28 feb. 2013

Os riscos laborais e a Delegada da Xunta


Di o currículo de Raquel Arias que estudou xornalismo na Complutense e que a súa vida laboral no mundo real é máis ben escasa: tres anos de redactora na Radio Galega e pouco máis. Logo xa pasou a formar parte do colectivo de políticos profesionais, bípedes parasitos que non teñen mellor xeito de gañar o salario, alúmenos con tanta facilidade.

A señora Arias foi alcaldesa de Sober polo Partido Popular desde 1999 ata 2009, foi deputada provincial entre 1999 e 2003 e entre 2007 e 2008. Vogal do Comité Executivo do PP de Galiza, vicesecretaria do PP de Lugo, presidenta local do PP de Sober. Coordinadora autonómica en Igualdade e, de 2008 a 2009, deputada estatal por Lugo no Congreso dos Deputados.

Actualmente desempeña o cargo de Delegada Territorial da Xunta de Galiza en Lugo.

Onte clausurou, na cidade amurallada, a xornada de "Accidentes laborais no proceso edificatorio" defendendo a labor da Xunta en materia de prevención da seguridade no traballo con unha aseveración que me chocou dabondo: "os accidentes laborais rexistrados en Galiza descenderon máis dun 53% nos últimos catro anos". Todo isto, por suposto, grazas aos diferentes programas acometidos polo goberno Feijóo en materia de prevención de riscos.

Unha de dúas, ou é unha inconsciente ou nos quere tomar o pelo. A siniestralidade laboral na construción diminuíu porque as políticas que aplica Feijóo e Rajoy son un risco para o emprego. Miles de traballadores do sector xa están no desemprego, logo o índice de siniestrabilidade ten que baixar aínda que se relaxasen as prácticas preventivas.

Na súa función de Delegada da Xunta que se dea un paseo polo mundo real e vexa como está o sector da construción ... e non lle fai falla andar moito, ten obras e locais parados ao carón da Delegación en Lugo.

Se cadra pasáronlle mal os apuntes para pechar o acto porque ela non era a encargada. A tarefa correspondía a Beatriz Mato, conselleira de Traballo, tal como podedes comprobar neste documento da Fundación MUSAAT.


No hay comentarios:

Publicar un comentario