31 mar. 2013

A relixión, como a pornografía, para maiores de 18 anos


Nestas datas nas que os católicos celebran a Semana Santa por tódolos recunchos do planeta é cando un percibe máis de cerca que o integrismo non é alleo a ningunha relixión monoteísta. Aqueles que insisten na existencia dun Deus único e verdadeiro tenden a desprezar os valores e os argumentos dos demais. Por suposto non é patrimonio único dos católicos, musulmáns e xudeus pero, polo seu poder dentro deste mundo global, son os que máis perigo supoñen para a Paz.

A liberdade de culto é un dereito mais; do mesmo xeito que se clasifican películas, videoxogos, cómics, libros, franxas horarias na televisión para velar polo desenrolo ético e moral dos menores; as relixións deberían ser obxecto dalgún tipo de clasificación.

A relixión como adoutrinamento aplicada a menores non aporta nada positivo e non debería saír do ámbito familiar. O menor deber ser informado e educado obxectivamente en valores universais, sen interferencias, para que poida tomar unha decisión responsábel na madurez.

30 mar. 2013

Eu son escrache, aquí agardo


A represión do Estado intensifícase. O Ministerio de Interior xa deu orde de protexer aos políticos dos "escraches" (verba arxentina recuperada polas PAH): "Detención para quen acose aos políticos".

Iso si, para os políticos que acosan día a día á cidadanía non pasa nada. Estes bípedes do Partido Popular seica naceron limpos de todo pecado orixinal e poden facer o que lles peta sen medo ás consecuencias, con total impunidade.

Isto xa non é asumíbel. Tódolos dereitos gañados por xeracións estanse a demoler con rapidez e voracidade. Camiñamos cara a unha ditadura e, de feito, xa fai tempo que navegamos entre dúas augas.

A pregunta é doada. A resposta, complexa. Cando vai rebentar isto? ou Por que non o fixo xa?

Estamos domesticados polo Sistema e temos un medo inconsciente e colectivo a un estoupido de violencia. Os que máis sofren economicamente son as clases baixas (o 30%) e eles non fan revolucións. Florentino Moreno, profesor de Psicoloxía Social da Complutense, explica que son as clases medias e a burguesía os encargados de organizar revolucións cando as súas expectativas vense frustradas. Feito histórico que se repite desde a toma da Bastilla.

Outro factor que impide un ataque da cidadanía ao Sistema é o individualismo característico da nosa cultura actual. Hai moita xente, demasiada, que sigue a pensar "que cada un busque a saída que máis lle conveña".

Hai moito que facer. A violencia debe ser a última resposta pero perder o medo ao Sistema ten que ser a prioridade número un.

29 mar. 2013

Idle No More chega á América Latina


Idle No More, a organización indíxena canadense da que xa teño falado, está a forxar alianzas con outros pobos indíxenas latinoamericanos.

O Movemento, a pesar da súa intensa presenza no Canadá e tamén en parte dos EUA, pasa totalmente desapercibido (ou ignorado) para a prensa europea.

No caso de chegar a bo final a política de alianzas entre as nacións indíxenas, Idle No More vaise converter na maior plataforma de defensa dos dereitos dos nativos americanos.

Unha oficina de turismo para Barreiros na Autovía


Lendo no Progreso a pretensión do Concello de Ribadeo de usar o tirón que ten a Praia das Catedrais para atraer turismo, non podo máis que pensar en que se fai no veciño Concello de Barreiros para usar este reclamo e outros para situalo nun merecido destino de excelencia turística.

O turismo responsábel e formado xera riqueza. Pode ser unha fonte de ingresos moi importante para Barreiros pero hai que xestionalo dentro duns parámetros de calidade para convertelo nun sector estratéxico.

O Concello de Barreiros, a parte das súas praias, ten moito máis que ofrecer aos seus visitantes: patrimonio histórico, ofertas culturais, festivais musicais, festas, etc. pero a coordinación, dende o Goberno Municipal, non é dabondo para ofrecelos de xeito atractivo aos seus posibles receptores.


O paso da Autovía polo Concello, a parte de vistas sobre o Cantábrico, deixou á altura da saída cara a Barreiros dun espazo físico destinado a colocar un área de servizo. De momento non semella que a concesionaria teña interese (alúmenos urxente) en poñerse mans á obra mais a vía de acceso e o terreo están listos. Aí é onde o Concello de Barreiros ten que situar a súa Oficina de Turismo, un lugar inmellorábel e coido non moi difícil de negociar coa entidade que corresponda.

