13 feb 2013

Alfredo Pirucha, artista na pintura e no palán


A Liga Nacional de Billarda (LNB) conta coa militancia de distinguidos palanadores/as en diferentes eidos sociais e culturais. É o caso de Alfredo Pirucha, xogador de Pontevedra que vista a camisola do equipo errante os Gharabotos, que soen competir na LNB Conferencia Rías Baixas e na LNB Conferencia Sur.

Alfredo Pirucha é un artista plástico que comezou de xeito causal a dar forma a súa obra pictórica na súa cidade natal. Logo pasou por Madrid onde tomou conciencia das posibilidades da pintura como vehículo de expresión de inquedanzas, sentimentos, medos e todo aquelo que ocupaba os seus pensamentos e era susceptíbel de ser pintado.

Desde entón conseguiu expoñer en diferentes puntos da xeografía peninsular. A nivel estético podemos dividir a súa produción artística en tres grupos principais. Cada un deles distínguese dos outros pola utilización de diferentes soportes e recursos técnicos.

O primeiro sería o formado por unhas obras de cores moi vivas, pintadas principalmente coas mans e axudado por diferentes obxectos, sobre pequenos cartóns.

O segundo grupo está formado por telas de dimensión media pintadas coas mans e con pinceis en tons pastel e o trazo a lapis.

O derradeiro grupo é o formado por collage feito a base de fotocopias.

As súas obras tratan sobre temas cotiáns cunha forte carga de humor absurdo que busca o sorriso cómplice do público.

Ten a honra de estar perseguido por ser un dos artistas que fixo unha caricatura sobre Mahoma, recollida neste arquivo internacional.

Alfredo Pirucha está de actualidade xa que inaugurou unha exposición en Braga, no Centro de Utopias Sonhos e Projectos (Rua Nova de Santa Cruz, 236), e concedeu esta entrevista que o define como "o galego que pinta contos que nunca escreverá".

No hay comentarios:

Publicar un comentario