5 mar. 2013

O Capitán Pescanova e o Almirante Fontela


O presidente da patronal galega, Antonio Fontela, asina unha carta na páxina web da Confederación empresarial que deixa patente e claro os intereses que defende. Solicitar axuda á Xunta, a cidadanía e as entidades financeiras para salvar Pescanova por considerala "bandeira de Galiza no mundo" é pouco máis que tratarnos de imbéciles.

Teño claro que esta patronal de Fontela non representa ao verdadeiro tecido empresarial galego (existe!), formado por centos de pemes e autónomos que sofren a crise, que pechan e que ninguén crea ningunha "corrente de opinión favorable".

Respecto a Pescanova, a súa bandeira non é a galega senón a pirata que navega polos océanos do capitalismo sen leis internacionais nin valor ético algún. A flota de Pescanova ocupa ese espazo que algúns definen como "terrorismo empresarial".

Fontela tamén ten pouca memoria. Xa esqueceu da fuga da multinacional a Portugal cando gobernaba o bipartito. O investimento que se fixo na macroplanta de rodaballo de Mira estaba previsto para Galiza.

Fontela que se ocupe de explicarnos porque, por exemplo, Alfonso Paz Andrade (un dos "alma mater" de Pescanova) vendeu 120.000 accións da compañía antes de anunciarse a suspensión de pagamentos. Ou porque varias filiais de Pescanova, a mesma semana, solicitaron e conseguiron liñas de crédito bancario en varias entidades (algunhas por importe superior aos 500.000 euros).

Para todo o demais, xa pasará o que teña que pasar. Pero que non veñan con contos de que Pescanova é unha empresa sistémica ou emblemática da Galiza. Está na situación que está pola mala xestión dos seus administradores. Dos cartos públicos non debe saír nin un só euro para axudala. A Xunta de Feijóo que se esforce en solventar o grave problema que vai supoñer para os traballadores xestionando fórmulas que garanten a viabilidade dun proxecto propio alleo a Pescanova a través do cooperativismo ou da empresa pública.

No hay comentarios:

Publicar un comentario