7 feb 2013

Santiago Calatrava para o Paraugas de Cambre

Foto: GUSTAVO RIVAS / LA VOZ DE GALICIA

Vivín tres anos na Coruña, no barrio dos Castros, e teño pasado, a pé ou en haiga, infinidade de veces a carón do Paraugas que está na parroquia do Temple. A verdade é que nunca lle prestei moita atención, só me servía como punto de encontro con amigos ou para abrigarme cando chovía. Hoxe leo na Voz que o armatoste está considerado como unha escultura e protexido pola Xunta a través de Patrimonio. Seica vaise mover de sitio e procederase a súa restauración ou, no seu defecto, a construción dunha réplica exacta.

Esta é unha das cousas que me poñen cabrón cando falan de austeridade. Non dubido que en Cambre sexa unha figura emblemática pero non deixa de ser unha mole de cemento cuxa atención, con cargo ao erario público, non beneficia a ninguén (se cadra, aos de Cementos Cosmos, única materia prima da escultura).

O Paraugas non aporta nada ao Patrimonio do País, nin a súa historia, nin a súa cultura e nin tan sequera ten personalidade dabondo para que mereza deixar como legado a futuras xeracións. Foi magoa que a cicloxénese explosiva non o tombara e acompañase en sorte ao espantallo de Juan Ripollés.

Non sei cantos cartos dos cidadáns desta nación pensa investir Feijóo no Paraugas, non sei se pensa contratar a Santiago Calatrava para restaurar ou facer a réplica, pero do que estou convencido é de que non se trata de ningunha prioridade. Mellor mandar unha escavadora a demoler.

Se gastamos un só euro público nesta tolemia cada vez que pase por alí, o Paraugas de Cambre vaime lembrar ao que usamos cando mexan por nos e dicimos que chove.

No hay comentarios:

Publicar un comentario