Sabendo que nin o Concello de Barreiros nin outros están para moitos gastos, considero que a instalación dunha caseta rústica de madeira non supón un forte investimento que incluso podería ser O euros contando coa axuda da Deputación, da Xunta ou da Hostalería Local.

En canto ao persoal, non vexo tampouco a necesidade de contratar. Dentro do abundante cadro de persoal da entidade local hai que escoller unha persoa cuns mínimos coñecementos do Concello, da súa historia, da súa xeografía, da súa oferta hostaleira, das súas praias, dos seu patrimonio e de tódolos eventos que se celebran, con independencia de que o promotor sexa o Concello ou outros colectivos, asociacións ou particulares.

28 mar. 2013

"De Pinchos", un blog mítico, muda para Tumblr

foto

Cando empecei no mundo dos blogs, e xa choveu, tomei como referencia una pequena lista do Blogomillo que me inspiraba e pola que tiña unha forte adicción. Unha destas veteranas bitácoras foi, e sigue sendo, "De Pinchos", un sitio orixinal no que se pode saborear, da man da autora, tapas e viños por distintos puntos da nosa xeografía.

Aínda que non teño o pracer de coñecer persoalmente á autora, co paso dos anos xa temos amigos en común que me fixeron máis seareiro, se cabe, desta parada gastronómica.

"De Pinchos" é, para min, lugar de culto. De feito lembro un pod cast, de fai moitos anos, que fixera con Zimmer no que xa falabamos deste blog.

Agora a autora mudou o aloxamento que tiña na Blogoteca para o Tumblr. Che guste ou non a gastronomía, non deixes de visitar este lugar tan apetitoso.

"De Pinchos" (vello, na Blogoteca)

"De Pinchos" (novo, no Tumblr)

24 mar. 2013

Sobre a utilización de imaxes da LNB por parte da Xunta

Foto: XUNTA DE GALIZA

O xoves 21 celebrouse en Lugo, no Auditorio do Edificio Administrativo da Xunta, a gala dos Premios Deporte Galego 2012. Fixéronse entrega de galardóns a diversos deportistas, asociacións e eventos, algúns máis ou menos discutibles.

En calquera caso durante a presentación da Mención Especial á Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional utilizáronse imaxes que son propiedade da Liga Nacional de Billarda (LNB).

Tendo en conta que a LNB, nos seus case 10 anos de historia, non ten nin tivo ningunha relación coa citada Asociación, PEDIMOS explicacións públicas sobre o uso sen permiso e sen mencionar a súa orixe deste material usado na Gala.

Queremos que a Xunta de Galiza nos aclare o que aconteceu para a utilización de xeito ilegal do noso material audiovisual.

Solicitamos aos portavoces dos grupos parlamentarios que dirixan a pregunta ao Secretario Xeral para o Deporte, señor José Ramón Lete Lasa.

En ningún caso imos renunciar, desde a LNB, a defender os nosos valores, o noso patrimonio e o noso pedazo de historia conquerida logo dunha década de sangue, suor e bagoas.

Pola dignidade do noso deporte nacional, Billarda Sempre!

23 mar. 2013

É tempo de escavadoras

Confirmado o atraco aos afectados polas preferentes, que perderán o 43% dos seus aforros en Nova Galicia Banco, xa de pouco serve andar con tibiezas. 

Hai culpables, que todos coñecemos, de tal desfeita entre os pequenos aforradores galegos. O principal é Feijóo que leva moito tempo xogando ao despiste, enganando ao persoal e botando a culpa ao Bipartito, a Zapatero, a Unión Europea e ao Sacauntos. 

Feijóo se non é capaz de defender os intereses da cidadanía que di representar como Presidente de tódol@s galeg@s que se vaia para a súa casa. 

Cidadáns galeg@s, espertade, seguide o exemplo do chipriota que foi buscar os seus cartos nunha escavadora.

O lote de libros xa ten gañador


Xa temos gañador para o Sorteo do lote de libros que se propoñía desde este blog con motivo do Día de Rosalía.

O número premiado foi o 089 é corresponde a Ramón Becerra. Poñereime en contacto con el para facerlle entrega dos cinco volumes que ofrecín.

Moitas grazas a tod@s por participar



20 mar. 2013

A Xunta premia a Vuelta Ciclista a España como mellor evento deportivo galego 2012


O vindeiro xoves 21 de Marzo, a Xunta de (cada vez menos) Galiza vai celebrar en Lugo a gala de entrega dos Premios ao Deporte Galego 2012.

