. Remítome a AGE. O seu traballo parlamentar é inferior pero saben vender a imaxe e o carisma de Beiras.

Os bos proxectos precisan líderes carismáticos. O Bloque non ten ningún Chávez nin ningún Correa, pero ten a obriga de crealo. E nese proceso é fundamental o consello da militancia e dos "seareiros". A presencia nas redes sociais é fundamental mais non de calquera xeito. Hai que elaborar un Manual de Uso para as agrupacións locais espalladas polo País para evitar que deixen pegadas funestas no Facebook ou no Twitter. Tense que prohibir a militantes, simpatizantes e cargos que usen o logo do BNG nos seus perfís persoais nas redes sociais. Moita xente ligada ao Bloque lánzase ás redes sociais pensando que son o canal perfecto para promocionar(se) emitindo todo tipo de lixo mediatico. Poren hai que aprender unha lección básica nas redes socias: a reputación non se forxa co que se di ou se quere aparentar senón co que os demais pensan deles que ven dado das súas accións e decisións.

Polo miña banda, este é o BNG que ideoloxicamente busco, a prol da Soberanía Nacional sen escusas. Agora, é o que lle interesa ao BNG?

22 feb. 2013

Defende a Sanidade Pública na Mariña

Na defensa da Sanidade Pública da Mariña, di NON a Xerencia única provincial

Infórmate na Plataforma Sanidade A Mariña

Preme sobre as imaxes.






Sobre a fusión en frío de Barreiros e Lourenzá


Resúltame interesante o debate aberto polo alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente (PP) sobre unha hipotética fusión co concello veciño de Lourenzá. De feito subscribo a parte rebelde do seu comunicado: "non podemos agardar a ver que é o que nos impoñen desde Madrid ou que é o que nos impoñen desde outros sitios". Por "outros sitios" entendo Xunta de Galiza que é a promotora principal destas iniciativas, aplicándolles unha política de discriminación positiva segundo manifestou Alfonso Rueda.

Curiosamente o alcalde barreirense non recibiu ningún apoio por parte dos concelleiros de ningunha formación política da Mariña, incluído o PP.

Persoalmente non estou a favor nin en contra. O evidente é que unha decisión deste calado tena que tomar a veciñanza e non hai ningún acordo plenario que poida darlle lexitimidade. Por outra banda, unha fusión non resolve ningún problema económico, todo ao contrario, o impacto posiblemente sexa negativo. Unha resolución cara a unha fusión hai que tomala baixo uns criterios de territorialidade e competencias moi ben definidos, estruturados e estudados e, por suposto, evitar decisións políticas que soen ser pouco coherentes.

Ordenacións territoriais na Galiza houbo moitas. Na miña opinión todas as que se fixeron a partir do ano 1833 foron malas. Deberiamos retroceder na historia e recuperar vellos modelos rexenerándoos e actualizándoos. Para os concellos, nin fusión, nin absorción, nin segregación; simplemente había que extinguir esa figura administrativa. Do mesmo xeito deberiamos operar coas Deputacións e coas Provincias. As tres formas de municipalismo non son máis que unha herdanza colonial.

A Parroquia Civil debería ser a primeira división administrativa do País, logo as Comarcas (ou grandes Cidades) e, por último, a Xunta de Galiza.

21 feb. 2013

Ollomao leva o teatro a Ribadeo


O grupo de teatro do Colectivo Ollomao empeza a súa xira coa obra "Os vellos non deben namorarse" de Castelao, dirixida por Comba Campoy e Ramón Casas.

Logo do éxito acadado no seu estreo en San Miguel de Reinante, a cita será agora en Ribadeo, o domingo día 24 de febreiro ás 19:30 horas, no Auditorio municipal Hernán Naval.

20 feb. 2013

Alcaldía non é sinónimo de Cárcere


Pouco fixo falta para desmontar o que uns xa sabiamos, outros sospeitaban e os demais estaban en Babia. Desde as alcaldías do PPdeG non existe vocación de servizo público aos cidadáns. Un mito que eles mesmos se ocupan de tombar. Outra lenda urbana.

