14 feb 2013

Asina o manifesto en defensa do galego



Chamamento ao pobo galego


A Xunta debe acatar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza  de Galiza

Feijóo NON debe Levar o idioma galego ao Tribunal Supremo


A Consellería de Educación da Xunta de Galicia acaba de anunciar os trámites previos á presentación dun recurso de casación diante do Tribunal Supremo contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto do plurilingüismo aprobado pola Xunta en 2010. Na nota oficial en que dá conta deste desacerto, a Consellería afirma que condiciona a non presentación -ou no seu caso a retirada- do dito recurso a que “os recorrentes e a oposición” acepten a proposta formulada polo presidente da Xunta, segundo a cal, estes deben dar o seu aval ao devandito decreto do plurilingüismo, unha vez depurado dos aspectos que o TSXG estima contrarios á legalidade.

Resulta lamentable que o goberno e o Partido Popular non tirasen as conclusións derivadas das sentenzas do TSXG, en tanto que estas desautorizan aspectos básicos dun decreto no seu día aprobado pola Xunta a pesar dos informes negativos do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar e o Consello Consultivo. Agora, no canto de aproveitaren a ocasión para reconducir unha liña de deslexitimación, desoficialización e desprestixio do idioma do país (e de paso, da propia autonomía e as súas institucións), o Partido Popular e o goberno de Feijoo teiman en botar máis leña ao lume.

É incomprensible que o Presidente da Xunta pretenda condicionar unha rectificación imposta xuridicamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a que as partes interesadas dean o seu respaldo a un decreto desaxeitado, que xa foi descualificado polas devanditas institucións así como pola maioría dos expertos e da comunidade educativa, ademais de contestado masivamente pola cidadanía. Pero o que provoca escándalo é que o goberno do Partido Popular, escudándose nos resultados electorais (como se estes validasen calquera decisión) e nunha adaxe xurídica (que o recurso ao Tribunal Supremo pecha a vía xurisdicional) pretenda que un tribunal alleo a Galicia dea a última palabra nunha materia xa xulgada polo TSXG e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía  (art. 27, 20 do EAG). ¿Acaso o goberno pretende pasar unha outra lexislatura enredando en leas que só deitan máis prexuizos para o galego no canto de exercer as competencias que o obrigan en materia de defensa e promoción do idioma galego?

O que lle corresponde á Xunta é seguir as recomendacións do propio TSXG verbo do cumprimento das previsións de avaliación da competencia lingüística do estudantado, adaptando a presenza das linguas á obriga de garantiren igual competencia das dúas linguas oficiais. O que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004. Este mesmo Parlamento pode ser un lugar apropiado para fraguar as bases para tal consenso, non o Tribunal Supremo con sede en Madrid.

O que Galicia precisa é un Presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións, que crean no autogoberno e que miren por riba de todo polos nosos intereses colectivos. Alberto Núñez Feijoo debe renunciar de vez a continuar cun obsceno xogo partidista -ou peor aínda, personalista- a custa do noso idioma e da nosa dignidade. A Xunta de Galicia cometería unha infamia arrastrando o idioma galego ao Tribunal Supremo.

Asina AQUI



No hay comentarios:

Publicar un comentario