O xurado presidido polo Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inimigo declarado das seleccións galegas, considerou oportuno outorgar o premio ao Mellor Evento Deportivo Galego 2012 á "Vuelta Ciclista a España".

Xa non debería engadir máis a esta entrada porque non precisa de moita análise. Cualificase por si soa.

Mais, de onde carallo sacaron tanto descerebrado para formar o xurado? Que ten que ver a Vuelta Ciclista a España co deporte galego? Hai algún evento deportivo máis españolista e colonial que a Vuelta?

Todos sabemos que o señor Lete Lasa chegou á Xunta escapando do goberno de Esperanza Aguirre cando o seu nome empezou a sonar no caso GÜRTEL. Feijóo recolleuno e protexeuno. Dende aquela, coa súa mentalidade centralista, nada fixo a prol da  promoción dos nosos deportistas e deportes.

Poucos saberedes que este individuo é o culpable de que aínda, a día de hoxe (e para 2014 fará 10 anos) non exista a Federación Galega de Billarda promovida pola LNB.

A gala do deporte é outra provocación máis da Xunta que non debería quedar sen resposta.

A LNB recibiu este Premio no ano 2007 por mérito propio e non nos agachamos a mendigalo diante de ninguén. Proba dilo é o discurso histórico que Xermán Viluba pronunciou naquela tarde noite na Coruña diante dos que estabamos presentes.




A Vuelta Ciclista a España fora da Galiza!
Pola dignidade do xogo e do deporte tradicional , Billarda Sempre!!

18 mar. 2013

O ex-alcalde de Lourenzá e os comedores escolares


O ex-alcalde de Lourenzá e agora deputado no Parlamento da Galiza, Vidal Martínez-Sierra López, fixo unhas declaracións sobre o repago nos comedores escolares que non deixan de sorprenderme:

"O 56,7 por cento das familias da Mariña con rendas máis baixas non pagarán nada polo comedor escolar"

Ademais defende o "modelo" como xusto e equitativo, aproveitando a ocasión para descargar culpas no Bipartito, figura mítica sempre recorrente cando se carece de argumentos ou non se ten coñecemento do que se fala.

Polo que coñezo do ex-alcalde laurentino é o que eu definiría como un individuo carente de ideoloxía política e de sensibilidade social, que milita no Partido Popular porque é a mellor plataforma para desenrolar unha carreira política profesional de continuos ascensos e baseada non en méritos, senón en amiguísimos e populismos.

Non ten nin idea do que é un sistema educativo público xusto e universal. O Ensino Público pagámolo entre todos en función da nosa renda a través dos tributos que aportamos ao Estado. Calquera medida que estableza unha cota de pagamento polos servizos de comedor escolar en función da renda familiar é profundamente discriminatoria para todos.

Non se pode clasificar aos nenos e as nenas dun colexio en función dos ingresos da familia porque supón poñerlles unha etiquetaxe para diferenciar entre "neno rico" e "neno pobre". Dentro do sistema escolar público todos son iguais, cos mesmos dereitos e as mesmas obrigas. Debe recibir exactamente o mesmo trato unha neta de Amancio Ortega (se fose o caso) que un fillo de calquera desempregado porque é aí onde reside a esencia da universalidade do sistema.

Sr. Vidal, pense un pouco do que fala e non veña a contar historias baratas nin discursos populistas porque, aínda que lle custe créelo e pese ás trabas que pon o seu partido ao sistema educativo público, a cidadanía cada vez está mellor informada.

17 mar. 2013

Nos vieiros da mente



"Nos vieiros da mente" é o título do ciclo de cine que ten lugar cada ano nos centros da Fundación Novacaixagalicia, patrocinado polo SERGAS. 

Nesta edición inclúense un total de seis películas cuxa temática é a mente humana, facendo referencia a distintas patoloxías. 

Proxéctanse en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Ferrol e Vigo. O acceso a estes ciclos é de balde ata completar aforo.


As películas seleccionadas para 2013 son:



Wilbur quérese matar de Lone Scherfig, 2002. N.R.M. 13 ANOS

Leaving As Vegas de Mike Figgis, 1995. N.R.M. 18 ANOS

As virxes suicidas de Sofia Coppola, 1999. N.R.M. 13 ANOS

O Club da loita de David Fincher, 1999. N.R.M. 18 ANOS

O aviador de Martin Scorsese, 2004. N.R.M. 13 ANOS

Unha mente marabillosa de Ron Howard, 2001. APTA PARA TODOS OS PÚBLICOS 


A CORUÑA
Centro Sociocultural Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-23)