As verbas de Enma Álvarez, alcaldesa de Lourenzá, a propósito da nova Lei de Administración Local son demoledoras e impresentables: "moito terá que compensar para seguir nestas condicións".

Cando se aprobe a Lei, se a revolta dos edís populares non a para, Enma Álvarez verá reducido o seu salario en 11.174 euros. E non lle parece ben, considera que merece cobrar máis. Facendo memoria resulta que sentou na poltrona non por elección da veciñanza senón por renuncia do seu antecesor, Vidal Martínez-Sierra (que se buscou mellor vida e soldo no Parlamento da Galiza). Lembar que coa axuda do seu voto aprobouse un ERE na factoría de Muebles Hermida que supuxo un golpe mortal ao sector industrial do Concello e da Mariña e causou números despidos entre os seus veciños.

En calquera caso Alcaldía non é sinónimo de cárcere. Senón lle chega un soldo de 30.000 euros que colla a porta e que se incorpore á vida laboral. Estou seguro que non van faltar candidatos para á cadeira e queremos que Enma goce dunha felicidade plena na vida civil. Probablemente terá tempo libre para compatibilizar a labor profesional con algunha actividade altruísta a prol da veciñanza. Así xa ninguén pensará que estaba de alcaldesa pola pasta, como se fose unha mercenaria ao servizo do PPdeG.


(1) As verbas da alcaldesa de Lourenzá están recollidas en La Voz de Galicia. Pódese acceder copiando e pegando o seguinte enlace: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2013/02/19/regulacion-sueldos-provoca-terremoto-politico-marina/0003_201302X19C2991.htm?idioma=galego
Este blog non pon enlaces directos co xornal citado.

Dez pintores hiperrealistas


Preme sobre o nome para acceder ao cartafol

1. Alyssa Monks
2. Gina Heyer
3. Javier Arizabalo
4. Rob Hefferan
5. Roberto Bernardi
6. Nathan Walsh
7. Robin Eley
8. Karin Kneffel
9. Diego Fazio
10.Pedro Campos

Preme sobre as imaxes










19 feb. 2013

Discrepando de Jaureguizar sobre Salva Ballesta

Foto: EFE/RAFAEL MARCHANTE

Non concordo nos motivos que expón Jaureguizar no Cabaret Voltaire sobre a (non) incorporación de Salva Ballesta ao Celta. O aragonés xa foi rexeitado polo Presidente Mouriño como segundo adestrador co apoio da maioría do seareiros celtistas e galegos en xeral.

Porén eu, persoalmente, estou a favor da súa incorporación.

Primeiro, por razóns humanitarias. A diferenza de Toni Cantó, eu si penso que os animais teñen dereito á liberdade e á vida.

E segundo, porque estou convencido de que ía actuar de detonador necesario para rebentar toda a carraxe contida neste País.

Nada mellor que meter un ultra españolista na Casa para activar resortes adormecidos desde fai moito tempo. Non hai mellor remedio para reivindicar a nosa Nación que ter un descerebrado a diario nas portadas da Voz de Galicia, ou nas pantallas da TVG, ou no Galicia en Goles; recordándonos que temos que ser españois porque a el lle sae dos collóns.

Salva Ballesta, no Celta ou no Depor, faría máis a prol do nacionalismo galego que un millar de discursos políticos de dirixentes recoñecidos.

Premios do Concello de Carballo a artigos xornalísticos normalizadores


O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración cunha ducia de medios de comunicación, convoca o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co seu estatus, co argumentario a prol do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

Os artigos deberán ter entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos. 

O prazo de admisión está aberto ata o 11 de abril de 2013. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos doce medios colaboradores coa iniciativa.

Preme sobre as imaxes


18 feb. 2013

23F Mondoñedo, o golpe de ExTensión Agraria


Fronte a tiranía do capitalismo máis salvaxe, para berrar contra o atraco de Nova Caixa Galicia, para reivindicar que nos non imos emigrar, que imos botar do País a tódolos sacauntos que nos levan a ruína; tedes unha cita imperdíbel en Mondoñedo.

