14 may 2013

Billardas a Ceo Aberto. A LNB tamén na defensa de Corcoesto

Non podía ser doutro xeito. A Liga Nacional de Billarda e a Billarda LNB son moito máis que un deporte. Por iso pretendemos demostrar o noso compromiso coa cidadanía deste País contribuíndo, aínda que sexa modestamente, na defensa de calquera causa xusta.

E así o sábado 1 de Xuño estaremos en Santa María de Corcoesto apoiando á Plataforma cun aberto a "Ceo Aberto" contra a mina que pretende espoliar as terras de Bergantiños. 

Mina non!

Billarda Sempre!


Manifesto da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños:

"Un fantasma percorre as terras de Pondal, os vales de Bergantiños, as revoltas do Anllóns, o Monte Branco, Dombate... Ese fantasma ten alento de cianuro e chámase Edgewater, empresa canadense que vén á Galiza non a construír senón a destruír, a extraer o ouro de noso para fuxir con el. Este roubo a cara descuberta é presentado polas autoridades coma unha vitoria, un proxecto estratéxico, porque Edgewater lles vai ofrecer aos “nativos” varias ducias dos empregos peor pagados e máis perigosos, como fai nas súas minas africanas.

As xentes de Bergantiños queremos industrias, a industria produtiva é o mellor índice do dinamismo económico e do emprego estratéxico dun país, igual que o espolio dos recursos é o mellor índice do desartellamento político e social, síntoma da economía entendida como ruindade.

Se a actividade económica non contribúe ao benestar do conxunto da comunidade e só uns cantos se benefician en prexuízo da maioría, e sobre todo se ese beneficio é a costa do patrimonio común, tal actividade económica é ilexítima e antisocial.

O capital sen patria ten como obxectivo único maximizar o beneficio e desafiar os límites que regulan a súa circulación, esa é a súa dinámica. No caso de Corcoesto a Xunta de Galiza fai renuncia do seu papel garantista e regulador e alíase abertamente coa empresa, retorcendo e pervertendo as normas para que se adapten ás esixencias do espoliador: o único que esixe é que cando Edgewater se vaia e quedemos co espazo físico arruinado, todo o ocorrido pareza un accidente. “A mina? Que mina?” A Xunta e os concellos afíns actúan coma un matón a soldo que non protexe senón que traizoa os seus administrados, un goberno que non ten os pés na terra, senón que se deixa arrolar pola propaganda de Edgewater e mesmo a multiplica.

Permitir que unha empresa especuladora veña destruír os nosos petóns e fragas, contaminar o Anllóns e os acuíferos subterráneos, construír balsas tóxicas como as que contaminaron o Danubio en Romanía en 2000 (idéntica á proxectada para Corcoesto), en Hungría en 2010, ou en Andalucía en 1998, para enriba fuxir co ouro co que se elaboraron os torques e as xoias dos nosos castros, empregándonos como gancho para captar investidores nos mercados internacionais, equivale a permitir que saqueen pedra a pedra o Pórtico da Gloria.

A oposición aos embustes, a defensa da terra e da sostibilidade, incluída a laboral para esta xeración e as seguintes, así como a defensa da dignidade cidadá fronte aos que nos queren tratar como unha colonia, lévannos a pedir a paralización da explotación mineira a ceo aberto de Corcoesto."

No hay comentarios:

Publicar un comentario