 11 de marzo, Unha mente marabillosa, 19.30 h

12 de marzo, Unha mente marabillosa, 19.30 h

18 de marzo, O Club da loita, 19.30 h

20 de marzo, O Club da loita, 19.30 h

25 de marzo, Leaving As Vegas, 18.00 e 20.30 h

1 de abril, As virxes suicidas, 18.00 e 20.30 h

8 de abril, O aviador, 19.30 h

9 de abril, O aviador, 19.30 h

15 de abril, Wilbur quérese matar, 18.00 e 20.30 h 


FERROL
Centro Sociocultural Novacaixagalicia (Praza da Constitución, s/n)

18 de marzo, Unha mente marabillosa, 19.00 h

25 de marzo, O Club da loita, 19.00 h

8 de abril, Leaving As Vegas, 19.00 h

15 de abril, As virxes suicidas, 19.00 h

22 de abril, O aviador, 19.00 h

29 de abril, Wilbur quérese matar, 19.00 h 


LUGO
Centro Sociocultural Novacaixagalicia (Praza de Santa María, s/n)

12 de marzo, O aviador, 19.00 h

19 de marzo, Wilbur quérese matar, 19.00 h

2 de abril, Unha mente marabillosa, 19.00 h

9 de abril, O Club da loita, 19.00 h

16 de abril, Leaving As Vegas, 19.00 h

23 de abril, As virxes suicidas, 19.00 h


OURENSE
Centro de Desenvolvemento Novacaixagalicia (Avenida de Pontevedra, 9)

12 de marzo, Wilbur quérese matar, 20.00 h

19 de marzo, Leaving As Vegas, 20.00 h

2 de abril, Unha mente marabillosa, 20.00 h

9 de abril, As virxes suicidas, 20.00 h

16 de abril, O aviador, 20.00 h

23 de abril, O Club da loita, 20.00 h 


SANTIAGO DE COMPOSTELA
Centro Cultural Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 19)

12 de marzo, As virxes suicidas, 20.00 h

19 de marzo, O aviador, 20.00 h

26 de marzo, Wilbur quérese matar, 20.00 h

2 de abril, O Club da loita, 20.00 h

9 de abril, Unha mente marabillosa, 20.00 h

23 de abril, Leaving As Vegas, 20.00 h


VIGO
Centro Cultural Novacaixagalicia (auditorio) (Policarpo Sanz, 13)

12 de marzo, Leaving As Vegas, 19.00 h

19 de marzo, O Club da loita, 19.00 h

26 de marzo, As virxes suicidas, 19.00 h

2 de abril, O aviador, 20.00 h

Centro Cultural Novacaixagalicia (Sala de conferencias)

9 de abril, Wilbur quérese matar, 19.00 h

23 de abril, Unha mente marabillosa, 19.00 h 


PONTEVEDRA
Centro Social Novacaixagalicia (Sala de conferencias) (Augusto González Besada, 2)

11 de marzo, O Club da loita, 19.00 h

Centro Social Novacaixagalicia (Auditorio)

18 de marzo, As virxes suicidas, 19.00 h

25 de marzo, O aviador, 19.00 h

1 de abril, Wilbur quérese matar, 19.00 h

8 de abril, Leaving As Vegas, 19.00 h

22 de abril, Unha mente marabillosa, 19.00 h







16 mar. 2013

Cospen contra o chavismo e mendigan os seus cartos


No desmantelamento total do sistema financeiro galego, que executa Rajoy coa complicidade de Feijóo, danse situacións que só Iker Jiménez e o resto de expertos de Tercer Milenio son capaces de explicar.

Asistimos onte a españolización do Banco Gallego, que pasa a mans do FROB. Non fai moito acontecía algo semellante co Banco Etchevarría. O misterio do tema non é a nacionalización por parte do pequeno imperio. O chocante é que o Banco Etcheverría vendeuse a Banesco e todo parece indicar que o Banco Gallego vai polo mesmo camiño.

Despois de escoitar aos bípedes do Partido Popular cuspir noxos contra Chavez e contra a República Bolivariana de Venezuela, alguén sabe explicar por que logo venden os bancos galegos a Banesco, unha institución financeira que depende do goberno venezolano?


13 mar. 2013

O Minho non é fronteira para ExTensión Agraria


Si fai poucos días me queixaba da falta de apoio que ten o rock en galego como parte da nosa cultura, hoxe recibín a grata nova de que desde a Universidade de Braga, en concreto desde a súa Radio, amosaron o seu interese pola banda da terra chá Extensión Agraria.

Ao mesmo xa están traballando para organizar un Aberto de billarda LNB no recinto universitario portugués.

