9 mar. 2013

Ei, Alcaldes: quedaredes marcados se non defendedes o Hospital da Costa


Para o que non coñeza A Mariña só apuntar uns datos. A súa poboación é de 70.000 habitantes máis uns 30.000 residentes estacionais. A unión xeográfica entre concellos é tal que en lugar de comarca, a efecto de servizos, debería considerarse o seu conxunto como unha cidade. Só temos un Hospital de referencia, o de Burela, que perderá a súa autonomía por orde do señor Feijóo e pasará a ser un centro hospitalario xestionado desde Lugo coa chamada Xestión Única Provincial.

Non coñezo a ninguén na Mariña que estee a favor de perder o control do Hospital da Costa, incluso militantes e simpatizantes do Partido Popular defenden o noso Hospital contra unha decisión inxusta con cheiro de cacicada.

Por iso é obriga de todos e cada un dos alcaldes da Mariña, con independencia da súa militancia, que se manifesten publicamente en contra. Aqueles que non o fagan quedarán marcados como uns cobardes diante dos seus veciños. Isto non é unha cuestión política. É a defensa dun servizo que nos pertence por dereito e que nos queren arrebatar.

O comunicado emitido onte pola Xunta de Persoal do Hospital da Costa di o seguinte:

LOGO DE 4 ANOS DE MENTIRAS, O HOSPITAL DA COSTA PERDE A SÚA AUTONOMÍA E PASA A DEPENDER DE LUGO

Dende a Cacerolada do sábado día 2 de marzo, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña en defensa do Hospital da Costa e de un Decreto de Xestión Integrado de Área para a nosa Comarca, vemos diariamente, declaracións a través dos medios de comunicación , tanto do Presidente da Xunta, Nuñez Feijoo como de Balseiro e Barcia, dicindo unha vez mais, que van a ampliar o Hospital da Costa.

Dirixentes do PP, ou ben non se enteran, ou ben, o son das cacerolas os deixou xordos e non nos oíron, ou ben están tratando de confundir e enganar a cidadanía da Mariña.

Queremos deixar ben claro que o motivo da Concentración-Cacerolada do sábado día 2 de marzo non foi a petición de ampliación do Hospital da Costa. Iso xa nolo prometeron tantas veces, que xa non o cremos, porque levan mais de catro anos dicindo o mesmo, pero o de agora, xa colma o vaso, agora din que van ampliar o Hospital con 50.000 € e estas declaracións so podemos velas como un insulto á intelixencia. MENTIRAS E MAIS MENTIRAS. O que si nos cremos, son as declaracións que hoxe fai Nuñez Feirjoo de que van publicar un Decreto provincial que significa a morte do noso Hospital.

O Órgano de máxima representación das traballadoras e traballadores da Sanidade da Mariña, adheriuse á convocatoria de SOS da Mariña, na defensa dunha autonomía e unha capacidade de xestión propia para a Sanidade da nosa Comarca, para que sigamos recibindo orzamentos como viñamos recibindo ata o de agora e poidamos dese xeito, manter os servizos e as especialidades que dan vida a este Centro. 

Señores dirixentes do PP, o que diciamos o sábado é que non queremos pasar a depender de Lugo, que non queremos perder especialidades, que non queremos que os/as Mariñáns teñan que desprazarse 100 Km para acudir ao médico especialista, que non queremos que nos pechen servizos como prematuros ou diálise, porque señores dirixentes do PP, estes servizos os pagan os e as Mariñáns e, é por iso, que son deles, porque señores do PP, este hospital non é seu e non imos permitir que o desmantelen.

O xoves 28 de febreiro, o Xerente do Hospital José Insua , vinculado politicamente ao PP, defendeu unha Xerencia propia da Mariña que xestionase tanto o Hospital como os Centros de Saúde. Explicaba que de non ser así, as decisións tomaríanse en Lugo, podendo desprazar aos profesionais, e os pacientes, terían que ir obrigatoriamente operarse a Lugo e dixo “ quedarán marcados os que non defendan a área única da Mariña”. 

Señor Alcalde de Burela, esta Xunta de Persoal está dacordo coas declaracións feitas polo Xerente porque sabe ben do que fala, coñece perfectamente o Hospital e o significado de depender de Lugo, mentres que, as declaracións que fai vostede, carecen de toda credibilidade, porque non sabe do que fala, e só repite o que lle mandan, sacrificando o futuro sanitario dos seus veciños e veciñas, para defender o único que lle importa, o seu posto político. 

Fai mais de 3 anos que esta Xunta de Persoal ven alertando de que isto ía suceder, que a pretensión de goberno de Nuñez Feijoo non era outra que a destrución do modelo sanitario que construímos na Mariña. Chamarannos alarmistas, incendiarios e incluso mentiráns, pero o tempo danos a razón e certifica que os únicos que MENTÍAN descaradamente, son eles, os dirixentes políticos do goberno do PP.

Señores dirixentes do PP, ESIXIMOS que rectifiquen, porque a única declaración que queremos escoitar por parte de vostedes é que van publicar un Decreto de Área propio para a Mariña, do contrario, quedarán MARCADOS.


No hay comentarios:

Publicar un comentario