O 23F, ExTensión Agraria dará un Golpe contra o estado que non nos deixa vivir en liberdade. Dispararanse cancións a xeito de balas para espallar a sangue das consciencias. As gadañas enferruxadas do bravu están dispostas a segar calquera banda sonora establecida.


Alcaldes e Concellos da Mariña fronte a Lei de reforma da Administración Local


O Consello de Ministros do estado aprobou o venres o Anteproxecto de Reforma da Administración Local. Os datos seguintes mostran o que acontecerá nos concellos da Mariña unha vez que o Partido Popular aprobe a Lei. Trato de ser obxectivo e non vou facer ningunha valoración (de momento). Só quero deixar constancia de que, persoalmente, a miña posición é contraria ao texto porque a intención é a de baleirar de competencias aos concellos e reforzar o poder das Deputacións, entidades anacrónicas de dubidosa calidade democrática.

Preme sobre a imaxe.

Nestas dúas listas tamén se indica o salario máximo dos alcaldes segundo a poboación e o número de concelleiros con dedicación exclusiva segundo a cantidade de habitantes.


Fontes:
El Progreso (edición impresa)
El País (edición impresa)
Galipedia

(*) O alcalde de Foz chámase Javier e non Jaime

17 feb. 2013

Noite de Poesía na Casa das Mañas


Xa, cos meus anos pesando derriba do lombo, teño pasado por experiencias de todo tipo. Unhas boas, outra malas. A noite de onte resultou ser unha novidade que me deixou gratamente sorprendido. Fun de público osmar o que se cociñaba, nunca mellor dito, detrás do Recital de Poesía organizado pola Casa das Mañas en Terras de Miranda.

Infiltreime como bípede estraño nun colectivo que está acostumado a disparar poemas para motivar un encontro humano. Poetas que comunican de xeito fermoso e comparten harmonicamente sentimentos cos que alí estabamos.

Certo é que teño ido a moitos recitais de poesía, que coincidían temporalmente coa presentación da obra, pero este quedará marcado a ferro na miña memoria sobre todo polo factor espazo, a Casa das Mañas, que fixo posíbel unha proximidade cómoda e unha comunicación directa e persoal cos poetas, moi difícil de lograr noutros sitios.

Recitou María Lado, Elvira Riveiro, Modesto Fraga, José Estevez e Max Logo. Sen esquecer un tango a modo de introito co que nos agasallaron Chus, a dona da casa, e Fran.

Noite de poesía para un indíxena, a poesía é arma válida cando se carga axeitadamente.



16 feb. 2013

28F Día Mundial das Enfermidades Raras. Acompaña á FEGEREC por toda Galiza


O Día Mundial das Enfermidades Raras celébrase tódolos anos o 28 de febreiro coa intención de sensibilizar á sociedade e ás institucións sobre estas doenzas. As enfermidades raras non son rendibles para as grandes compañías farmacéuticas polo que non se estudan nin se investigan dabondo xa que pesa máis o beneficio económico que o benestar dunha persoa.

A Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) vai realizar unha intensa campaña nesa xornada por toda Galiza para informarnos e alertarnos sobre a problemática desta patoloxía. A Federación ten a súa sede no Centro Municipal de Enfermos Crónicos Domingo García Sabell (2º fase do polígono de Elviña) da Coruña e está formada por:

Asociación Gallega de Ataxia
Asociación Gallega contra la Fibrosis Quística
Asociación Coruñesa de Esclerosis Múltiple
Asociación Galega de Esclerosis Lateral Amiotrófica
Asociación Galega de Lupus
Asociación Gallega de Afectados de Retinosis Pigmentaria
Asociación Galega de Linfedema
Delegación Gallega de Asociación Nacional de Amigos de Arnold-Chiari

A FEGEREC ten programado para o xoves 28, con motivo deste día internacional, diferentes  mesas informativas por todo o País

A Coruña (rúas, Novos Ministerios, Hospital Materno, Ventorrillo)
Feira de Carballo
Santiago de Compostela (Praza Roja e CHUS)
Lugo (Praza do Concello e HULA)
Monforte (Rúa do Cardeal)
Pontevedra (Praza da Ferrería)
Vigo (CHUVI)
Ourense (Rúa do Paseo e CHOU)

Ademais prolongarase o venres 1 de Marzo en:

Ferrol no Supercor
Feira de Betanzos

E sábado 2 de Marzo en:

A Coruña (Carrefour, Alcampo, Marineda City, Los Rosales,Espacio Coruña)
Ferrol (Odeón)
Lugo (Carrefour e As Termas)
Santiago de Compostela (As Cancelas)
Feira de Vilagarcía
Pontevedra (Carrefour)
Ourense (Carrefour)

E o domingo 3 de Marzo en:

Feira de Padrón
Feira de Paiosaco
Feira de Noia







15 feb. 2013

Xéranse Caixas B de xeito oficial?


O Concello de Lugo presume da súa transparencia. Certo é que o documento "Índice de Transparencia 2012", sobre a xestión municipal nas 110 cidades máis grandes do estado español, dálle unha nota de 86,3 puntos sobre 100 posibles. Convertese deste xeito, segundo os analistas, na cidade galega máis "transparente".

Transparentes si que son. Por iso aprendemos que en pleno municipal aprobaron destinar aos grupos políticos con representación (PSdG, PPdeG e BNG) 380.400 euros para gastos, dos cales o 70%, 266.280 euros, non precisan xustificación de ningún tipo.

Ao PPdeG dáselle 126.000 euros; ao PSdG, 152.400 e ao BNG, 66.000. A parte é o propio Concello o que paga os gastos básicos das oficinas dos grupos políticos, tales como a luz, o teléfono, o papel, etc.

Coa que nos está a caer encima está decisión é unha tolemia. Trátase de cartos dos cidadáns e, polo tanto, é necesario a súa xustificación. Non serve a declaración responsable dos portavoces dos respectivos grupos. Os veciños de Lugo, e tamén os do resto da Galiza, temos dereito a saber o que se fai coa totalidade do montante, euro a euro.

Co caso Bárcenas na picota, decisións deste tipo semellan outórgalle carácter oficial a un sistema xerador de caixas "B".



O Certificado de procura activa de emprego online


Un dos requisitos que se esixen para acceder á axuda dos 400 euros do Plan Prepara é demostrar que estás realizando unha procura activa de emprego.

Para acreditalo o Servizo Público de Emprego pode solicitar un Certificado que, ata o de agora, a maioría do colectivo en situación de desemprego o conseguía en entrevistas de traballo directamente nas empresas.

Agora este documento xa se pode conseguir online a través dos Portais de Emprego. En Infojobs xa se expide de xeito automático e noutros portais é dabondo con poñerse en contacto cos administradores.

14 feb. 2013

Intermón contra o acaparamento de terras


A ONGD Intermón Oxfan lanzou unha campaña para denunciar o acaparamento de terras por uns poucos e os efectos negativos que ten nos países en desenrolo.

As imaxes da campaña, con letreiros de "Vendido" sobre monumentos emblemáticos do mundo, causan impacto.








E de paso podedes botar unha ollada ao informe de Intermón, de decembro 2012, sobre "Crise, desigualdade e pobreza"


Asina o manifesto en defensa do galego



Chamamento ao pobo galego


A Xunta debe acatar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza  de Galiza

Feijóo NON debe Levar o idioma galego ao Tribunal Supremo


A Consellería de Educación da Xunta de Galicia acaba de anunciar os trámites previos á presentación dun recurso de casación diante do Tribunal Supremo contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto do plurilingüismo aprobado pola Xunta en 2010. Na nota oficial en que dá conta deste desacerto, a Consellería afirma que condiciona a non presentación -ou no seu caso a retirada- do dito recurso a que “os recorrentes e a oposición” acepten a proposta formulada polo presidente da Xunta, segundo a cal, estes deben dar o seu aval ao devandito decreto do plurilingüismo, unha vez depurado dos aspectos que o TSXG estima contrarios á legalidade.

Resulta lamentable que o goberno e o Partido Popular non tirasen as conclusións derivadas das sentenzas do TSXG, en tanto que estas desautorizan aspectos básicos dun decreto no seu día aprobado pola Xunta a pesar dos informes negativos do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar e o Consello Consultivo. Agora, no canto de aproveitaren a ocasión para reconducir unha liña de deslexitimación, desoficialización e desprestixio do idioma do país (e de paso, da propia autonomía e as súas institucións), o Partido Popular e o goberno de Feijoo teiman en botar máis leña ao lume.

É incomprensible que o Presidente da Xunta pretenda condicionar unha rectificación imposta xuridicamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a que as partes interesadas dean o seu respaldo a un decreto desaxeitado, que xa foi descualificado polas devanditas institucións así como pola maioría dos expertos e da comunidade educativa, ademais de contestado masivamente pola cidadanía. Pero o que provoca escándalo é que o goberno do Partido Popular, escudándose nos resultados electorais (como se estes validasen calquera decisión) e nunha adaxe xurídica (que o recurso ao Tribunal Supremo pecha a vía xurisdicional) pretenda que un tribunal alleo a Galicia dea a última palabra nunha materia xa xulgada polo TSXG e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía  (art. 27, 20 do EAG). ¿Acaso o goberno pretende pasar unha outra lexislatura enredando en leas que só deitan máis prexuizos para o galego no canto de exercer as competencias que o obrigan en materia de defensa e promoción do idioma galego?

O que lle corresponde á Xunta é seguir as recomendacións do propio TSXG verbo do cumprimento das previsións de avaliación da competencia lingüística do estudantado, adaptando a presenza das linguas á obriga de garantiren igual competencia das dúas linguas oficiais. O que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004. Este mesmo Parlamento pode ser un lugar apropiado para fraguar as bases para tal consenso, non o Tribunal Supremo con sede en Madrid.

O que Galicia precisa é un Presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións, que crean no autogoberno e que miren por riba de todo polos nosos intereses colectivos. Alberto Núñez Feijoo debe renunciar de vez a continuar cun obsceno xogo partidista -ou peor aínda, personalista- a custa do noso idioma e da nosa dignidade. A Xunta de Galicia cometería unha infamia arrastrando o idioma galego ao Tribunal Supremo.

Asina AQUI



13 feb. 2013

Alfredo Pirucha, artista na pintura e no palán


A Liga Nacional de Billarda (LNB) conta coa militancia de distinguidos palanadores/as en diferentes eidos sociais e culturais. É o caso de Alfredo Pirucha, xogador de Pontevedra que vista a camisola do equipo errante os Gharabotos, que soen competir na LNB Conferencia Rías Baixas e na LNB Conferencia Sur.

Alfredo Pirucha é un artista plástico que comezou de xeito causal a dar forma a súa obra pictórica na súa cidade natal. Logo pasou por Madrid onde tomou conciencia das posibilidades da pintura como vehículo de expresión de inquedanzas, sentimentos, medos e todo aquelo que ocupaba os seus pensamentos e era susceptíbel de ser pintado.

Desde entón conseguiu expoñer en diferentes puntos da xeografía peninsular. A nivel estético podemos dividir a súa produción artística en tres grupos principais. Cada un deles distínguese dos outros pola utilización de diferentes soportes e recursos técnicos.

O primeiro sería o formado por unhas obras de cores moi vivas, pintadas principalmente coas mans e axudado por diferentes obxectos, sobre pequenos cartóns.

O segundo grupo está formado por telas de dimensión media pintadas coas mans e con pinceis en tons pastel e o trazo a lapis.

O derradeiro grupo é o formado por collage feito a base de fotocopias.

As súas obras tratan sobre temas cotiáns cunha forte carga de humor absurdo que busca o sorriso cómplice do público.

Ten a honra de estar perseguido por ser un dos artistas que fixo unha caricatura sobre Mahoma, recollida neste arquivo internacional.

Alfredo Pirucha está de actualidade xa que inaugurou unha exposición en Braga, no Centro de Utopias Sonhos e Projectos (Rua Nova de Santa Cruz, 236), e concedeu esta entrevista que o define como "o galego que pinta contos que nunca escreverá".

Xornada sobre a Praia das Catedrais

O xoves, día 14, estará en Ribadeo a Directora Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, a italiana Pia Bucella, convidada polo BNG da man da eurodeputada Ana Miranda. Participará nunha xornada sobre a Rede Natura na Galiza, na que abordáranse de xeito específico as necesidades e as fórmulas de xestión que a praia de Augasantas (As Catedrais) precisa para conxugar, de forma sostíbel, preservación medioambiental e aproveitamento económico e turístico. A xornada será aberta para tódolos que queiran asistir.



Máis información AQUÍ

12 feb. 2013

A trampa eléctrica, os contadores intelixentes e a saúde


O día de xaneiro de 2009 procedeuse á liberalización do mercado eléctrico. Pensada no seu día para ofrecer aos consumidores un amplo abanico de empresas onde poder escoller a tarifa máis óptima, a medida a día de hoxe serviu pouco. A falta de competencia entre as empresas eléctricas fixo que a liberalización tivese nulo impacto no consumidor doméstico que, no 90% dos casos, a súa mellor opción é continuar acollido á tarifa TUR (Tarifa de Último Recurso), que ten prezos regulados polo Estado. Isto ocorre porque o mercado actual é un oligopolio onde cinco empresas (Iberdrola, Gas Natural Fenosa, Endesa, E.ON e EDP) xeran o 80% da electricidade e comercializan o 90%.

As compañías comercializadoras usan todo tipo de estratexias/artimañas para inducirnos a abandonar a TUR, incluso buscan apoio institucional (véxase foto), e será estraño que haxa alguén que non recibise a visita dun axente captador ofrecendo diversas condicións para que nos pasemos ao mercado libre.

Onte apareceron dúas notas de prensa sobre o sector eléctrico que me chamaron moito a atención.

Por unha banda, a Deputación de Lugo pregoaba a súa iniciativa para a revisión integral de balde da facturación eléctrica en 47 corporacións municipais da provincia. A idea, a priori, é boa. Tan boa, que un se pregunta por que non o fai con outros colectivos. Poren tamén gustaría saber que empresa contrata o ente provincial para prestar este servizo dentro da morea de empresas privadas que hai no mercado.

Noutro comunicado, a Plataforma de Afectados polos abusos do Mercado Eléctrico da Mariña veñen denunciar mala praxes na substitución dos vellos contadores polos chamados "intelixentes". Segundo afirman, os operarios (na Mariña a empresa distribuidora encargada da tarefa é Begasa) invaden propiedade privada sen permiso e aumentan a potencia contratada nalgúns casos.

Hai que ter claro unha cousa: os contadores de telexestión non son de balde pero xa están pagados, o usuario o fixo na súa factura baixo o epígrafe "aluguer de contador" e o que o ten en propiedade é obriga cambiarllo. No estado español hai marxe ata 2018 para manter o noso contador ou decidir instalar un "intelixente".


Na Mariña empezaron a cambialos de xeito masivo a primeiros deste ano. Deles agardase unha lectura máis correcta e a eliminación das facturas estimadas. Pero xa hai casos nos que demostran que non son tan intelixentes (véxase documento Junta de Andalucía), por exemplo cando Endesa xa se equivocou cun cidadán de Cádiz nun erro de +488%, ou sexa, por cada kilowatio/hora consumido o contador marcáballe 5,58 KWh.

Hai outro problema engadido do que pouco se fala. O sistema de telexestión eléctrica funciona 24 horas ao día emitindo radiacións electromagnéticas cun sistema similar ao Wifi pero moito máis potente e de maior alcance. Por suposto, non hai ningún estudo que avalíe o risco que pode ter para a saúde a enorme radiación que se vai xerar en millóns de fogares.

Ampliade información en:

Estafa Luz

Discorery DSalud

Miguel Jara