Se queredes, e deberías, escoitar a potencia e a mensaxe dos ExTensión Agraria a través das ondas hertzianas, conectade online coa Radio Universitaria do Minho o xoves entre ás 20 e 21 horas pola hora galega (para os que teñades reloxo sintonizado coa hora do pequeno imperio español, unha hora máis).



12 mar. 2013

Por que prohiben Lenin e aceptan Mariano?

Foto: GALIPOLIS


No Lugar onde nacín xogaba cun rapaz ao que seus pais lle puxeron de nome Paco. Bo rapaz. Algo traste. A familia apelidábase Franco e, sinceramente, non me consta que tivesen moitas carga ideolóxica, alén da manipulación, para bautizar ao seu vástago de tal xeito. O caso é que teño sido partícipe, directo ou indirecto, de moitas anécdotas acontecidas por ter Paco que cargar cun DNI tan pesado a nome de Francisco Franco.

Ven isto á memoria, logo de tantos anos, a raíz da estúpida decisión do Goberno estatal do PP de prohibir o nome de Lenin para rexistrar ás crianzas (ou para obrigar aos inmigrantes nacionalizados a cambialo). Lenin non é o verdadeiro nome do líder da revolución rusa, Vladimir Ilich Ulianov, tan só un alcume, polo que non vexo razón algunha para a súa censura no rexistro.

É moito máis fodido permitir aos pais que matriculen aos fillos como Lloni (real, coñezo o caso), Shakira ou outras pallasadas que se escoitan a coitío entre a xente moza.

Eu nunca lle poñería Lenin a un fillo meu, por que non me gusta, pero si me soa moi ben Lenine, por exemplo. Tampouco lle chamaría Mariano porque desde fai algún tempo asocio ese nome cun sinónimo de Belcebú.

Por certo, non sei se a Casa de Lenin (Hamburguesas, viños e tapas), preto de Sergade, concello de Boqueixón, sigue aberta. Terá que cambiar o seu nome?

11 mar. 2013

Capitalismo en 30 minutos



O soño americano (The American Dream Film) é unha película de 30 minutos de animación informativa creada por The Provocateur Network que mostra como a cidadanía americana foi estafada polos elementos máis básicos do sistema de goberno.


A estafa evidentemente é a mesma que o capitalismo nos aplicou dentro da cárcere do estado español.


10 mar. 2013

O rock en galego é cultura galega

Imaxe: INDIXENISMOGZ

O venres pasado tiven a ocasión de escoitar aos Zënzär na súa merecida homenaxe por 25 anos resistindo no rock galego, celebrado na sala Capitol de Compostela. Tamén recibín, por primeira vez en directo, a brutal descarga de decibelios de Machina e de Invivo. A Machina xa os coñecía de fai tempo, a Invivo  non tanto. Ámbalas dúas bandas demostraron a súa calidade e, alúmenos a min, fixéronme reflexionar sobre este o noso País.

A desgraza de Machina e de Invivo, e a doutras moitas máis bandas de rock galegas, é ter nacido na Galiza. Se houbesen parido o seu proxecto musical en Londres ou en Madrid xa serían estrelas na constelación roqueira internacional. Mais eles son galegos e asumen tal condición.

O problema, coma sempre, ven dado da falta de apoio e de promoción por parte de tódolos estamentos relacionados co eido cultural galego que son incapaces de recoñecer este estilo musical como unha parte máis da cultura propia.

E non falo só da TVG e da Radio Galega (onde resiste como pode Planeta Furancho). Falo de Festivais organizados por asociacións, colectivos ou grupos políticos onde as primeiras bandas nos carteis son bascas, portuguesas ou a Banda Bassotti.

Foto: JUAN LUIS RÚA
Falo de Institucións que, como a Academia Galega, que mira para outro lado e seguen ancladas no pasado. Vai sendo hora de que lle dean unha cadeira a un tipo coma Bocixa Rei que é capaz de dignificar o rock galego. E non pido un Día das Letras Galegas para un músico de rock galego porque, coa política aplicada pola Academia, non coñezo ningún que morrese (aínda que os haberá, ou se cadra é certo aquelo dos vellos roqueiros).

Falo da ignorancia de quen ten cargos de poder no Bloque, en Anova e noutras formacións que din estar comprometidas coa cultura da nación e que non son capaces de citarme cinco bandas de rock galego si lles elimino aos Zënzár e aos Ruxe-Ruxe.

Todos eses que tanto falades de cultura, xa vai sendo hora de que vos poñades ao día. Galiza é unha sementeira de bandas de rock en galego, facede o favor de recoñecer este traballo e erguelo á categoría de Cultura con maiúsculas.

Pola miña banda, non penso asistir nunca máis a un festival (incluído o Festigal) onde a primeira banda do cartel (con letras ben grandes e non agochada nun recuncho) non sexa galega.

9 mar. 2013

Ei, Alcaldes: quedaredes marcados se non defendedes o Hospital da Costa


Para o que non coñeza A Mariña só apuntar uns datos. A súa poboación é de 70.000 habitantes máis uns 30.000 residentes estacionais. A unión xeográfica entre concellos é tal que en lugar de comarca, a efecto de servizos, debería considerarse o seu conxunto como unha cidade. Só temos un Hospital de referencia, o de Burela, que perderá a súa autonomía por orde do señor Feijóo e pasará a ser un centro hospitalario xestionado desde Lugo coa chamada Xestión Única Provincial.

Non coñezo a ninguén na Mariña que estee a favor de perder o control do Hospital da Costa, incluso militantes e simpatizantes do Partido Popular defenden o noso Hospital contra unha decisión inxusta con cheiro de cacicada.

Por iso é obriga de todos e cada un dos alcaldes da Mariña, con independencia da súa militancia, que se manifesten publicamente en contra. Aqueles que non o fagan quedarán marcados como uns cobardes diante dos seus veciños. Isto non é unha cuestión política. É a defensa dun servizo que nos pertence por dereito e que nos queren arrebatar.

O comunicado emitido onte pola Xunta de Persoal do Hospital da Costa di o seguinte:

LOGO DE 4 ANOS DE MENTIRAS, O HOSPITAL DA COSTA PERDE A SÚA AUTONOMÍA E PASA A DEPENDER DE LUGO

Dende a Cacerolada do sábado día 2 de marzo, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña en defensa do Hospital da Costa e de un Decreto de Xestión Integrado de Área para a nosa Comarca, vemos diariamente, declaracións a través dos medios de comunicación , tanto do Presidente da Xunta, Nuñez Feijoo como de Balseiro e Barcia, dicindo unha vez mais, que van a ampliar o Hospital da Costa.

Dirixentes do PP, ou ben non se enteran, ou ben, o son das cacerolas os deixou xordos e non nos oíron, ou ben están tratando de confundir e enganar a cidadanía da Mariña.

Queremos deixar ben claro que o motivo da Concentración-Cacerolada do sábado día 2 de marzo non foi a petición de ampliación do Hospital da Costa. Iso xa nolo prometeron tantas veces, que xa non o cremos, porque levan mais de catro anos dicindo o mesmo, pero o de agora, xa colma o vaso, agora din que van ampliar o Hospital con 50.000 € e estas declaracións so podemos velas como un insulto á intelixencia. MENTIRAS E MAIS MENTIRAS. O que si nos cremos, son as declaracións que hoxe fai Nuñez Feirjoo de que van publicar un Decreto provincial que significa a morte do noso Hospital.

O Órgano de máxima representación das traballadoras e traballadores da Sanidade da Mariña, adheriuse á convocatoria de SOS da Mariña, na defensa dunha autonomía e unha capacidade de xestión propia para a Sanidade da nosa Comarca, para que sigamos recibindo orzamentos como viñamos recibindo ata o de agora e poidamos dese xeito, manter os servizos e as especialidades que dan vida a este Centro. 

Señores dirixentes do PP, o que diciamos o sábado é que non queremos pasar a depender de Lugo, que non queremos perder especialidades, que non queremos que os/as Mariñáns teñan que desprazarse 100 Km para acudir ao médico especialista, que non queremos que nos pechen servizos como prematuros ou diálise, porque señores dirixentes do PP, estes servizos os pagan os e as Mariñáns e, é por iso, que son deles, porque señores do PP, este hospital non é seu e non imos permitir que o desmantelen.

O xoves 28 de febreiro, o Xerente do Hospital José Insua , vinculado politicamente ao PP, defendeu unha Xerencia propia da Mariña que xestionase tanto o Hospital como os Centros de Saúde. Explicaba que de non ser así, as decisións tomaríanse en Lugo, podendo desprazar aos profesionais, e os pacientes, terían que ir obrigatoriamente operarse a Lugo e dixo “ quedarán marcados os que non defendan a área única da Mariña”. 

Señor Alcalde de Burela, esta Xunta de Persoal está dacordo coas declaracións feitas polo Xerente porque sabe ben do que fala, coñece perfectamente o Hospital e o significado de depender de Lugo, mentres que, as declaracións que fai vostede, carecen de toda credibilidade, porque non sabe do que fala, e só repite o que lle mandan, sacrificando o futuro sanitario dos seus veciños e veciñas, para defender o único que lle importa, o seu posto político. 

Fai mais de 3 anos que esta Xunta de Persoal ven alertando de que isto ía suceder, que a pretensión de goberno de Nuñez Feijoo non era outra que a destrución do modelo sanitario que construímos na Mariña. Chamarannos alarmistas, incendiarios e incluso mentiráns, pero o tempo danos a razón e certifica que os únicos que MENTÍAN descaradamente, son eles, os dirixentes políticos do goberno do PP.

Señores dirixentes do PP, ESIXIMOS que rectifiquen, porque a única declaración que queremos escoitar por parte de vostedes é que van publicar un Decreto de Área propio para a Mariña, do contrario, quedarán MARCADOS.


7 mar. 2013

Sen mulleres non hai Galiza, pero con Marta non hai galego

FOTO: WIKIPEDIA

Sen mulleres non hai Galiza pero con mulleres coma esta non hai galego. A elección de Marta Rivera de la Cruz, por parte da Xunta, para a homenaxe a Rosalía co gallo do Día Internacional da Muller é un insulto institucional cara a cidadanía que merece un rexeitamento colectivo.

Non quero entrar na valoración da obra de Marta Rivera xa que non exerzo de crítico pero si podo opinar do seu comportamento cara a lingua que nos une como nación. As súas posturas belixerantes e a súa proximidade ao colectivo galegofogo "Galicia Bilingüe" son coñecidas e están recollidas na prensa e noutros medios. A escritora luguesa amosase contraria á normalización lingüística e é das que pensan que hai ou houbo unha "conspiración" para eliminar o castelán das aulas da Galiza.

Eu pregúntome, quen é o responsable na Xunta (teoricamente de tódolos galegos e galegas) de escoller a esta persoa para representarnos nun acto institucional tan importante? Tamén quixera saber si vai cobrar. E si entende a mensaxe de Rosalía ou pensa que é unha poeta folclórica?

O mundo da Cultura e os galegos en xeral temos obrigación de responder a esta nova aldraxe de Feijóo contra Galiza, contra o galego e contra Rosalía.


6 mar. 2013

O que non conta Yoani Sánchez na súa xira


A "famosa" opositora Yoani Sánchez está realizando unha xira mundial de 80 días por unha ducia de países do mundo para falar (mal) de Cuba.

No estado español estará presente no III Congreso Iberoamericano sobre Redes Sociais que se celebrará en Burgos os días 7 e 8 de marzo de 2013. 

Pero non o dirá todo. 

Estas son as 50 verdades que agochará Yoani Sánchez.

5 mar. 2013

O Capitán Pescanova e o Almirante Fontela


O presidente da patronal galega, Antonio Fontela, asina unha carta na páxina web da Confederación empresarial que deixa patente e claro os intereses que defende. Solicitar axuda á Xunta, a cidadanía e as entidades financeiras para salvar Pescanova por considerala "bandeira de Galiza no mundo" é pouco máis que tratarnos de imbéciles.

Teño claro que esta patronal de Fontela non representa ao verdadeiro tecido empresarial galego (existe!), formado por centos de pemes e autónomos que sofren a crise, que pechan e que ninguén crea ningunha "corrente de opinión favorable".

Respecto a Pescanova, a súa bandeira non é a galega senón a pirata que navega polos océanos do capitalismo sen leis internacionais nin valor ético algún. A flota de Pescanova ocupa ese espazo que algúns definen como "terrorismo empresarial".

Fontela tamén ten pouca memoria. Xa esqueceu da fuga da multinacional a Portugal cando gobernaba o bipartito. O investimento que se fixo na macroplanta de rodaballo de Mira estaba previsto para Galiza.

Fontela que se ocupe de explicarnos porque, por exemplo, Alfonso Paz Andrade (un dos "alma mater" de Pescanova) vendeu 120.000 accións da compañía antes de anunciarse a suspensión de pagamentos. Ou porque varias filiais de Pescanova, a mesma semana, solicitaron e conseguiron liñas de crédito bancario en varias entidades (algunhas por importe superior aos 500.000 euros).

Para todo o demais, xa pasará o que teña que pasar. Pero que non veñan con contos de que Pescanova é unha empresa sistémica ou emblemática da Galiza. Está na situación que está pola mala xestión dos seus administradores. Dos cartos públicos non debe saír nin un só euro para axudala. A Xunta de Feijóo que se esforce en solventar o grave problema que vai supoñer para os traballadores xestionando fórmulas que garanten a viabilidade dun proxecto propio alleo a Pescanova a través do cooperativismo ou da empresa pública.

