14 abr. 2013

Que comen as focas da Casa dos Peixes?


Canta razón ten Gloria Lago e tódolos próceres que compoñen ese colectivo tan necesario para o País: Galicia Bilingüe. O castelán está en perigo e eu non me decatei ata hoxe!

Nacín nunha pequena aldea xa fai bastantes anos. Non lembro que ninguén falase castelán. Meu avó e miña avoa morreron cerca da centuria e nunca aprenderon a falar na lingua colonial. Meus pais si, pero a min nunca me falaron nese estaño linguaxe. Como non tiñamos televisión e pouco se escoitaba a radio, o meu primeiro contacto co castelán foi, como o de outros moitos cativos, na escola. Naquela na que aínda as letras entraban con sangue. E apesare de todo eu, paspán, seguín a falar galego.

Agora teño que recoñecer que a miña ignorancia cáusame prexuízo e limitacións. Hoxe aprobeite a soleada tarde de Domingo para achegarme á Coruña co meu fillo. Xa de por si, o impacto dunha grande cidade, para un pailán dunha aldea da Mariña é moi forte. Un non está acostumado a multitudes nin ten habilidades sociais para desenvolverse en terreo urbano.

E aínda para máis ... o problema que me acarrea a imposición do galego á que fun sometido pola miña familia. Non teño suficientes nocións de castelán para saír do meu recuncho.


O caso foi que cando estabamos na Caso dos Peixes, no Aquarium Finisterrae, observando como nadaban as focas no estanque exterior, unha voz ronca anuncio polo altofalante (en castelán, por suposto): "En dez minutos daráselle de comer nenos ás focas. Por favor, agarren da man aos seu fillos para que non fuxan".

Meteume o medo no corpo! Agarrei ao cativo e saímos raudos daquel horrible lugar. Non podía crer que as focas comesen nenos. Logo, con máis calma, razoando pausadamente, deducín que, se cadra, fixera mal a tradución e a mensaxe era outra. Pero como son vítima da imposición do galego lisquei para A Mariña. Aquí temos poucas focas e as que aparecen de cando en vez polo Cantábrico sei, porque así mo explicaron en galego, que so comen peixes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario