7 abr. 2013

I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia


"O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta, como novidade na súa programación para esta primavera, o I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, unha cita que pretende achegar mediante o cinema á cidadanía mariñá a historia de diversas mulleres que rachando os moldes da época, rachando coas normas impostas polo patriarcado, foron quen de facerse un oco na historia. Historias de mulleres e mulleres que fixeron historia.

O I Video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, nace após do éxito dunha das actividades máis asentadas do Observatorio, o video-forum Mulleres no Mundo que ten lugar en outono, desde fai catro anos, na vila de Foz. Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, terá o mesmo formato mais nesta cita primaveral o obxectivo é crear referentes, recuperar nomes de mulleres, pois aínda no S.XXI a historia séguese a transmitirse sesgada, baixo a óptica da mirada masculina, e sen ter en conta as aportacións da outra metade da poboación, as mulleres.

A primeira edición do video-forum Rachando moldes. Mulleres que fixeron historia, que comezará ás 20.00h o próximo xoves 11 de abril na Casa da Cultura de Burela e se prolongará durante catro xoves consecutivos, conta cunha carteleira de películas moi diversas e heteroxéneas que dará a posibilidade de coñecer a mulleres que fixeron historia en diferentes ámbitos como as ciencias, a literatura, a política ou a arte. As películas que se proxectarán serán:

• Xoves 11 de abril: Madame Curie, de Mervyn LeRoy.
• Xoves 18 de abril: Las horas, de Stephen Daldry.
• Xoves 25 de abril: Clara Campoamor, la mujer olvidada, de Laura Mañá.
• Xoves 2 de maio: La pasión de Camille Claudel, de Bruno Nuytten.

Ao igual que no video-forum Mulleres no Mundo, neste novo video-forum do Observatorio a entrada é gratuíta. As sesións estarán guiadas por socias do Observatorio e repartiranse uns pequenos dossieres con información sobre a película a visionar. Antes do comezo da película farase unha pequena contextualización do filme para a continuación realizar o visionado. Ao remate da proxección da película haberá un pequeno debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados no filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa a condutora das reflexións do grupo. Asómesmo, repartiranse cafés e pastas gratuitamente ás persoas que o desexen."


No hay comentarios:

Publicar un comentario