4 mar. 2013

O modelo LNB


Unha vez máis o éxito do Aberto da Liga Nacional de Billarda, organizado pola Asociación Carabullo de Muimenta, o pasado sábado ven demostrar que o modelo de xestión que se aplica é único e referencial.

Unha xestión totalmente horizontal apoiada por ducias de colectivos que xa forman parte do tecido billardeiro nacional. Colectivos que traballan de xeito autónomo e que seguen a espallar a LNB por tódolos recunchos do universo pan galaico. Un movemento ben organizado é canalizado a través da constelación de organizacións integradas.

Desde a xénese, no ano 2004, ata hoxe foron moitos os colectivos, asociación, centros sociais e organizacións de todo tipo que se incorporaron ao proxecto e sobrepasouse os mil palanadores na Galiza.

Se cadra, xa vai sendo tempo de que alguén se interese en como se pode desenrolar un movemento participativo desta magnitude sen axudas públicas e sen liderazgos que, en moitos casos, dan protagonismo a persoas e fan sombra ao proxecto.

O modelo LNB é exportable, tanto para a sociedade civil como para o panorama político que demostra a diario a súa incapacidade para artellar un proceso de renovación política crible.

3 mar. 2013

22 Documentos do Feminismo Galego e Tomé de Aquino


O pasado venres asistín á presentación do libro "22 Documentos do Feminismo Galego" na Casa das Letras, en Ribadeo, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade. Trátese dunha escolma de textos fundamentais seleccionados pola historiadora Isabel Rodríguez Mate que convidan á reflexión sobre un movemento vixente e en continua loita porque, aínda que oficialmente a igualdade de xénero existe, na vida real de sociedades coma nosa continua presente a desigualdade e a cultura patriarcal.

No transcurso da charla a Isabel Rodríguez citou en dúas ocasións a Tomé de Aquino, dominico santificado pola igrexa e que foi nomeado patrón de tódolos centros educativos do mundo o 4 de agosto de 1880 polo Papa León XIII.

“Como individuo a muller é un ser débil e defectuoso.”

“A muller é un defecto da natureza, unha especie de homiño defectuoso e mutilado. Si nacen mulleres debese a un defecto do esperma ou aos ventos húmidos. Só é necesaria para a reprodución.”

Non pretendo sácalas do seu contexto de tempo e historia (século XIII) mais si incidir en que este tipo de "filosofía" é a que aplica aínda hoxe a xerarquía católica e a que transmite cando toma o control da educación a través da escola.

E sobre todo, por que exerce Tomé de Aquino de Patrón das Universidades?

1 mar. 2013

Os Fura Fura e o furado musical do Progreso


O que fixo o xornal El Progreso na súa edición impresa do día 27 de febreiro podería tomarse a broma. Un erro, se cadra, dos traidores tradutores automáticos.

Poren que nun periódico serio do país cunha sección de cultura non coñecen á Banda Fura Fura é demostrar, unha vez máis, o pouco interese que teñen pola cultura propia. Fan ben en promocionar o festival Reperkusión 2013 e non me molesta que se apoien na figura de Manu Chao (sempre lle tirou a terra de orixe) mais agardo que El Progreso pida desculpas públicas por ter chamado aos Fura Fura, "Agujerea Agujerea", tal é como captou a imaxe da esquerda (tirada polo irmán billardeiro Ismael de Outeiro).

Galiza é unha potencia musical que precisa de tódolos altofalantes posibles.        A banda Fura Fura, que naceu para homenaxear ao Zeca Afonso, é dabondo importante no panorama sinfónico galego para que non pase inadvertida en ningún xornal, en ningunha canle de radio e en ningunha televisión do país.

Se quere o rotativo de Lugo demostrar o seu arrepentimento e o seu compromiso coa cultura e coa música galega en galego que rectifique o erro. Un bo xeito sería un titular do tipo: "A banda Fura Fura estará no Reperkusión 2013. Manu Chao, teloneiro".



O Capitalismo salvaxe que nos ameaza



Un estudo da Universidade de Zürich revelou que un pequeno grupo de 147 grandes corporacións transnacionais, principalmente financeiras e mineiro-extractivas, controlan na práctica a economía global.

O estudo foi o primeiro en analizar 43.060 corporacións transnacionais e identificar 147 que forman unha "super-entidade".

Lede as conclusións aquí.