2 feb 2013

Antón Moreda para o CEIP de San Miguel


O próximo 4 de febreiro vai facer tres anos do pasamento do histórico dirixente galeguista Antón Moreda. Con este motivo o Colectivo Cultural Ollomao está a impulsar unha iniciativa para o seu recoñecemento, como figura clave na Historia da Galiza, entre a cidadanía galega e, en concreto, no Concello de Barreiros, lugar onde Antón Moreda naceu no ano 1934.

Ollomao solicita á Consellería de Educación que poña o nome de Antón Moreda ao CEIP de San Miguel de Reinante, pedindo ao mesmo tempo o apoio institucional da corporación local para esta iniciativa. Ao meu entender é de xustiza este recoñecemento que debería recibir o apoio doutros colectivos, empresas e persoas a título particular cara a un dos barreirenses máis ilustres.

Antón Moreda en agosto de 1953 participa na fundación das Mocedades Galeguistas de Arxentina. Asiste ao I Congreso Galego da Emigración celebrado en 1956. De volta en Galiza á altura de 1960, entra a traballar como axente comercial da Editorial Galaxia, aproveitando esta actividade para contactar con novos galeguistas organizados arredor das asociacións culturais e co grupo Brais Pinto. 

Foi fundador e Secretario Xeral do Consello da Mocidade, punto de arranque do nacionalismo contemporáneo e resultado da coñecida como "Operación Pomba Mensaxeira" dirixida por Antón Moreda e destinada a organizar politicamente o nacionalismo en Galiza para liderar a oposición antifranquista.




No hay comentarios:

Publicar un comentario